luns, 22 de xaneiro de 2007

Unha vez máis

Unha vez máis, Polis atopa o home da sua vida; unha vez máis tamén, ese home non son eu, como os dous sabemos ainda que el teime ás veces no contrário.
Como Mahoma non ía á montaña, tivo que ir a montaña a Polis en forma de i-pod, e entón hoxe falamos longamente no seu salón, por primeira vez en directo, sen teléfonos interpostos, desde o ano pasado. Cando di que el buscava unha parella para sempre e eu tan só un can para os meus paseos fai-no case nun susurro, e cando fala da noitevella é como se se xustificase, pero cando se refere a aquel que lle enche as noites contén apenas o entusiasmo, e até me fai rir contando unha parvada que lles pasou o outro dia.
Despois revisamos as fotos romanas: sobre a mesa de wengué Polis escreve ou completa no dorso dalgunhas, coa sua letriña de insecto, os lugares que lle faltan; dunha gaveta saca unha bolsa con papeliños para o álbum: tiques de pagamento, billetes de metro, entradas de museu, a tarxeta do hotel... esperan o momento de seren arquivados. Seguimos a tomar café, fumamos en siléncio.

A choiva molla os cristais dunha tarde que esmorece. Collo os livros e marcho para inglés; cando piso a rua estou un pouco triste, non sei por que.

6 comentarios:

X dixo...

Léndoo podo entender a súa tristeza, unha vez máis.

A Raíña Vermella dixo...

Qué fermoso

Plattdorf dixo...

Deus, deus...
Estou lendo o meu futuro.

Mrs.Doyle dixo...

A pesar de atoparme en clase, acabo de respostar ao seu cuestionario. Gustaríame saber por qué ten interese nas miñas respostas.

Sinto que pase por momentos tristes.

Bicos e apertas dende a miña clase.

Arin dixo...

Ánimo, meu, xa o sabíamos, non si?

gatina dixo...

Triste pero sublime. Fermoso. Ten algo do meu livro preferido: "El desencuentro".