domingo, 30 de decembro de 2007

Agasallos

Volveu como cada Nadal alterno desde que me divorciei, e deixou ao pé da árvore maxicamente acesa o lote de agasallos con que este ano nos sorprendeu.
Digo ben: case ningún deles (salvo a Barbie-princesa-dos-animais, a película e o globo terráqueo) figuraba na carta que a nena lle escribira con detalle, mesmo pegando algunhas fotos recortadas de catálogos, segura de que un home con tantos anos e tantas cousas na cabeza estes días había de trabucarse.
Irredutible, a mesma tarde de Nadal, a nena volveu escribir unha carta igual de detallada e meticulosa, esta vez ás Súas Maxestades de Oriente, que como son tres e teñen máis persoal probablemente terán tamén máis tino.
Hoxe todos os agasallos do día de Nadal están calados e tristes, como desamparados; algúns mesmo se botan diante dos pés cando paso, querendo chamar a atención.
Teranse que ir acostumando a que a nena, como agora sucede, non sempre vive nesta casa.

sábado, 29 de decembro de 2007

Pedrea

A felicitación de Nadal que Ambece me envía tarda 14 días en atravesar a Península de Sur a Norte.
Por iso, até onte non puiden saber que me tocara a lotaría.
Se Boabdil chega a usar o mesmo medio para os seus envíos (mellor fora que os mandase ao fondo do mar, matarile), probablemente a Reconquista aínda non tería acabado.

luns, 24 de decembro de 2007

Nadal


Desde Ithaca, cos meus máis sinceros e profundos desexos de paz e harmonía, para todo o mundo

UN MOI FELIZ NADAL!

domingo, 23 de decembro de 2007

Multa

Non sei se será unha nova estratexia de Tráfico se da propia Benemérita, esa amabilidade exacerbada contra os condutores multados para lles crear sentimentos de culpa contra os que nada vale.
A min tocoume sufrilos o outro día, camiño de Manderley coa nena atrás, cando nos parou a patrulla e un axente comezou a desculparse por nos teren dado o alto, que se por el fose non nos paraba, que o radar saltou, que tampouco era tanta a velocidade, e así seguiu a darme crema mentres rebusco na documentación para lle entregar o carné de conducir.
Cando regresa confirma o veredito: 200€ de multa e retirada de 3 puntos por circular a 121 km/h estando limitada a velocidade a 80, pero moito peor que a sanción foi que o axente tornase á empalagosidade das explicacións e as desculpas (el, a quen dá por supoñer que eu nunca faría loucuras levando comigo no coche esa nena á que mesmo fai tenros e cariñosos acenos pola xanela).

Logo, cando dei marchado, mentres vía a figura do axente reflectida no retrovisor, en vez de odialo acordándome de tópicos e antecesores no Corpo, funme sentindo tan mal como de neno cando me pillaban nunha mentira ou escondía a merenda ou traía malas notas para a casa.

luns, 17 de decembro de 2007

Frío



Así se vía hoxe o mundo (esa parte del que chaman Mouse Park) con 4 graos baixo cero.

xoves, 13 de decembro de 2007

E la nave va...

Este blogue cumpre o primeiro trienio.
Cun lastro de 529 entradas e 2.971 comentarios, unha pasaxe exigua pero teimosamente fiel, un timoneiro máis ben desidioso e trapalleiro, tras unha travesía algo accidentada de Atenas a Ithaca (tres tobos, dúas hipotecas, dous ordenadores, máis de 20.000 cigarros), e un historial de abandonos, mudanzas, encerramentos por vacacións e lock-out diversos.
Eppur si muove...!

sábado, 8 de decembro de 2007

Mouse Park

Promedio comprobado: entre o portal da miña casa e o punto que marca o final dos meus paseos por Mouse Park (pasada a fervenza) hai exactamente un Cántico Espiritual completo, ou o que é o mesmo, 45 minutos e dous caramelos sen azúcar.

