mércores, 24 de febreiro de 2010

Botín

A poucos días da nova migración a climas máis cálidos, a segunda deste Inverno, meu pai dá por oficialmente concluída a limpeza de rocho e deixa paso ao meu traballo de salvamento.
Escaso foi, apenas tres bolsas, excluídos puzzles incompletos, bonecas descoloridas (a Nancy levouna miña irmá o outro día, antes de podela eu reivindicar para a señorita Kaplan), e unha morea de libros e libretas da escola cheos de pó e errores.
Do expurgo salvei sen embargo o meu atlas coa RDA e a URSS, con Castilla la Nueva e Castilla la Vieja flamantes sobre os mapas de colorín; o libro de escolaridade con todas as notas finais (aquelas matemáticas que deixei para setembro en 7º, tamén); dous cómics de Marvel con historias de vampiros; a xerriña de barro que meu pai me comprou nun San Froilán de hai mil anos; e os libros de lectura da EXB, aqueles Senda entre os que non achei o de 1º e si o de 3º coas ilustracións psicodélicas, como lembraba.
Pero (atención!!) o máis valioso e inesperado do botín son os dous álbums de diapositivas que a Coca-cola editou nos 70: un polas olimpiadas de Montreal, coa historia dos xogos contemporáneos, e outro despois, conmemorando a Xulio Verne con imaxes dunha moderna volta ao mundo en 80 diapositivas.
As diapositivas, de goma transparente, viñan dentro da chapa dos refrescos e había que as gardar en bandas de plástico para logo velas através dos visioramas de cartón negro, que non deberon sobrevivir porque non aparecen por ningún sitio.
Conseguir conseguín as diapositivas todas, pero só de pensar nos traballiños que pasei para xuntalas (mobilizando a familia, cambiando cos amigos, apañando chapas nos bares) hoxe sinto algo semellante á ternura.

5 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Eu sempre fun tamén coleccionista.
Ainda hai cromos que gardo nalgures.

Ra dixo...

Ay.

paideleo dixo...

Pois resultou unha boa limpeza.
A min tócame dentro de pouco pero non penso que sexa tan fructífera.

Princesa Sigrid dixo...

Eu, que son unha avoíña cebolleta, pasoo de marabilla con esas limpezas que tocan de cando en vez. A verdade é que as que fago eu non teñen tanto toque kitsch, pero envidio moitísimo eses libros de ""Senda". Acordome perfectamente de Pandora, Africa, Pepín...que ben o pasaba con eles.Un bico, sr. Kaplan, xa ve vostede que paso por aquí aínda que son tímida para os comentarios.

Sun Iou Miou dixo...

Inconstante como son, as miñas coleccións nunca chegaron a nada, nin en amores, todos incompletos. ;)