- O 2 de Abril actúa aquí Serrat e acabo de comprar dúas entradas non moi boas; unha delas é para min e a outra para Herg, que quedou coas ganas a outra vez. Espero que un xesto de amizade cunha compañeira de traballo non se confunda co que non é; entre outras cousas, porque hai anos aprendín que mellor é un non cagar onde come.
- Se antes aínda me facía graza, agora empeza a fartarme que cada vez que falo de Haddock (onte comentei na casa dos meus pais que falamos por teléfono, e que máis ou menos está decidido que nos visitarán el e a súa filla na ponte da semana que vén) a miña mai pregunte se volveron e a seguir se laie do mona e simpática que era ela. Probablemente despois meu pai dirá que el é un túzaro. Probablemente eu despois non direi nada.
- Seguramente fun algo duro na entrada que dediquei a Pradolongo: películas coma ela fanse a moreas noutras filmografías e ninguén di nada. O problema está en que eu creo que para o pouco que hai no noso cine (e na nosa literatura, e na nosa música, e na nosa) deberíamos tentar atinxir coas mans as estrelas.
- Hoxe non fun traballar; tiña un imprevisto programado desde que hai uns días descubrín que non daría corrixido aquela montaña en tempo e forma se non facía algo. E fíxeno: onte á noite quedei traballando até que os ollos me caeron sobre os exames e o boli vermello fixo corpo coa miña falanxe. Polo demais, hoxe non fixen nada especial: acordei tardísimo, lin na cama, reguei e recortei algo os gomos dos bonsais, comín unha pizza caducada e pasei o resto do día a dar voltas pola casa, atónito pola luz do sol que me entraba polas ventás.
xoves, 12 de marzo de 2009
Breves
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
3 comentarios:
Mentras vostede durmía, eu facíalle fotos á lúa e o sol.
(Gañou o sol un- cero)
É certo, sempre somos máis duros co que nos toca máis perto, pero iso é só porque nos importa. Non teña piedade nin remorsos.
En canto ao de Serrat, cante por min.
Grazas, si, ultimamente...
Haberá que facer algo, de todas formas sigo fiel nas miñas visitas a Ithaca, que lo sepa :P
Publicar un comentario