mércores, 31 de decembro de 2008


...e próspero ano novo!

luns, 29 de decembro de 2008

Ser vello

Está claro que iso de se facer vello ten que ter vantaxes e cousas boas.
O malo é que a min non se me ocorre nin unha soa que o compense...

domingo, 28 de decembro de 2008

Broken heart

Porque somos incompatibles, porque pertencemos a mundos moi distintos, porque temos obxectivos e puntos de vista contrarios, porque disque a distancia apaga o cariño, por mil cousas ao final o noso non puido ser.
E non hai por que non contalo aquí, posto que se acabará sabendo.

Pero dime, Carmen: apesar de todo, will you still love me tomorrow?

venres, 26 de decembro de 2008

Compras

Mañá Sábado pola tarde, Polis e eu iremos de compras. A min poucos agasallos me restan (apenas un par de libros para a señorita Kaplan), pero é que o fillo de Mirinda naceu a véspera de Noiteboa e non é plan irmos coñecelo coas mans vacías.
Polo demais, seguimos sen saber quen aportou o cromosoma Y, cousa que subleva a Polis e lle fai nacer maneiras de comadre; de facermos caso á discretísima Nican, debemos procurar, polos arredores do berce, un home que se parecía a Faulkner.
Todo un enigma, porque ningún dos posibles candidatos se parece salvo no entusiasmo alcólico, e para iso nunca lles deu polo bourbon.

xoves, 25 de decembro de 2008

Nadal

Conto de Nadal de Auggie Wren:



Innocent when you dream (Tom Waits). Harvey Keitel e o conto de Nadal de Paul Auster.
A película, Smoke.

martes, 23 de decembro de 2008

Fábula

Parece que non fun o único que reparou en que a cartilla bancaria do inmigrante de Barcelona premiado co gordo estaba infestada de comisións. E como adoita suceder nas películas de Frank Capra que a tele repón todos os anos por estas datas, a honradez e xustiza triunfan, pero os avarentos e os mesquiños aquí é que nin se inmutan.
Comprendo que a Caixa del Penedès non é unha ONG, pero tampouco a cova de Alí Babá.
A fábula acaba estupendamente: o inmigrante benzoa a terra que o acolleu e soña con montar unha tenda despois de ingresar o premio na mesma cartilla da mesma caixa, que por certo non lle vai devolver os cartos das comisións.
Claro que para que, se agora non os necesita.

luns, 22 de decembro de 2008

Carta

Como este ano é par e a señorita Kaplan pasará o Aninovo en Ithaca, Sábado meteuse en fariña e escribiu a carta ás Súas Maxestades de Oriente, deixándome moi encomendado que non se me esqueza botala no correo, que logo veñen os problemas e hai que cargar co que resta nas alforxas dos camelos (horribles bonecas con rodas en vez de pernas, balóns planos, barbies calvas, puzzles con pezas imposibles).
Na carta, despois de pedir paz para o mundo, a nena fai a súa lista de agasallos na que non faltan libros, bonecas, colonia e até unha cámara dixital (xa sei que é cara, pero deséxoa moito); para min pide un marco electrónico e uns calzoncillos (!); e para o resto da familia, moita felicidade, que non é pouco.
Tamén hai carbón: un compañeiro da escola que lles levanta a saia ás cativas cando a levan e o case expresidente Bush son os destinatarios.
Non sei canto tempo máis seguirá a señorita Kaplan acreditando nos Reis Magos e Papá Noel, e nesa entente cordiale pola que comparten monopolio e reparten agasallos, alternativamente, entre Manderley e Ithaca.
Oxalá me equivoque, pero teño para min que este vai ser o último ano.

xoves, 18 de decembro de 2008

Preparativos

A un día de que veña a señorita Kaplan, e a seis do Nadal propiamente dito, o tobo está ao fin ornamentado: a árbore, que desde a febre da nena aparecía do salón no ángulo escuro sen luces nin adornos, fúnebre e inexplicable, brilla agora con todo o esplendor oriental.
O nacemento, desafiando as leis da verosimilitude e a demografía, amorea entre musgo figuras de diferentes estilos e beléns, cosmopolita e ecléctico.
Na porta, un colgante máis cutre que o de hai dous anos pola súa propia seguridade, espera ter mellor sorte e sobrevivir o ano novo sen que o rouben.
A lotaría repartida, os postais enviados. E mañá, porfín, as vacacións (Diolasdea!).

