martes, 22 de maio de 2012

Folga (suma e segue)

Por todo isto (e por enésima vez este curso) fun hoxe á folga. Din os xornais que é a primeira convocatoria de folga global no ensino, de pre-escolar á Universidade, e eu sumeime a ela aínda que o sindicato ao que estou afiliado desde hai moitos anos non a apoiaba.
En causas coma esta, cando todos tanto nos xogamos, o purismo sobra; o que importa é a unidade.

venres, 6 de abril de 2012

Simplemente

É unha das poucas cousas boas e sensatas que escoito en meses e non quero deixala correr, porque creo que as cousas máis grandes e belas sempre surxen de xestos pequenos e aparentemente insignificantes.

luns, 27 de febreiro de 2012

Fin

Disque hai un tempo para cada cousa, e que afinal todas as cousas acaban.
É así como a volta a Ithaca en 1.150 posts ve con este o seu final, seguramente definitivo e sen máis reincidencias.
Despois de máis de sete anos, até Kaplan sospeita que a naturalidade con que se narraban as insignificancias e neuras do día a día empezara a tinxirse de rutina, que as palabras espesaban, e que hai vida máis aló do blogomillo no que outrora foramos pioneiros ou case.
Aos amigos e amigas que asomaron a este tobo tantas veces e deixaron testemuño de afecto en miles de comentarios, ás autoras e autores dos blogs tan queridos e visitados por min como quen entra en casa de familia, a todos grazas e unha canción como despedida.
Até máis ver.

xoves, 9 de febreiro de 2012

Ormie

Mira ti que non me terei rido co cocho este desde que onte se me apareceu na consabida bandexa de correo cunha dedicatoria para os que, coma min, están condenados a unha dieta perpetua.

domingo, 5 de febreiro de 2012

Dejà vu

Sen dúbida porque en tempos de tribulación non cómpren as mudanzas, onte a festa de cumpreanos de Polis foi practicamente un calco da de hai dous anos, un completo dejà vu que esta mañá, cando recén acordado comecei a pensar como contalo aquí, até me tentou copiar aquel post, darlle un par de retoques e publicalo.
Unha vez máis estaban a procuradora dos tribunais, agora embarazada de sete meses pero con tal airbag que algúns tememos que rompese augas aquela mesma noite, o pediatra facéndolle olliños á futura clienta, o funcionario de xustiza con moita pluma, o perruqueiro novamente en paro, tres avogados, un deles o pai do nasciturus, e as acostumadas toneladas de comida de catering, os oceanos de cava e a torta riquísima de nata e morangos, nesta ocasión cun 47 desafiante chantado no centro.
Pero nin rastro do Funerario co seu traxe de raia diplomática; quen si estaba era Colacao, aquel divertimento adolescente de Polis, máis alto e máis medrado fisicamente despois dun lustro sen velo, que veu saudarme con desgana, mostrando unha cuarta dos calzóns por riba dun pantalón sen medo á gravidade.
Polis, fuxidío e máis frío que a noite durante a primeira parte da cea, só resucitou en parte cando o debate sobre a caza a Garzón e os chistes sobre o xenrísimo caldearon a mesa e espantaron a Colacao, que pediu permiso para ir xogar coa wii, coma un neno boíño, mentres os demais discutían cousas de maiores.
Entre prato e prato, a Deus puxen por testimuña de que non me iría daquela casa sen saber que me perdera neste último par de meses, pero o interrogatorio non ía ser nada fácil: como se o tivesen ensaiado, sempre aparecía un terceiro ou un cuarto cando Polis se erguía a por copas ou a fumar ou a levar bandexas á cociña. A única maneira, desde logo nada elegante, foi encerrarme con el no baño e esperar que se abrise, lentamente, coma un molusco e puxese en palabras o que xa supuña: se a vida fose cine, Manuel Bandera sería Polis e o que pasou practicamente cabería nunha copla.

