luns, 21 de xuño de 2010

Brevemente


1. Até hai un par de días non sabía o que eran as vuvuzelas (ou como queira que se escriba); agora que o sei creo que non perdía nada vivindo na ignorancia.

2. Seguindo a tradición, afogo nun mar de exames mentres dou grazas á divindade ou á evolución que me fixeron inmune ao fuchibou, o que me permite adicarme sen remorsos ao labor de corrixir, ese pracer do intelecto.

3. Escolmo dun dos exames a seguinte frase que ilustra o significado de dúas locucións latinas: Xuro per capita da miña mai que meu pai non é a vox populi da nosa casa. Non se pode negar que é desacougante; a autora, unha alumna de 4º de ESO, non.

4. Erg e Cam rin a esgalla cando llelo conto; Erg dime despois que mañá ao serán teñen o último ensaio, que bailarán un foxtrot, que Polis até alugou un frac na Coruña para ir coma un príncipe, e que eu non poderei meterme no local para axexar aínda que tivese máis disfraces que Mortadelo.

5. O ciclo termina, unha vez máis, e este ano estou probablemente máis canso que nunca, como sempre. En poucos días entregareime á inactividade total até a aventura turca.

6 comentarios:

paideleo dixo...

Eu tampouco sabía da vuvucela esa pero,claro,ese mundo non me enche o ollo.
Agora a descansar ata a aventura turca... que sorte !.

mariajesusparadela dixo...

Voulle dicir unha cousa: O venres pola tarde haberá cereixas (poucas, é verdade) na cerdeira.
Achéguese. Comemos cereixas na árbore e fago unha tortilla sen cebola (a min non me gusta) para cear.
As nove e media volve cara esa cidade onde o alcalde, según din, anda entre a xente vestido de romano.
(Nunca, na casa de ninguén a voz do pai foi vox populi, nen vox dei)

zeltia dixo...

Pregúntome se -sen decatarme- viviréi tan ó marxe de paixóns tan fervedeiras coma o fútbol, porque tentei contaxiarme dese "espíritu", pero non o consigo. Así que ando ó marxe vivindo entre outros automarxinados, coma mín.
E coma vostede, polo que vexo.

soa moi ben iso de descansar ata o da aventura turca; non sei se por a palabra "descansar" ou se pola palabra "aventura"; calquera delas ten moi boas resonancias

Xan dixo...

O da vuvucela da moito xogo, ate Pepe Blanco acusoua Rajoy de ser unha vulvucela incesante.
As frases que poñen nos examenes os alumnos sempre deron moito de si.
Disfrute dunhas vacacions merecidas.
Un saúdo

Sun Iou Miou dixo...

Váisenos ás turquías! Ando a riscar as baldosas cos dentes.

xenevra dixo...

Sempre hai alguén inxenioso que debuxa un enorme sorriso (ou case gargallada) no medio do cansazo final. Por fin chegou o tempo de lecer!!
Boas vacacións