domingo, 7 de xaneiro de 2007

Reis

A xulgar polo que nos deixaron as SS. MM. de Oriente, a miña filla e eu fomos realmente bos; dado que un ano nos vén Papá Noel e outro os Reis Magos, provavelmente a competéncia entre eles nos favoreceu, e asi foi que cando nos erguemos atopamos ao pé da árvore milagrosamente iluminada un xeneroso cargamento de toallas e calcetins, unha película, un precioso conto, un espello para o dormitório da meniña, un xogo e un frasco de colónia, unha pizarra magnética e non sei cantas cousas máis, pero por riba de todo, unha boneca que grava frases e ten unha fita no cráneo para levaren-a as nenas colgada do pescozo, algo absolutamente super mega fashion.
A nota disoante puxo-a a nena cando, ao ver que me trouxeran unha lixadora eléctrica e ergonómica, afirmou que os Reis confundiran a casa, que aquel presente devia ser para o meu cuñado, que a min non me imaxinava cunha desas cousas nas maos.
Humillado e ferido no amor própio tomei nota, pero a lixadora ainda non saiu da sua fantástica caixa.

Ningún comentario: