sábado, 22 de agosto de 2009

Videoclube

A señorita Kaplan lembrou onte, ao pasarmos diante do videoclube, que alí dentro tamén hai pelis e que nós temos collido algunha vez algunha. Resultado: entramos sen sabermos moi ben que coller e saímos cunha peli de debuxos animados, un cartaz da última de Indiana Jones, e a non tan sorprendente noticia de que non poderemos renovar o abono porque o noso videoclube de referencia vai fechar o mes que vén.
O home esténdese en razóns maiores e menores para xustificar o feche (a SGAE, a crise, os impostos, a TDT, o manta, as descargas de internet) pero esquece a máis inmediata: un videoclube con caixeiro que hai tres meses abriron a dúas rúas deste.
Eu dígolle que o sinto, facendo un cilindro co cartaz; el resposta que ten outro traballo polas mañás, e que se o sente é sobretodo por nós, polos clientes, que a fin de contas éramos unha familia.
Non sei se este home está a finxir ou non, pero diante de tamaña dignidade o meu ánimo enfraquece e até lamento ter un papel nesta traxedia: certo que non teño conta no videoclube da competencia pero pirateo, compro e hai un par de meses que teño non sei cantos canais de televisión.
Cóntollo á miña irmá, que tamén é socia e tamén o sente pero tampouco moito: nin siquera lembra a última película que alugou, pero cre que aínda era en VHS; neste preciso momento, a miña mai descobre que o VHS xa non existe.

4 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

É triste, pero é verdade, cada ún de nós fai o que pode no pirateo cotiá. E autores e pequenos comercios pagan o precio.

Acábome de decatar que hai unha barra de google que pon: sic:"esta página está escrita en portugués ¿quiere traducirla con la barra de google?"

Peke dixo...

Non chego ao extremo da túa nai, pero non hai tanto tempo que eu tamén souben que xa non existía o VHS.

Sun Iou Miou dixo...

É a lei salvaxe da natureza. A min gústame ir ao cine e cada vez vanme fechando mais salas ao redor, cada vez estou mais soa na sala, tanto máis soa canto mellor e a película: o futuro está negro.

(Home, por fin un comentarista que non é de letras...)

paideleo dixo...

Adaptarse ou morrer.
Nós alugamos películas para o Leo e logo as copiamos. Supoño que é unha opción bastante honesta.

Vaia, miro que a min me chegan visitas de Taiwan e a vostede de Rumanía.