martes, 8 de xuño de 2010

Lost

Hai un par de semanas ou así que o lector de MP3 está desaparecido. Dá igual buscalo polas gavetas, nos petos dos pantalóns, baixo da cama ou entre os exames que fermentan riba da mesa: non aparece por ningures e iso desespérame.
De cando en vez volvo os ollos á cadela, tranquilamente durmida aos pés; debe notar que sospeito dela, porque tamén de cando en vez olla para min un pouco perplexa e volve adormecer. Cústame reprimir a tentación de achegarlle a orella ao lombo peludo, por se dou escoitado ao lonxe a Raíña da Noite ou os ecos de Corcobado.
Se pasou o que creo que pasou, a estas alturas xa nada restará xa do aparello, moito menos de Luz Casal, de Billie Holliday ou dos catro de Liverpool.

4 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Nin o pense: poño as mans nolume de que non comeu tal trapallada. E, se a desfixera, farta de velo perder o tempo co aparello, algo tiña que ter deixado. Faga favor de mirar no instituto: entre o departament e a sala de profes, por alí andará.
E xa me conta.

zeltia dixo...

Vaia mestura leva vostede no mp3!
(non creo que a cadela llo comera, porque se non habíalle sentar mal, -de todos é sabido que mesturar é malo para o estómago-)

Voume para a camiña con the man I love, (escoito a Billie Holliday eu tamén)

xenevra dixo...

E unha máis que se suma ás que non desconfiamos da pobre Boni. Que había ser ela, hom!!! O que ten que facer é mirar ben na neveira, ou se cadra no conxelador, tamén pode tentalo na lavadora e, nun último caso, dentro do lavalouzas.
Quedo á espera das noticias do achado.

susana moo dixo...

jajaja, papou a Luz Casal, a Billie Holliday e aos catro de Liverpool.