Podería así contar que me deron a titoría dun grupo onde todos eran punkies, que unha noite os profes do instituto nos fomos bañar no Sil ao pé da ponte de Petín, fartos de godello despois dunha cea, e que outra vez fomos apañar cereixas ao Bierzo e acabei xunto a un de matemáticas e un de automoción visitando a primeira e única barra americana que pisei na vida.
Que pechábamos os locais onde confraternizábamos cos operarios das louseiras, e que víamos amencer de camiño á casa sen por iso deixarmos de dar a clase das nove. Que Olivia de Popeye, Fesore e eu compartíamos piso, un mausoleo desolado ao que daba arrepíos voltar, e tan frío que ás veces abríamos a xanela para quecelo se a caldeira non tiraba. Que no armario do inhóspito cuarto de invitados curábamos chourizos, queixos e androllas, e que así e todo viña xente durmir á casa.
Podería contar que se queríamos ir ao cine cumpríanos ir a Ponferrada nun 127 prestado; que me sorprendían a roxa terra das Médulas refulxindo ao solpor e o voo das cegoñas contra o ceo azul; que se escollín aquela praza para as prácticas foi por ser a máis achegada aonde vivía a miña moza daquel tempo; que en Valdeorras fixen amigos que o seguen sendo apesar de nos vermos tan pouco, e que decorreron tantos anos e o mundo mudou tanto que agora resulta inconcibible pensar que era normal fumar nas aulas, que non houbese teléfono na casa, e que para comprar o meu primeiro ordenador, case con manivela incorporada, tivese que destinarlle o soldo de dous meses.
Prometo que igual o conto. Un día destes, a ver se me acordo.
3 comentarios:
Decididamente somos da mesma quinta. A min tocoume Celanova, do resto todo igual, fóra a barra americana. E os alumnos, dos que gardo un recordo de bestia ternura e que case me fixeron sentir gana de querer ser mestra. (`_^)
Conte, conte, por favor, señor Kaplan, con mais detalle (agás o da barra americana, que eu tamén tiven que entrar unha vez en unha, por culpa dun accidente de tráfico, e xa me gustaría que moita xente que presume de fina me mostrara tanta tenrura, tacto e recato como mostraron as mulleres que traballaban alí. E, no quero perder esa imaxe.)
Conte, conte máis.
Publicar un comentario