sábado, 13 de xaneiro de 2007

Almacén

 Teño a casa (e dalgun xeito tamén a vida) convertidas nun pequeno caos tecnolóxico: na cociña están a cargar baterias o discman e o móbil; no sofá do estúdio xace desmaiada a lixadora, que foi provada con éxito, e tenta chamar a miña atención liando-me o pé co cabo cada vez que paso; sobre esta mesa, máis e máis ateigada de trapalladas (santa preguiza!), ainda están a cámara nova, os discos de software, a tarxeta de memória, o manual de instrucións e os papeis do servizo técnico, e a caixa de cartón en que todo viña mui ordenado.
Para colmo de males, onte sofreu un síncope mortal o dvd en plena proxección, asi que sen pensá-lo duas veces fun comprar outro que fose mui barato; cando xa o tiña no coche, noutra tenda descobrin outro que non só era mui barato senón baratísimo, asi que tamén o comprei; a idea é devolver o outro a semana próxima, pero mentres, o salón parece un armacén.
Ainda máis: sobre a mesa do comedor hai unha caixa envolta en papel verde, un regalo que o seu destinatário non veu recoller polo momento.
Só espero que, a este paso, non lle venza a garantia.

2 comentarios:

X dixo...

Ás veces tamén eu teño a sensación de que me faltan enchufes na casa. Por certo, cal lle comprou?

Morgana dixo...

Hace meses que sueño con uno de esos chismes.