martes, 30 de xaneiro de 2007

Exílio

Leco mete-me no compromiso de indicar tres motivos polos que me exiliaria de España, o que me supón un sério problema dado que me habituei a viver con eles, e ben poderia ser que até os achase en falta caso de largar-me. Aclarado isto, paso a enumerar os meus conflitos:
1. Ódio viver nun Estado oficial e falsamente laico en que a igrexa católica ten ainda tan imenso poder e influéncia: non podo comprender tantas voltas á presenza da relixión católica nos curricula escolares, que as procesións de semana santa invadan as ruas de todos con imaxes escoltadas por membros das forzas armadas, que siga a haver despachos oficiais a lucir crucifixos, que os ministros e demais mandatários xuren ou prometan sobre un evanxélio, ou que casar polo rito católico sexa equiparável ao matrimónio civil.

2. Detesto a falta de respeito polo médio ambiente e o entorno no senso máis amplo da expresión: desde os excesos urbanizadores ao feísmo, desde a destrución de paisaxes únicas en costas e montes aos incéndios forestais por escuros intereses que todos imaxinamos, desde a depredación e o derroche dos recursos naturais ao progreso mal entendido en forma de faraónicas cidades da cultura, polígonos industriais inviáveis ou auditórios sen futuro.

3. Nunca soportei os novos ricos, e este noso país está ateigado deles: parece que todos esquecemos xa o billete de terceira e a maleta de cartón, as segas e a vendima, a cartilla e o pan negro, e asi, nos imigrantes que chegan cada dia non damos visto homes e mulleres que merecen mellor sorte senón oportunistas e delincuentes que nos veñen disputar o noso tesouro recente da prosperidade.

Indicados os tres motivos polos que nos detesto, a cuestión agora é a que lugar me havia de ir, e a iso francamente non lle dou atopado resposta. Por se me dan algunha suxestión, desexo que indiquen os seus particulares motivos para se exiliaren as seguintes pensadoras: Tere Holmes, Sara Jess, Peke , X e Raíña Vermella,

8 comentarios:

sara jess dixo...

é que vivo na Galiza, polo que nunca me plantexei fuxir de Espanha. inda que si tenho moitos motivos polos que marcharía unha longa tempada daquí; tan só agardaría non ter que fuxir. só fuxen os tristes, os que precisan esquecer.

onde iría? non o sei. quizais viaxaría en círculos concéntricos na busca de nada para decatarme de que as raíces non existen, de que tódolos lugares poden ser unha casa dependendo de cómo os observes. mais non me fagas caso. a miña opinión non vale de moito: eu nunca viaxei na busca das Ithacas. en febreiro será a primeira viaxe fóra do rego. lerei os poemas da Lado sobre muros que xa non existen e inventarei unha foto no ceo sobre Berlín.

peke dixo...

Uffff!

peke dixo...

Contestareino, claro, pero que lle conste que me mete nun compromiso. :)

Anonymous dixo...

Por que só mulleres?
:)

Kaplan dixo...

vaia, pois desta vez tocou mulleres, por que non?

X dixo...

Farei os deberes.

A Raíña Vermella dixo...

Só tres? Ocórrenseme un cento deles, concretamente o primeiro que apuntas paréceme moi poderoso, e sería o primeiro que citaría, pero vou poñer outros tres para non repetirnos.
1. O total e absoluto desprezo pola cultura e pola xente que a aprecia, chegando até o punto de que hai quen te mira mal porque les ou porque gostas da música chamada culta, coma se foras unha snob.
2. O feito de que os científicos, ou os expertos no que sexa sexan, en xeral, a última mona, e que a súa opinión posúa o mesmo valor que a de Yola Berrocal porque somos moi demócratas e "todas las opiniones son respetables".
3. O penoso espectáculo da política estatal, todo un circo de demagoxia no que as normas valen namentres nos interesa e cando non, cambiámolas e listo, e onde vale practicamente todo, incluído tomarnos a todos por retrasados.
Podería seguir ata o infinito, pero non é plan;)O caso é que son moi perezosa para exiliarme, e no fondo consideraríao unha especie de fuxida pola miña parte. Encantada de contestar estas cousas, coma sempre. Un saúdo:)

nona dixo...

Pois eu se non marchei xa, non marcho coma non me boten. E teño claro onde me exiliaría se me botaran á forza ou se tivera que marchar por medo a algunha desgracia: o Reino Unido. Sempre que puidera ir de cando en vez a Roma para entrar en calor.