sábado, 4 de febreiro de 2012

Frío siberiano

Atopo a miña irmá precisamente baixo o arco da Porta de San Fernando; ela vai para o traballo cargada de papeis e eu veño da libraría, de comprar un agasallo para Polis, que anda de aniversario.
Apesar do frío siberiano, é inevitable someterse a un terceiro grao: que por que ando coxo, que donde veño, que onde vou, que que levo na bolsa de plástico; non me solta se non lle explico que vou para a farmacia, que veño de comprar uns libros e antes aínda da podóloga, e que o puto pé me está a doer tanto que ben o cortaba se tivese unha motoserra á man.
Antes de separarnos, a miña irmá solta sen pensar esa frase que non se me vai da cabeza, e que máis que para un post daría para toda unha novela ou mesmo para unha tese de doutoramento: O último libro que comprei aínda o paguei en pesetas.
Así é como, inspirado polas palabras da miña irmá e coxeando sobre a banquisa de regreso ao tobo, concibo  unha idea maxistral: no sucesivo xa só regalarei libros.
Pode que non dea mellorado o índice de lectura  da miña contorna, pero  seguro que vou romper menos a cabeciña pensando que agasallo comprar a cada quen. 

venres, 3 de febreiro de 2012

Semestre de cine

Cando quixen facer aquilo de sempre das películas vistas no semestre pasado, un slide máis ou menos bonito que me servise de inventario sen ter que poñerme a unha sosa listaxe de títulos, descubrín con estupor que en poucos meses todo aquel sistema vai desaparecer, varrido polo vento do monopolio.
Así que, para evitar que me leve a corrente como disque lle sucede ao peixe que non nada, a min (que non nado nada) cumpriume facer desta volta unha película máis ou menos bonita que me servise de inventario para non ter que facer unha listaxe daqueles títulos vistos ou revistos, na que verán que, como sempre, hai de todo.
E a principal innovación, grazas ao Amo do Calabozo, o cine contido dentro dunha película muda.

luns, 23 de xaneiro de 2012

Ensaios

Empeza unha nova temporada no coro e toca renovar o repertorio.
As novas pezas, dúas en latín e unha en alemán, son fermosísimas pero duras de roer; do Ave verum, o director explícanos que Mozart parece fácil pero que en realidade nanai, o que comprobo en directo en cada ensaio e en diferido cada vez que vou ao traballo, co dictáfono ao lado largando brancas e negras pola autovía; en canto ao Jesus bleibet de Bach, xa se encarga aquel idoma de atrapallar o que non está escrito.
Unha das cousas que máis me admiran é a fidelidade dos homes e mulleres que forman o coro: desde hai décadas acoden aos ensaios tres días por semana despois do traballo, sen importarlles o cansazo, o mal tempo ou que haxa fútbol na tele, como sucede moitos mércores.
A media de idade é alta, principalmente entre os baixos e tenores, o que non impide que ás veces surxan comportamentos de patio de escola, como cando o sesentón da miña dereita lle tira do pelo á soprano que temos diante ou lle toca no ombro para que pense que fun eu, que sigo cantando con cara de pau e reprimo as ganas de cascarlle unha falta de orde.
O director, como el mesmo nos di da música de Mozart, tamén parece fácil pero en realidade nanai: mantennos a raia con suavidade e paciencia, pero non cede; cando mira a fite para a zona dos baixos ou cando achega a cara como para descubrir quen botou un peido, sinto que involuntariamente me poño firme.
E así ensaiamos: verso a verso, primeiro por voces e logo todos xuntos, unha e outra vez, e daquela é como cando ao montar un puzzle encaixan as pezas todas e o que aparece adquire sentido e ademais é fermoso.