venres, 7 de decembro de 2007

De pós e pés

Se o outro ten un primo físico que lle fai desconfiar do cambio climático, eu teño un cuñado castellano que me fai acreditar nel a pies justillos, como el mesmo diría.
Por riba do que se conta por aí da aparición de doenzas tropicais onde nunca antes se tiñan visto, dos osos que xa non hibernan, da supervivencia de mosquitos e moscas fóra de temporada, ou das plantas que botan flores cando non corresponde, o meu cuñado desvélanos durante o xantar unha evidencia indiscutible.
A estas alturas de Decembro aínda está a usar os pós desodorizantes para os pés, afirma, como se estivese nos tórridos días do pleno Agosto.

mércores, 5 de decembro de 2007

Breves

Tere Holmes, ociosa herdeira dunha implacable estirpe de sabuxos, deu novamente con esta blogue a semana pasada. Decididamente, íamos camiño de converternos nunha das parellas cómicas máis tediosas do blogomillo.
Sen embargo, o corre corre que te pillo acabou: esta vez será a última que me descobre, que fecho a blogue, que restrinxo ningún acceso, que mudo o enderezo, que lle conto unha milonga a ninguén para poder postar en paz.

xoves, 29 de novembro de 2007

Aceite

O profesor fai unha das súas extravagantes preguntas, a saber: quen nos pode dicir que tipos hai de aceite de oliva? Os alumnos míranse entre eles, até que por fin un responde: Koipe, Carbonell, Giralda...
O profesor, encaixando a sorpresa, indica que eses non son tipos de aceite de oliva senón marcas comerciais. A ver, repite teimosamente, pensade: tipos de aceite, clases de aceite de oliva...
Si, eu eu eu, levanta impaciente un dos alumnos a man: seino eu, profe, aceite de oliva e aceite de xirasol, profe...

venres, 23 de novembro de 2007

Test das 8 cousas

A 38 días do ano novo parece que cómpre ir facendo balance para cebar a neura, e de camiño dar satisfacción aos que me ensarillaron no meme das oito cousas, as que máis marcaron este ano:

1. Casa: Está claro, instalarme aquí implica o final da etapa nómada e o inicio do sedentarismo; hai tempo que deixei de ser un depredador, polo que un destes días será mester que descubra aínda máis a agricultura e o comercio, eclosione o neolítico e dea comezo a nova civilización.

2. Distanciamento: Os que seguen esta blogue xa o terán notado, seguro. Varios nomes clásicos desapareceron dela máis ou menos bruscamente, dunha maneira similar a como os seus propietarios desapareceron da miña vida, da miña cama, e nalgún caso mesmo do meu móbil.
Nisto de vivir é importante aprender que un nunca se baña dúas veces no mesmo río de nomes, ese que pasa e sempre queda.

3. Viaxes: Este terá sido o menos viaxeiro ou viaxado, probablemente en décadas; non quero facer moito reconto por non acabar argallando unha escapada ás tolas ou algo peor, pero estou certo de que, coas excepcións da Comarca e Celanova, nunca estiven este ano a máis de cen quilómetros de Ithaca. Algo haberá que facer o próximo, está claro.

4. Tabaco: O que a ministra coa súa exigua lei non conseguiu parece que vai camiño de logralo a banca con esta hipoteca que me oprime, me comprime e me reprime; tras 12 días sen fumar teño 28'80€ máis no petiño, e tan pouca memoria de que algunha vez fumei, que até concibo esperanzas de que desta a cousa vaia adiante. Vaise vendo.

5. Lecturas: Sinto envexa cando escoito ou leo ne rede o que contan os grandes lectores que frecuento; eu, por contra, cada vez máis inconstante ou máis preguizoso ou máis repunante, arrumo libros na mesa de noite, no sofá do estudio, aquí ao lado do ordenador, libros que volven para a biblioteca cando vence o prazo ou que simplemente fermentan enchéndose de pó con só 10, 20 páxinas lidas. O último stop, a catástrofe da Moure.

6. Películas: Se consulto o caderniño de marras conto 83 vistas no que vai de ano, de Blade runner a Harry Potter, en cor e en branco e negro, en VHS ou DVD, compradas, prestadas ou alugadas, canónicas ou pirateadas, infantís ou para adultos, pero ningunha delas foi vista en cine (o certo é que xa non sei canto custa unha entrada).

7. Sexo: Baixou moito o número de parellas, que este ano ademais foron exclusivamente masculinas, pero subiu o de encontros, e en xeral a súa intensidade e interés. Se fago reconto (aquí non hai xa caderniño de marras), lembro só 4 varóns coñecidos biblicamente este ano, un deles Teddy, o primeiro do ranking, aquel que agora me enche a cabeciña moitos días e a cama moitas noites.

8. Natureza: Tal vez por Teddy, que coñece os nomes e os segredos de árbores e arbustos, e fala dos froitos e enxertos e árbores primixenias que me vai mostrando nas camiñadas pola súa montaña, vou reparando en que existe unha natureza real e viva, alén das fotos e as pinturas, do simple léxico vacío que ensinan os libros de texto, do mundo campesiño de fame e traballo do que fuxiron os meus avós hai máis de 80 anos, ao viren para a cidade.
Na madurez inicio, pois, a reconciliación coa natureza.

sábado, 10 de novembro de 2007

Tizona

E onte, tamén inesperadamente, o que me regalaron foi unha espada.
A estas alturas non me pasou aínda o que sexa que me deu onte á noite cando Polis e Encantador me fixeron entrega desta auténtica réplica da folla do Cid, un complemento que non debe faltar en ningunha casa hoxendía.
Ignoro que pasou polas mentes de sir Lancelot ou do rei Artur en tal trance, pero, ataviado cun mandil luxado de bechamel e mollo de tomate, a min fraqueáronme as pernas e a piques estiven de deixar caer as copas que levaba para a mesa redonda do comedor.
Como desboto baterme en duelo co meu cuñado, medindo o meu aceiro coa katana que el conseguíu cos puntos do restaurante chino, e como iso de Sangue, suor e pó, Kaplan cabalga non mola nada, tampouco se me ocorre que facer coa xenuína Tizona falsificada que polo de agora intima cos paraugas, no roupeiro.
Admítense, pois, suxestións.

xoves, 8 de novembro de 2007

Poema

Onte, inesperadamente, regaláronme un poema.

xoves, 1 de novembro de 2007

Gananciais

Prometo non falar máis do divorcio de Haddock nin das súas secuelas, pero non podo resistirme a escribir aquí unha pequena historia de terror, aproveitando as datas.
Estábamos onte á noite cos cafés, tras a cea na casa de Polis, e a conversación esmorecía cando comentei que Haddock se está a divorciar; dicir algo así nunha cea con avogados foi como abrir a porta da xurisprudencia, e o eminente letrado amigo de Polis fixo memoria dalgúns casos chamativos.
O máis espeluznante, sen dúbida o da esposa que literalmente levou consigo a metade de todos os bens gananciais: non só do diñeiro do banco, da venda do piso ou a metade dos electrodomésticos e o mobiliario, senón tamén a metade das culleres, dos garfos, dos coitelos, dos pratos das vaixelas, e até os tomos impares da larousse comprada a prazos.

domingo, 28 de outubro de 2007

Galician beauty

Lester Burnham, un día o meu amigo Haddock decátase de que a muller coa que convive é tan predicible como unha película vista moitas veces.
Percibe tamén que o seu matrimonio se fora convertendo, non sabía desde cando nin como, nun guión ben aprendido, con metas que hai que conquistar porque si: un piso propio, un piso propio no centro, un apartamento para as vacacións; as aulas de violín e piano para a nena, comprarlle á nena o piano para que practique ou perpetre, matriculala en inglés e tenis, que ela odia; comprar un coche, un coche grande, un coche máis grande, que xa non comprarán.
Logo descubre que está a vivir a vida doutro, xunto a unha muller que en realidade hai moito que deixou de interesarlle; primeiro horrorízase; despois xa non.
As nenas xogan no cuarto da miña mentres Haddock me conta que os amigos xa non o chaman para os viños, que acabaron as partidas de rol; que o apartamento en que vive agora é un zulo, un piso de estudantes, pero que lle dá igual; que na cociña só limpou os armarios de arriba e como se hai leóns nos de abaixo; que vive como nos 70: sen teléfono, sen ordenador, sen lavapratos, sen dvd, sen garaxe e sen diñeiro, pero que volveu tomar conta da súa vida.
E que está contento.

