domingo, 14 de febreiro de 2010

Heroica

Xoves estiven en Delfos, en principio para ir con Calmo ao concerto da Filharmónica, pero a realidade, moito máis teimuda, impúxose por non sermos espelidos: quedamos sen billetes pero non sen concerto, aínda que iso quixese dicir escoitarmos a Terceira Sinfonía amartelados baixo as mantas e co maxisterio de Calmo besbellándome no ouvido, sucesivamente, os movementos: allegro, adagio, marcha fúnebre...
Se primeiro fóramos para a casa co serán xélido e estrelado verténdose sobre o capó e os cristais do coche, o terrible veu despois, cando houbemos de nos vestirmos e deixar a quentura de cama e cuarto, e baixarmos á rúa polar á procura dun bar en que ceamos polbo e gorentosos bocatas de zorza que baixamos cunhas cervexas, e é que naquela casa ao parecer nunca hai nada comestible que non estea vivo, e iso tamén nos inclúe a nós.
De regreso, atravesando o Polo Norte sen luvas nin bufanda, os meus dentes batían nun incontrolable allegro ma non troppo que non cesou até pillarmos de novo a cama. Daquela Calmo despediu a Ludwig van e deu entrada a Fitzcarraldo, pero eu, agotado como estaba, pronto adormecín nun naufraxio sen remedio.

Ningún comentario: