A señorita Kaplan aprendeu ben a técnica de Bambi ou, tamén chamada máis enxebremente, do pitiño mollado, que practica con soltura cada vez que quere algo.
O último: un acuario para o seu santo.
Para desarmarme pasou lista entre os nenos da súa escola e demais coñecidos que o teñen; outros argumentos que manexa son que non só lle vai ser útil a ela para coñe a observación dos peixes en vivo e directo senón que até a min as carpas me farán muda compañía, mentres Toni Soprano e seu tío Junior se complican a vida.
Logo ela pon cara de boíña, e ao final xa están miña mai ofrecendo comprarlle os peixes (precisamente ela, que cando éramos pequenos non quixo na casa máis fauna que a comestible) e a miña irmá informando de promocións de acuarios.
Pois ben: a cousa xa está aquí e empezou a instalación co traslado, máis ben homérico, da enciclopedia que lle cederá o lugar, e a recolocación dos outros libros que estaban alí onde irá a enciclopedia; coa fura de taboleiros da libraría para que pasen cabos e tubos; coa compra de tres kilos de pedras de río negras e brancas; con aprender como funciona o sistema, a bomba, as bacterias, o ph da auga e non sei que máis.
A señorita Kaplan chama cada serán para saber dos progresos e asegurar a marcha do proxecto; se todo vai ben e atopamos un barquiño afundido ou un buzo (non o meu madelman, que non deixou de casar coa Barbie para acabar no fondo dun acuario), Venres iremos comprar uns peixes para os que a nena está xa a procurar nomes.
Cóntame hoxe por teléfono que, cando en coñe lles preguntaron se tiñan mascotas na casa, a señorita Kaplan orgullosamente respondeu que tiña varios peixiños nun acuario que coidamos ela e mais eu.
(A fin de contas, papá, só me adiantei unha semana, engadiu).
6 comentarios:
Como a cousa xa está feita, eu non teño que insistir. Iso de chamarlle coñe a coñecemento do medio, encantoume.
Cando se canse de ver "coñe" nun acuario, dan unha volta por Paradela, porque teño alá, nun prado, un estanque cheo de carpas que non precisan nen estudio de PH, nen cousa nengunha: entra auga por un lado e elas vanse apañando. Pero tamén hai tritóns, ras e unha bichuada digna de estudio (niste tempo,unha chea de libélulas que parecen helicópteros antiincendios)
O 12 de septembro do 2008, teño unha entrada no meu blogue con peixes dabondo.
E eu que non lle miro a graza por ningún lado aos peixiños.
Enfin, supoño que estarán ben cuidados.
Quando o meu filho era pequeno também passei por essa dos peixinhos. Nunca tivemos muita sorte, morriam todos...
Non soporto nin paxaros engaiolados nin peixes enacuariados: morro de pena. Claro, que comprendo que é algo complicado ter os peixes á solta pola casa, se a casa non é un mar, un río, un lago, todo de proporcións desmedidas.
Sr. Kaplan... consígale un playmobil pirata para el atrezzo :)
Publicar un comentario