sábado, 21 de xaneiro de 2012

Robot

Xa está aquí, engulindo millas tobo adiante, e desde logo con bastante retraso por imponderables da oferta e a demanda, o último agasallo dos Reis Magos.
Non é un paxaro nin un avión, apesar das súas maneiras de mascota e a súa aparencia de ovni; ten un capó de liñas dinámicas, case felino, pero non deixo de achar en falta algún foco na proa, e a suavidade con que retorna á base para a recarga despois de cada expedición polos cuartos fai pensar en enterprises e nostromos.
Ten un mando para guialo, pero eu prefiro deixalo ao seu cando marcho para o traballo, así evito escoitar como ruxe polo corredor ou foza baixo as camas, como brúa ao se enfrontar ás alfombras, e como bate unha e outra vez, con teimosía de escaravello, contra paredes e obstáculos que se lle interpoñen.
Cando regreso, se a sorte permitiu que non se atascase baixo o sofá ou que non caese na rede de cabos que rodean a mesa do estudio, atópoo adormecido, acoplado á nodriza, coa luz intermitente do morro acendéndose e apagándose, coma un corazón.
Está claro que limpa pero tamén que somos pioneiros e que ao invento lle faltan algúns vraos: a caixa do estómago está rebordante de lixo e penuxes cada vez que a abro, pero el prefire as grandes extensións, coma os espíritos libres, e ignora os recantos, que logo hai que ir repasando.
O futuro xa está aquí e a vella aspiradora, chea de rancor, fai as maletas para emigrar ao rocho. Forever and ever.

mércores, 18 de xaneiro de 2012

As máis visitadas

Remexendo aquí e acolá pola parte das costuras, entre outras inutilidades que o Amo do Calabozo nos ofrece xentilmente como cebo, atopo a lapela en que atesoura a listaxe das dez entradas máis visitadas e/ou lidas do ano pasado neste Reincidente, que ao parecer e contra todo pronóstico, foron (por se alguén quere dar de comer á saudade), as seguintes:

1. Salce.
7. A bicha. 
10. Voto.

luns, 9 de xaneiro de 2012

Locus iste

Primeiro enchinme de valor para ir buscar ao rocho esa especie de sartego de cartón branco e esmagado en que despois dos anos se converteu a caixa do tradicional abeto Douglas made in China.
Despois metinme en fariña media tarde, entre bólas brillantes, estrelas de purpurina e pastores variopintos; sen parar, coma un neno boíño.
Pero...
...tanto me custou desmontar a árbore e arrumar o nacemento... que até me deu por pensar se non habería por tras daquela desgana algo máis que preguiza.

xoves, 5 de xaneiro de 2012

In memoriam



Os medios de comunicación repiten, coma un mantra, que era o home máis querido de Galiza. Eu engado que ademais era o máis honesto e, por descontado, a imaxe do que deberíamos ser.
Que a terra lle sexa leve.

luns, 2 de xaneiro de 2012

Semestre de libros

Volvín ler este ano pasado como non lía había séculos: probablemente desde a adolescencia, cando ía a todos lados cargando con libros e até durmía con eles, ou mentía sen remorsos aos amigos se non aparecía por terminar a novela que tiña entre mans; ese pracer que tiña esquecido e esa fidelidade que supuña doutras idades voltou, espero que para quedar, sen que iso signifique que todo o campo é país, e que non houbese enxendros a axexar desde a mesa de noite antes de lles dar pasaporte alí onde habita o olvido aos alleos, ou degradados os propios ao fondo da libraría, como se fosen tóxicos ou infecciosos.
Os outros, os benamados compañeiros, engordan a listaxe que con todo o mimo a seguir lles enumero:

              1. La mujer de verde, de Arnaldur Indridason.
              2. Reacciona.
              3. Día de perros, de Alicia Giménez Bartlett.
              4. Los irlandeses, de Rodolfo Walsh.
              5. Los perros ladran, de Truman Capote.
              6. La voz, de Arnaldur Indridason.
              7. La soledad de Patricia, de Carles Quílez.
              8. Un barco cargado de arroz, de Alicia Giménez Bartlett.
              9. Asesinato en el Savoy, de Maj Sjöwall e Per Wahlöö.
            10. Palabras de caramelo, de Gonzalo Moure.
            11. El ruido de las cosas al caer, de Juan Gabriel Vásquez.
            12. El hombre que se esfumó, de Maj Sjöwall e Per Wahlöö.
            13. Os escaravellos voan á tardiña, de María Gripe.
            14. El coche de bomberos que desapareció, de Maj Sjöwall e Per Wahlöö.
            15. Mensajeros de la oscuridad, de Alicia Giménez Bartlett.
            16. El reinado de Witiza, de Francisco García Pavón.
            17. E de evidencia, de Sue Grafton.
            19. Las hermanas coloradas, de Francisco García Pavón.
            20. La tuneladora, de Fernando Lalana.
            21. Ardores de agosto, de Andrea Camilleri.
            22. Tatuaje, de Manuel Vázquez Montalbán.
            23. La forma del agua, de Andrea Camilleri.

sábado, 31 de decembro de 2011

Tránsito

Non serei eu quen lle bote nada en cara agora que se vai: se algunha virtude tivo que lle hai que agradecer é a de non nos enganar con brillos e luciñas falsas como facían os que o precederon, sendo o espello que nos mostrou que os mercados poden máis que os gobernos, e que os xogos malabares dos políticos adormecendo a democracia e retorcendo as leis poden sufrir a resposta indignada dos cidadáns.
Vimos multitudes reclamando outro modo de facer as cousas, vimos prazas ateigadas de homes e mulleres que non pedían máis que honradez; vimos tamén caer tiranos, e mudar gobernos aquí e por todo o mundo; vimos palidecer a querida moeda, símbolo da Europa unida coa que soñábamos, e converterse nun símbolo de mercadeo e especulación; vimos desaparecer empresas que supúñamos invulnerables, e engordar como nunca antes cos nomes de amigos e coñecidos as listaxes dos desempregados; entre a desolación dos que perden as súas casas, dá case vergoña dicir que nos reduciron o salario, e que falta material para que fagamos en condicións o traballo encomendado cando as institucións de caridade e os comedores sociais non dan abasto.
Quero ser optimista, sen embargo, e pensar que, como das enfermidades os nenos, desta crise sairemos todos medrados e máis fortes, e que o momento convencional e insignificante de mudar os díxitos do calendario será en realidade o sinal de mudanzas máis profundas e favorables, o principio da prosperidade e a alegría.
Para todos, un feliz 2012. 

martes, 27 de decembro de 2011

Calendarios

Por primeira vez en moitos anos, a miña irmá non fará chaveiros nin bolígrafos nin camisetas de propaganda; tampouco encargou calendarios para repartir entre os clientes, nin con coches antigos nin con animaliños adorables nin con santos, e menos aínda con señoras con pouca roupa, como eu lle suxiro, que ao mellor son máis baratos.
A miña irmá enrócase e esbardalla contra os sociatas e os seus gromos verdes cun furor tan agrio, e con tal contundencia me chama funcionario que se me van as ganas de seguila vacilando, principalmente cando di que había que escoller: ou a merda esa dos calendarios ou uns agasallos de Reis como é debido.
O temporal amaina sobre a mesa, comemos turrón e eu sigo buscando un calendario.

domingo, 25 de decembro de 2011

Mañá de Nadal

Eis a secuencia da adoración dos pastores e os Reis Magos n'O Evanxello segundo Mateo, de Pasolini: ouro, incenso, mirra... e moita tenrura.

venres, 23 de decembro de 2011

Por terras do Corgo

Entrar no coro a estas alturas do ano foi duro: estivemos cantando varias veces por semana e a min, que practicamente non coñecía nada do que cantábamos, cumpriume poñerme ao día a golpe de dictáfono camiño do traballo, ou na casa mentres corrixía e poñía as notas da primeira avaliación: da máquina sae unha banda sonora con interminables repeticións, correccións e advertencias do director, tusidos anónimos e até chistes rosmados a media voz polos venerables barítonos con barrigas de abade.
Herg dáme vaselina e dime que o peor xa pasou, como se temese unha renuncia miña, e seguimos camiñando, sobre a mesta alfombra de follas da carballeira de Santa Comba que envolve o muíño reconvertido en restaurante no que xantaremos para celebrar o final do trimestre e a chegada das vacacións; Cam e A. van diante; desde abaixo chega o fragor húmido do río Chamoso, que entre carballos e fentos enormes corre aínda adolescente, tolo por unirse ao Miño.
Despois visitaremos o muíño e o mazo da fragua, que o encargado poñerá a funcionar só para nós os catro: o bater da peza de ferro que remata o brazo rexo de castiñeiro é dunha contundencia encolle o estómago. Pero antes, ben sentados á mesa dun comedor elegante e cálido, demos conta dunhas anguías e da rosada carne dun galo campeiro.
Cando apareceu a cazola de barro coas gorentosas talladas sobre o mantel, A. pediulle ao mozo que estivese atento ao teléfono por se había algunha chamada urxente de Moncloa para nós, e aínda agora me dan ganas de rir ao lembrar a cara que puxo o rapaz ao pensar que tipos podían ser aqueles aos que servía.
Moito despois, cando xa admiráramos o funcionamento das poleas, o rodicio e as enormes moas, cando xa non quedaba país por arranxar, lástima que fose de noite, con A. coñecemos o vello muiñeiro retirado, que tivera tantas noivas pero quedou solteiro porque sempre llas levantaba algún máis guapo, demos uns codelos de pan duro a dúas fermosas eguas dun parente, visitamos tres cabras nun alboio, e vimos, por suposto sen invadirmos a propiedade, a ábsida románica da capela privada que, á maneira de novo Xanadú, un presunto delincuente de moda ergueu hai poucos anos para a primeira comuñón do seu fillo.

sábado, 17 de decembro de 2011

Pange lingua

Ten razón Zeltia cando se pregunta nos comentarios onde estaba ela para non enteirarse de que agora estou a cantar nun coro; o certo é que non quixen contar nada aquí até que o asunto callase, por se ao final me daban unha patada no cu (ou tres couces na garganta, como disque deu o infanzón ao Lopo jograr daquela cantiga de maldizer).
Tampouco contei nada na casa, con excepción da señorita Kaplan, e a reacción ao sabéreno foi como se descubrisen que a pobre velliña que pide esmola nas Cortiñas de San Román ten unha fortuna en accións ou que o señor do terceiro falsifica billetes de banco.
Agora a todos lles parece que se vía vir, pero se non chega a ser por Herg, que me falou de que faltaban voces masculinas no coro e unha tarde de hai un mes me pediu que a acompañase a un ensaio, eu non tería caído do cabalo nin andaría agora descoidando este blog (que fixo hai unha semana sete anos sen pena nin gloria); nin aturando a miña sobriña, que desde que me viu co smoking posto teima en que lle diga a cada momento Chámome Bond, James Bond; nin respondéndolle á miña irmá como á miña conciencia que se pode cantar o Pange lingua nunha catedral ou a Bar Mitzvah nunha sinagoga sen deixar por iso de ser un ateo recalcitrante, que o caso é cantar; nin enchendo a cabeciña con panxoliñas e gregorianos.
Para Herg, que é profesora de música, e para a señorita Kaplan, que desde pequena estuda solfexo e clarinete, todo é moi sinxelo, pero a min, que son un completo leigo, cómpreme aprender de memoria os cantos e a as músicas porque non sei ler as partituras.
Pero o caso é cantar.

venres, 9 de decembro de 2011

Carta

Querido Teddy:

Chegáronme as fotos que me mandaches, e chegaron ben. A única obxección son eu, que nalgunhas (case todas) parezo subnormal, principalmente esa en que estou sentado xunto á estraña máquina (que demos era, unha debulladora, un muíño, que?)  á porta daquela casa de Burón, pero enfín, haberá que asumir que é defecto do modelo. As miñas aínda non as descarguei, e seguen na cámara; cando as baixe (teño que facer un post xa!) mándoche as que non coincidan coas que tiraches ti.
Tamén me chegou a túa postal de Chaves, tan cariñosa e saudosa: non imaxinas canto agradezo eses detalles teus, eu, que son tan túzaro para estas cousas.
Repartín a lotaría. Por se non nos vemos antes e non che podo dar o recibo, anúncioche que xogas cinco eurazos ao número xx.xxx, que non é o que xogamos no Instituto, así que tes máis posibilidades de morder algo, porque nunca nunca nunca nos tocou nada (nin reintegro nin pedrea nin can que nos ladrase). É algo lexendario e xa hai un equipo da tele que está preparando un programa sobre o asunto, coa Milá á frente.
Sobre o coro: mañá espero ir comprar uns pantalóns de tergal (?) negros para o uniforme; a chaqueta póñena eles e a pajarita regálama un dos baixos, que é pequeniño e di que lle sobra esta porque é demasiado grande para a súa talla e parece que lle vai saír voando (textual); a encargada do vestiario alarmouse toda cando lle preguntei se valía que levase un pantalón negro e novo pero vaqueiro (total, como me tapan as sopranos), e dixo que de ningún modo; agora o alarmado son eu, porque a última vez que puxen un deses pantalóns de tea (non sei nin como chamalo, vese que me falta clase) foi o remoto día que casei.
Por outra parte, agradezo non ter que levar uns pantalóns onde antes habitou un señor descoñecido, vivo ou morto; debe ser que, como só teño unha irmá, me falta o costume de herdar a roupa doutros.
O xoves cantamos naquela igrexa que che dixen: saíu estupendamente e, aínda que sigo encantado con estes mesteres cantores, resulta cada vez máis evidente que a miña voz non é de tenor senón de baixo porque non dou chegado ás alturas dos tenores; tanto é así que o que tiña ao lado se deu de conta e o comentou despois, cando todos tomábamos unhas tazas, así que a semana próxima parece que o director me vai facer outra proba para ver se me cambian de corda. Mentres, síntome coma o pitiño á espera do sexador que o defina. 

Polo demais, todo ben, coa mesa ateigada de exames por corrixir e unhas ganas tolas de vacacións.

Recibe un bico cariñoso, etc.

sábado, 3 de decembro de 2011

Sine die

Todas as familias felices se parecen, pero as infelices sono cada unha á súa maneira. León Tolstoi afirmou isto hai século e medio, e eu, serie a serie, capítulo a capítulo, teimo en demostralo; así que despois dos Fisher e os Soprano, desde onte á noite os Tudor deambulan polo meu salón para me acompañaren nas longas noites do inverno que entra.
Pura cortesía de Polis, o gran fornecedor, que o outro día me prestou a serie completa con moitas recomendacións e ollos en branco. Había un século que non nos víamos, e combináramos para xantar nun sitio con bufé que a el lle recomendaran pero que ao final acabou deixándonos bastante fríos, case tanto como o día neboento e a propia comida exposta, cociñada ou non, que un ía botando no prato e levaba para a mesa ou para a grella, a que a fixesen.
Á falta de chamadas, sms conmemorativos ou calquer outro sinal, supuxera eu xa que a Polis se lle esquecera o meu transbordo á ruta dos 46, ou que dera por sentado que xa non cumpro anos despois dos 45, como lle ocorre á miña irmá.
Pero non: na bolsa de papel non só cabían Henrique VIII e todas a súas mulleres senón tamén o meu agasallo de anos, que Polis me deixou no asento para verme chimpar tras sentar nel cargando cos víveres: ese pack de catro discos coa recompilación póstuma das cancións da defunta Amy, que onte soou no coche baixo a choiva ao ir buscar á señorita Kaplan, e que agora soa no estudio mentres isto escribo e ela no seu cuarto resolve esas terribles divisións con decimais.
Co pretexto do Nadal, Polis e eu despedímonos sine die: cada vez hai máis distancia entre os nosos encontros, que seguen sendo cordialísimos, pero as nosas proas apuntan a distintos nortes; entre noticias de EREs sorprendentes e especulacións sobre as políticas do novo goberno, unha e outra vez asomaba o traxe milraias do Funerario.
Nunca viviremos xuntos, declara Polis atacando unha patética peza de comtessa no seu pratiño, pero xa non me preocupa o que pensan os viciños do coche fúnebre que me dorme moitas noites diante do portal.

sábado, 26 de novembro de 2011

Trece días

Si que dá gusto que se preocupen por un, pero non teñan medo, que estamos ben e nada pasou que me impedise actualizar (nin me secuestraron os extraterrestres nin sufrín un ataque de amnesia nin como outras veces o portátil entrou en coma nin me adiantei aos grandes cambios que se achegan entrando en letargo) como non sexa algo que elegantemente chamamos procratinación, pero que non é máis que pura preguiza.
Foi como aquel que un día sae da casa a comprar tabaco e trinta anos despois aínda non regresou, pero non por non querer voltar, senón por non saber como explicalo.
Un pouco así ocorreu comigo estes trece (!) días, pero non se me preocupen, que sigo aquí e non deixei de visitalos aínda que non deixase comentarios.
Agora vou.

mércores, 16 de novembro de 2011

Voto

As cousas están como están, e mentres me entran pola xanela os lemas de campaña que uns ou outros berran pola megafonía mentres agardan o cambio do semáfono (se parece absurdo que alguén mude o sentido do voto tras ver a propaganda nas caixas de correo do portal ou pegada nos muros, pensar que o vai facer por escoitar a berros unha consigna en plena rúa non sei xa o que pode parecer) cerro os sobres que conteñen o meu voto para este Domingo fatal.
A señorita Kaplan chamou onte ao serán para asesorarme, pero non fixo falta: seguindo a Ignacio de Loyola, nestes tempos de tribulación en que non cómpre mudanza, votarei ao mesmo partido ao que levo votando toda a vida, o único que me garante o apoio incondicional á miña lingua e probablemente o que menos se lixou con corruptelas e mercadeos.
Meu pai di que non entende de política, que el vota aos socialistas porque herdou o voto de seu pai, que xa lles votaba na República; miña mai anda atrás de min co feixe de sobres e papeletas que lle chegaron por correo para que lle explique como votar ao PSOE pero excluíndo a Pepe Blanco; a miña sobriña afirma que case seguro non irá votar; o meu cuñado para estas cousas é unha esfinxe; a miña irmá di que está farta de ZP, de leires e bibianas, pero que uns lle parecen rancios e os outros (por favor!) demasiado radicais; a señorita Kaplan conta que súa mai, salomonicamente, votará BNG para o Congreso e PSOE para o Senado porque ten medo do cataclismo que anuncian as enquisas.
E eu, meus queridos, confeso que máis dunha vez pensei facer caso á señora da foto (que pillei aquí), e escribir ben clariño FRANZ KAFKA co rotulador gordo e vermello sobre as dúas papeletas, pero non o farei porque, para alén de indignado, descorazonado e amargado, sinto que o voto antisistema de momento non vai comigo.
Aínda que ao paso que vamos, quen sabe, poden facer apostas. 

domingo, 13 de novembro de 2011

Cádavo

Hai algúns meses, cando contei que recibira unha postal de Teddy desde O Cádavo, descubrín con sorpresa que moitos dos que por aquí asoman nunca ouviran falar dest e lugar, que é capital do concello lugués de Baleira, e está aproximadamente a medio camiño entre os de Castroverde e a Fonsagrada.
Receando do tempo, que sen embargo se portou como debía, esta semana volvín ao Cádavo a xantar con Teddy e conseguir que despois dos cafés polo menos me levase de novo a Fonteo, ese lugar femoso e máxico onde nace nada menos que o río Eo.
Os roles dos dous está ben aprendidos, e Teddy esmendréllase guiando ao urbanita que non ben chega á vila xa se lembra da Cicely de Alaska ao ver o único supermercado, a única farmacia, a caixa de aforros, e os tractores aparcados na porta dos tres bares onde os parroquianos matan as horas vendo a tele e xogando ás cartas; que se emociona á vista dos soutos dourados polo Outono e tira fotos dos retortos e castigados toros dos castiñeiros á beira da estrada, das aldeas perdidas, dos cabazos a catro augas, e dos muíños abandonados na ribeira solitaria.
Como o menú previsto só incluía a visita a Fonteo, a prolongación da sobremesa restounos un tempo precioso ao fin da tarde, cando Teddy, seguindo sempre o curso do río que víramos nacer pouco antes, puxo rumbo á fraga da Marronda e aos muíños da Cortevella, co seu cabaceiro e a súa estatua, pétrea e un tanto kitch, do santo de Asís.
A noite botóusenos enriba case sen sentir, apagando as cores verdes, pardas e douradas de árbores e rochas, e facendo máis evidente o silencio e, se iso é posible, a omnipresente sensación de soedade.