sábado, 27 de outubro de 2007

Tía María

A visita pangalaica, tan minuciosamente programada con Teddy na súa cama, salta polos aires por un motivo que soa a típica escusa, a mentira mal argallada, e hai que adiala sine die.
A noticia de que morreu a tía máis que centenaria de meu pai, a vella matriarca que un día cedera a pasaxe da emigración americana para que o irmán máis novo se librase da guerra do Rif, sobresalta a familia e revírame de suroeste a noroeste a proa para levar ao enterro a meus pais e dúas tías que, apretadiños, van facendo memoria no coche.
Do que vou escoitando no camiño, tiro a conclusión de que o sobresalto familiar chega, non da morte da pobre tía María, senón do feito que aínda estivese viva.

mércores, 24 de outubro de 2007

Montaña

Visito a Teddy na lexendaria vila onde traballa.
O coche avanza moi lentamente montaña arriba, entre a néboa, engulindo sen elegancia todas as curvas que Teddy me describiu a véspera e outras mil máis; a néboa é tan densa que non vexo máis alá das luces dos que me adiantan. Repentinamente, nunha volta, a néboa racha e desaparece, e podo contemplar unha beleza agreste que até me emociona: ningunha presenza humana en centos de kilómetros arredor de vales, corgas, montes e fragas, como non sexa a propia estrada que vou pisando.
Cando chego, Teddy está a clasificar fotos no ordenador; é a primeira vez que o visito no seu tobo de montaña, unha casa de dous andares, con teitos baixos e paredes macizas, compacta, fría, con pouco encanto. Nótase ao percorrer os cuartos invadidos polo silencio e o aire fresco da mañá que o inquilino pára pouco nela; aínda máis, co seu proxecto de instalarse en Ithaca, Teddy dime que xa só ordena e limpa o indispensable.
Vemos as fotos das vacacións en Portugal, que el comenta aos poucos: hai praias enormes, furgonetas de refrescos, monumentos, casas modernistas, bater das ondas contra as rochas, arrastradas e milagrosas plantas sobre as dunas, vilas decimonónicas, monumentos, solpores, postiños de carapaus, eléctricos, monumentos, pero o cursor detense unha e outra vez nas mesmas fotos: Dani adormecido no coche, Dani sobre un penedo, Dani fumando, Dani a camiñar na praia nudista, Dani abrazado a unha estatua, Dani mexando nunha duna, Dani mirando un mapa, Dani.
Imos para o dormitorio e facemos a cama entre os dous; despímonos con rapidez e Teddy ten a xentileza de entrar el primeiro na cama para caldeala algo, o que lle agradezo, porque sinto tanto frío que mesmo se podería cortar un cristal cos meus mamilos. Aí obteño caricias e risos, as dúas cousas que vin buscar á súa montaña neste día de Outono, das que Teddy me fornece xenerosamente mentres os corpos se acoplan sen que o edredón esvare, e os dous nos prometemos infidelidade eterna.
Teremos que facer que dure.

martes, 23 de outubro de 2007

Xa

Teño tanto que actualizar esta blogue que non sei por onde empezar: nun caderno de todo, entre números de teléfono e números de diñeiro que gastei e números que non sei que son, fun tomando notas de cousas que agora me parecen sen interese ou que quedaron atrás porque o tren dos acontecementos as deixou na estación, entre a néboa dun Outono que por fin entrou, coas grises barbas pingando.
Verei que fago, aínda que para poder explicar o presente desde o pasado supoño que terei que postear unhas veces en diferido (non sería a primeira vez) e outras non, pero o que si podo asegurar é que nesta ocasión non se me pasou pola cabeza fechar Ithaca.
Aínda que a pobre xacese tantos días, abandonada como un corpo á intempérie.

