mércores, 18 de marzo de 2009

Galegos

Esta mañá varias cousas se conxuraron para mellorarme o humor: para empezar, o incendio matinal que se repite cada amencer destes días, cando o sol me entra na casa mentres almorzo; despois, que hoxe ao serán volta a señorita Kaplan a Ithaca, e que por diante temos catro magníficos e primaverais días libres.
Sen dúbida todo iso está ben, pero falta que os xornais me traian a noticia definitiva: descubrir que, como no anuncio, eu non son tonto.
Ou así o cre a RAE, que suprimirá da nova edición do seu dicionario tan lamentable acepción, aínda que non deixarei de ser tatexo, vento do noroeste, lagarta de río, libeliña, ave palmípeda e dispositivo que nivela a cana de azucre antes de moída, entre outras cousas de manduca e farra ás que tamén me asocian, coma o caldo galego, o touciño galego, a gaita galega, o nabo galego e mais a trompa galega.
E cando me reúna cos meus amigos, coa miña familia, ou mesmo cando estea na aula cos meus alumnos, seguirei formando esa merenda de negros ou de tolos que evoca o horrible termo gallegada.
Iso si, cando me sente a unha mesa para xantar cos meus paisanos cómpreme levar un molete comigo, e, por sermos de pouco fiar, non sacarei nunca a man do peto da carteira, por se acaso.
Non é para morrer de gosto se así nos ven, se así lles parecemos?

7 comentarios:

rivela dixo...

BOA FIN DE SEMANA LONGA. SÓ QUEDA DISFRUTAR (ENVEXA PURA DOS QUE NON FACEMOS PONTE)

mariajesusparadela dixo...

A min, xa non me doe. Quen queira facer xuicios, que veña, que aquí hai de todo como en botica...
Eu tamén lle tiña medo os cabalos, os cás e, se me apura, as mariquiñas, hasta que descubrín que eles, se me poño, tamén me teñen medo a min...
Non se prive de vir, dígollo en serio. Será un día diferente¿ non si?

Mr Tichborne dixo...

Supoño que querería dicir a RAE, non a RAG. Desfrute dos amenceres :)

X dixo...

Si, RAE, ou acaso non se confundiu e é outra das súas ironías?
Felices días coa señorita Kaplan.
Saúdos.

Kaplan dixo...

perdón: era efectivamente un erro, e xa foi corrixido.

peke dixo...

Espero que o pasase ben estes días.

Noemí Pastor dixo...

Te envidio el amanecer incendiado. Desconozco, de verdad, qué dice el DRAE sobre "gallegada", pero me parece una palabra sonora y simpática.