luns, 7 de novembro de 2011

Pola rúa dos 46

Desde venres transito xa pola rúa dos 46 e inaugúroa, esquecendo a dieta, cun gorentoso e abundante cocido para media familia (a outra media, meus pais, toman estes días as augas nalgún remoto balneario estremeño): hai que recoñecelo, de miña mai herdei a falta de calibre nas doses, e o Domingo retornaron os comensais para dar conta dos restos, e nin por esas: no conxelador orellas e fociños agardan a súa oportunidade encerrados nun tupper, e a marea de copas e pratos vai voltando progresivamente ao acubillo orixinal.
Mentres, seguen chegando desorientadas mensaxes de felicitación pasadas de data e algunha sorpresa vía sms. A señorita Kaplan agasalloume cun dos seus preciosos debuxos, a miña irmá cun cactus para substituír o bonsai defunto, e a miña sobriña cun apetecible foie-grass que aínda non decidín se podo ou non podo comer, por aquilo da dieta.
E eu, de min e  para min, tres cousas: un libro do meu matrimonio favorito, un par de zapatos de inverno, e aproximadamente un metro cadrado da casa na que vivo.

luns, 31 de outubro de 2011

Todos os Santos

Como cada ano, estes días toca visitar os defuntiños.
Coa mesma antelación de todos os anos para evitar aglomeracións e atoramentos automobilísticos nas proximidades da necrópole, alá nos fomos onte, mirando ao ceo por se chovía, e cargados de ramos de flores brancas e amarelas para ilos distribuíndo polos cinco panteóns que gardan cinzas familiares. 
O procedemento sempre é o mesmo, ano tras ano: para as tumbas dos avós van os dous ramos máis grandes, que a miña mai coloca minuciosamente despois de limpar flores vellas e lixos que o vento esparexeu sobre a lousa, e antes de debullar unhas cantas oracións que meu pai e eu nunca lle acompañamos: o rasrás dalguén que esfrega noutras lápidas parece que lle desgasta a voz que reza e despois, antes de marcharmos, encomenda e explica cousas aos avós como se estivesen vivos, algo que eu nunca comprendín.
Seguimos co reparto polas outras sepulturas: agora os ramos son máis pequenos e a oración é máis rápida, sen encomendas; a fin de contas son cuñados e non hai vínculos de sangue, e iso para miña mai é definitivo.
Cando voltamos para o coche, só restaba o feixiño de crisantemos atado ecoloxicamente cunha rama que ela reservou para lembrar o tío H. no mesmo lugar do río en que hai mes e medio lle esparexemos as cinzas; antes de acender o motor aínda tratei de disuadila pero non houbo argumentos que valesen: nin que a corrente xa dispersou as cinzas nin que botar flores no río é antiecolóxico, así que me conformei con lembrarlle que non é ningunha Catwoman para empoleirarse no caneiro e facerlle prometer que se limitaría a botar as flores, elegantemente, desde arriba.
En realidade non ía ser necesario porque, como vimos en canto chegamos á ribeira, as choivas da última semana subiran aceptablemente o nivel das augas, e xa corrían alegremente sobre o caneiro e cubrían as rochas, os toros das árbores da ribeira e as represas que daquela asomaban, impudicamente, á vista de todos.
O ramiño de crisantemos brancos e amarelos flotou varios segundos e, antes de que a miña mai acabase as oracións, xirou arredor de si bruscamente para desaparecer río abaixo, levado pola corrente.