mércores, 17 de outubro de 2007

Calmo

Luns chega unha mensaxe de despedida de Calmo, que marcha xa para Italia; é unha mensaxe colectiva e xeral para todos os amigos da súa lista telefónica, esa na que sigo desde hai dous Domingos e varias tórridas mensaxes nas dúas direccións.
Lonxe de decepcionarme, éncheme de optimismo. Quero pensar que iso que se di de que deus escribe dereito por liñas tortas é certo, e que foron para ben todos os obstáculos e sarillos do primeiro encontro en Delfos rodeados de maletas e eu con présa por non voltar a Ithaca con noite, e a falta das chaves que Calmo busca na maleta aberta, axoellado diante do portal, remexendo entre roupa sucia, películas, libros e eses cadernos con partituras que me fan pensar nas pedras con que un bate dúas veces: outro lánguido profesor de música ateniense, con máis kilos e menos pelo, pero idéntico despiste e idéntico modo de abrazarse a min ao fin de todo, como se a cama á que por último demos chegado fose río abaixo ou que sei eu.
Pero antes foi que as malditas chaves non aparecesen e a forzada despedida, con intercambio de números de móbil máis por cortesía que por convición, e non dar eu co coche porque en realidade estaba aparcado noutro sitio, e a sorpresa das malditas chaves no asento do acompañante, e volver para darllas e remediarlle a angustia (decididamente un Domingo non é un bo día para perder chaves), e aparcar de novo tras aceptarlle subir, agora mirando ben onde deixaba o coche.
Despois das duchas recíprocas, de velo ir e vir con toda a calma, de esperalo nu sobre o edredón (con lentelliñas como espellos) para velo aparecer envolto nun toallón indo ao baño lavar os dentes, de verlle dispoñer isto e aquilo sobre a mesiña con parsimonia de reloxeiro, para o meu asombro Calmo iniciou tocata e fuga e durou menos que o suspiro con que exaculou, pero volveu a calma e esperou por min con paciencia.
Con ela lle correspondín eu: deixei que me atase cos brazos e as pernas, co corpo sobre o meu, facendo planos e prometendo cousas, e, mentres, a noite escurecía o cuarto e a estrada chamaba por min.

xoves, 11 de outubro de 2007

Conexión

Sigo sen conexión: As promesas incumpridas dun operador dan paso á impaciencia e ao enfado, e finalmente un regresa, de orellas abaixadas e rabo entre as pernas, ao desesperante seo do milcatro.

luns, 17 de setembro de 2007

Oda triunfal

Sigo sen liña telefónica na casa e, por tanto, sen internet. Todo o demais está xa ou instalado ou en camiño de estalo, e o tobo vai ficando cada día que pasa máis confortable. Pero que veñan visitas a tomar café ou pasar a tarde non quere dicir que non sigan aparecendo operarios a remataren algún armario ou a colgaren os toalleiros.
Desde a miña atalaia de viciño decano contemplo como o predio se converte cada mañá nunha colmea chea de actividade: alternan os obreiros de diferentes oficios e empresas botando un pito na beirarrúa ou nas escaleiras cos mobles atrancando o paso; no ascensor, cando funciona, pode un subir con asépticos ikeas e baixar con orixinais decapados; unha radial corta durante horas no portal pezas de armario de cociña; a porta do garaxe sobe e desce cunha harmonía maxestosa e imperturbable.
Presidíndoo todo, atravesa paredes e tímpanos a vibración do trade como unha voz profunda que me enche de onomatopeas os cuartos; é como terse mudado a unha oda de Álvaro de Campos, a un cadro de Kandinski, a un manifesto de Marinetti.
Por iso é que, en canto comezan estes acordes da grande melodía da creación, fuxo da casa a correr para non acabar tolo.

luns, 3 de setembro de 2007

Penuria

Veño até a Ciberalia, onde morro co frío baixo un esaxerado aire condicionado, tan só para contar aos meus preocupados amigos blogueiros que vou estando cada vez máis instalado no tobo recén estreado, que sobrevivín a aquela primeira noite que foi como durmir nunha catedral, entre o frío, a humidade e o eco, que pasei indemne aquelas primeiras noites de trevoadas góticas sen que o faroliño sentinela da miña luz deixase de proclamar que xa había xente a vivir no predio inhóspito.
A estas alturas, dez días despois da mudanza, algunhas outras luces acompañan a miña e outras pegadas borran as marcas dos meus pasos sobre o pó de cal que cobre as escaleiras, e non hai día que unha furgoneta non descargue mobiliario na rúa, ou que un non atope operarios instalando contadores, retocando paredes ou subindo mamparas de ducha.
Para tranquilidade de todos, anuncio que teño auga desde o serán do primeiro día, e auga quente desde hai unha semana, pero aínda así a penuria dura: o ascensor só funciona (baixo corda, advertíronnos) Martes e Mércores; antes de fin de Setembro non terei teléfono (nin internet: o pior de todo); e polo momento non hai pistas sobre cando nos serán entregues os mandos para abrir o garaxe con máis comodidade e dignidade do que até agora.
A pose de Atlas a puxar arriba o pesado portón non só non me favorece nada senón que me fai temer unha hernia nalgún lugar, coñecido ou non, do meu corpo.

