venres, 23 de xaneiro de 2009

Piratas de Ithaca

Non contei aínda que o día das eivas e as laceiras deixei que Polis me convencese para cargar no ordenador certo programa e así baixar pelis, moitas pelis, e series, moitas series, entre os dous. Unha semana máis tarde Polis, baixo a neve que cae en Ithaca, vén merendar ao tobo para ver a coroación republicana e controlar a produción, e mentres os Obama, tras desceren da limusina, camiñan pola avenida Pensilvania, o portátil ferve ao tempo que un río de cine lle vai enchendo as adegas.
As propias e as complementarias: móstrolle a Polis con orgullo o enorme almacén de 1 tera que xubilou os discos, e en que rápida e comodamente gardo o tesouro sen todas aquelas aborrecibles manobras. Pero o mellor é que é inmenso: como faría un novo rico ao presumir do tamaño da mansión, da piscina, do bemeúve, presúmolle a Polis, que segue ancorado nas disquetes, de hard-drive: despois de todas as películas, as fotos, os exames, os apuntamentos, os textos e relatos escritos noutrora, a música que xa encerrei dentro, aínda resta espazo suficiente para amoblar un recanto acolledor dentro como estúdio, para instalar un billar americano, unha sauna ou así, xa verei.
En calquera caso, entre olivas e cervexas, falamos dos problemas que presenta a pirataría doméstica; dos legais desengáname Polis, que para iso é avogado, pero eu atopo máis.
Por exemplo, a escolla: é como un xigatesco bufé onde un pode servirse de entre miles de pratas, fontes e bandexas e acaba quedando sen xantar por non decidir que poñer no prato.
Tamén alvisco que ocorrerá como cando apareceron os vídeos e facíamos copias e copias de todo, desde a película de madrugada na dúas ao telediario das nove, borrosas copias que nin víamos, que arrumábamos e esquecíamos nunha gaveta até o día que necesitábamos unha fita, e daquela regravábamos sen vermos nin sobre que.

10 comentarios:

bueno dixo...

He he he

peke dixo...

En fin, cousas veremos que non cataremos. ;)

Anonymous dixo...

kultura libre xa!!

mariajesusparadela dixo...

¡ cánta razón ten!

Anonymous dixo...

Síntome plenamente identificada, cantas pelis de cine da 2 pola noite teño en vhs... cantas cousas teño borrado por botar man da primeira cinta que vía enriba do vídeo... cantos libros na casa que nunca hei ler... En canto aos libros e as pelis agora xa tomei a determinación de non seguir intentándoo cando non me gustan, déixoos e punto.
Supoño que nesta parte do planeta estamos na era da acumulación innecesaria de bens, e que eses bens sexan culturais non nos converte en menos consumidores fanáticos.
E dito isto, vaiamos ao interesante, o "certo programa" non o hai para Mac :(
Saúdos.
X

Perry dixo...

No te sientas culpable porque no es el único. Lo dice el anónimo: la cultura, para el que la crea y para el que la disfruta, no para los intermediarios que se ponen las botas.

Perry dixo...

Me refiero al anónimo nº 1
Saludos, señor Kaplan

mariajesusparadela dixo...

Señor Kaplan, entre no meu blogue e mire o día de hoxe, por favor.

Antonio Martínez dixo...

Veño de coñecer este magnífico blog. Parabéns e moitas grazas por referenciar INICIARTE.
Saúdos.

Sun Iou Miou dixo...

Xa lin o post este non sei as veces para inspirarme e non consigo. Chego as olivas e fáiseme a boca auga.

Poida que sexa que me acordo de miña nai, que tamém gravaba todas as películas que lle gustaban.

Ou que pelis gústanme no cine, e o tempo que hai que non vou e o que me queda ata que poida volver...

Decididamente, este post deixoume con ansia(s).