mércores, 5 de agosto de 2009

Obras e avarías


Ultimamente, sobretodo desde que se instalaron os que me viven enriba, pola cambota escoa ás veces un cheiriño delator a pementos fritos, a churrasco ou a sardiñas asadas, depende do día, que pronto enche a cociña toda.
Desde logo, non é un privilexio exclusivo; ao parecer, a nosa comunidade chega a estes estremos de compartirmos os efluvios culinarios, e logo todo son comentarios e conspiracións e ameazas ao promotor cando os viciños coincidimos no ascensor ou no portal, pero ao final ninguén fai nada, e das reunións marchamos pitando que empeza o fútbol ou que teño os nenos sós ou que mañá entro cedo.
Acabouse: esta mesma mañá o meu cuñado cortou e selou forever and ever o tubo que umbilicalmente unía as miñas ás demais pituitarias viciñas; lástima non lle ter tirado unha foto cos lentes protectores postos e unha pistola de escuma de poliuretano, que non uns nardos, apoiada na cadeira, digno émulo dos sicarios de Darth Vader.
O balance da escaramuza lembra a ruína do Partenón: presiden agora a cociña dous buratos no falso teito polos que tranquilamente collería a señorita Kaplan se lle dese por agocharse; houbo que recoller ademais cascallos de escaiola de varios tamaños e formas, arrumados ou non nun recanto, e unha grosa pátina de finísimo pó branco recubría os mobles da cociña, os azulexos das paredes e até o meu cuñado, que parecía o home das neves.
O máis grave é, sen dúbida, a tea de araña debuxada sobre o cristal negro da vitrocerámica rota; o causante do desperfecto foi, segundo o meu cuñado, a mala sorte. A mala sorte e un pedazo de xeso que se descolgou inesperadamente, engade. E zas.
Así que desde hoxe estou pendente das visitas dun perito do seguro e dun escaiolista que, por mor das vacacións de Agosto, virán non se sabe cando.
De momento as comidas, a base de asados e saladas, sen dúbida serán sanísimas.

5 comentarios:

paideleo dixo...

As obras na casa é o que teñen.
Lembro que cando montei os mobles da cociña tivo que vir un fontaneiro porque furei unha tubería.

mariajesusparadela dixo...

Pois, mirándoo polo lado bo, iso é rachar coa rutina...

Anonymous dixo...

Élle o que teñen os familiares amables e mañosos.
Felices ensaladas :)
X

Sun Iou Miou dixo...

E viva o chafulleirismo! Diga comigo, vai, MAÑOLAS NUNCA MÁIS (e menos se son amigos ou familiares)!

(Isto é como o dos medicamentos, que amañan por un lado e desemañan por outro.)

peke dixo...

En fin, resignación.