luns, 20 de agosto de 2007

Náufrago

Máis robinson que nunca, desde Venres afronto unha existencia de náufrago. Coa mudanza contratada, chéganme noticias de que polo menos durante unha semana carecerei de teléfono, internet, ascensor e auga.
É evidente que en piores campos teño batallado, pero cos anos, un acaba volvéndose un pouco cómodo e até pode botar de menos unha ducha matinal, dar un paseo polas blogs amigas ou recear subir 4 pisos coa bolsa do super ao lombo.
Ilu tiña razón: estou aburguesado! (snifff)

venres, 17 de agosto de 2007

Atenas

De Atenas veño cunha botella de viño (regalo de Ambece), un chavín para a chave da casa nova (regalo de Ilu) e 50 euros menos, os que me custou invitalas a xantar nun italiano moi ben decorado pero de comida máis ben regular, con longos intervalos entre prato e prato que nós enchemos con retallos das nosas vidas, presentes e pasadas.
Todo era igual que sempre: empecei a darme de conta onde os camiños se bifurcan e o coche, en vez de seguir para Delfos como agora costuma, seguiu para Atenas ventando carballeiras vellas e castiñeiros en flor.
Por non mudar nada, Ambece chegou media hora tarde, empoleirada nos tradicionais tacóns de dous metros, e empezamos o reconto de dous anos sen vérmonos; logo chegou Ilu, exactamente ao contrario: alpargatas planas e blusa pulcramente abotonada até arriba.
Dixémonos uns a outros que non cambiáramos, ou que cambiáramos para mellor, que estábamos igual, tal vez máis delgados; por suposto, tamén falamos de casas, de vendas, de mudanzas, de hipotecas, o tema de conversación nacional. Asomaron por alí os excónxuxes (véxote moi ben, pero con moitas enrugas tendo en conta o que te coidas, conta Ambece que lle dixo o seu ex marido ao recoller os nenos), os vellos colegas do instituto (inventario de xubilacións, rupturas, partes de saúde, rotinas), os nosos fillos (como o fillo de Ilu pasou fame aprendendo inglés cunha familia americana que só comía porcarías, ou como o fillo máis vello de Ambece, de 11 anos, aprendeu no campamento a facerse peras: ao pobre, como é pequeno, parece que só lle sae unha gota, pero contaba que os outros botaban isto ou aquilo, e había un que era o campión e blablablá, e Ilu e eu ficamos tan pampos que non sabemos se rir ou cambiar de tema á vista do relato).
Sae por fin o sol entre as nubes cando tomamos café na terraza de Santa Eufemia, case ao pé da torre da Catedral; un par de gaivotas preguizosas revoan sobre nós á media tarde; lembro que hei de volver para a casa, onde a miña filla espera cos seus avós.
Camiñando como tantas veces antes pola rúa do Paseo, teño que facer un esforzo para non baixar en dirección ao Couto, onde xa non vivo hai dous anos.

luns, 13 de agosto de 2007

Dispersión

Se algo está a caracterizar estes días é a total dispersión; vou dun lado para outro atendendo ducias de cousas de pequeno calibre que só máis tarde encaixarán como as pezas dun puzzle: a miña vida no novo tobo, no novo Outono, no novo curso.
Pago unha cociña en que apenas cociñarei, compro un enorme espello para o baño do que a miña filla xa se apropiou, meto présa ao ebanista co armario do meu cuarto, dou xabón ao meu cuñado para que non esqueza que a auga ten que correr por canos, cóbados e billas que aínda non instalou, espero resignado que Setembro traia consigo a libraría do salón que pasa as vacacións nalgún lugar do Mediterráneo, mido e calculo espazos onde situar os mobles que levo anos arrastro, coma unha biografía.