domingo, 14 de decembro de 2008

Neve

Inesperadamente, Ithaca amenceu hoxe amortallada pola neve. Velaquí algunhas das fotos que tirei esta mañá na muralla. Balance da expedición: máis de cinco ducias de fotos, roupa a secar polos radiadores, e un descubrimento: teño que mercar unhas botas novas porque estas están furadas.

sábado, 13 de decembro de 2008

O 4

Creo que este meme do 4 ten máis versións que un Ibiza, e até me parece que xa o respondín algunha vez. Dá o mesmo: a casualidade fai que o número do meme coincida co aniversario da blogue, así que aproveito para xuntalo ás celebracións; o resto é economía e reciclaxe.
Eis o cuestionario:
CATRO TRABALLOS QUE TIVEN NA VIDA:
1. Monitor nun obradoiro literario para reclusos cando cumpría a prestación social substitutoria do servizo militar. (Non sei se é un traballo servir a patria como civil a cambio do haber en man).
2. Acomodador de cine: fixen un verán os descansos e vacacións do persoal.
3. Camareiro: atendendo o ambigú do mesmo cine cando non estaba coa lanterna na man.
4. Profesor de pasantía a domicilio desde que era estudante; logo aprobei a oposición e pasei a ser (un dato para a historia, porque a terminoloxía cambiou) profesor numerario de escolas de mestría industrial.
CATRO LUGARES EN QUE VIVÍN:
1. Santiago de Compostela.
2. Lisboa.
3. Ourense.
4. Ithaca, capital da provincia e partido xudicial do mesmo nome.
CATRO LUGARES EN QUE ESTIVEN (e dos que non falei neste blogue):
1. No Père Lachaise de París (si, tamén eu vin a tumba-esterqueira de Morrison).
2. Dentro da Gran Pirámide de Giza, escoitando o eco na cámara funeraria de Kéops.
3. En Cancún e Yucatán, durante a nosa viaxe de noivos (no coments!).
4. No Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas.
CATRO LUGARES EN QUE ME GUSTARÍA ESTAR AGORA:
1. Facendo turismo en Estambul.
2. Pasando o Nadal en Nova York.
3. En Venecia, coa señorita Kaplan, onde lle prometín que a levaría.
4. Nun compartimento do Transiberiano, ben acompañado, camiño de Tarskaya.
CATRO DAS MIÑAS COMIDAS FAVORITAS:
1. Polbo (en calquera feira, servido en prato de madeira, con pan do país).
2. Callos (pero á galega, con garavanzos). Tamén a fabada e as lentellas guisadas.
3. A tortilla de patacas que fai a miña mai.
4. Ovos fritidos con chourizo, patacas e pan de millo para mollar na xema.
CATRO BEBIDAS FAVORITAS:
1. Cervexa (todas, pero as de trigo ou abadía parécenme deliciosas).
2. Cinzano branco con xelo e un pedazo de limón.
3. Un bon tinto, digamos Rioja ou Ribera de Duero, por exemplo.
4. A auga, claro.
CATRO PELÍCULAS QUE VERÍA UNHA VEZ TRAS OUTRA:1. JFK, de Oliver Stone.
2. Foise co vento.
3. A costela de Adán, de G. Cukor.
4. Toda a triloxía do Señor dos Aneis, pero principalmente a primeira parte.
PROGRAMAS DE TV QUE VEXO:
1. El intermedio.
2. Anatomía de Grey.
3. Saber y ganar (como me gusta adormecer véndoo e acordar despois en pleno Serengeti!).
4. Procuro ver algún informativo cada día, normalmente zapeando mentres ceo.
CATRO EXPRESIÓNS QUE USO:
1. Señores...!
2. Hai que foderse!
3. Vaia, vaia, que che parece?
4. Cághate lorito! (no coments, again!)
CATRO COUSAS QUE ME MOLESTAN:1. Ir traballar sen ter dormido o suficiente (as clases saen espesas, e iso non pode ser).
2. A memez pacata e guai que percorre o país, todo iso do politicamente correcto.
3. A rancia hipocresía fachorra e catolicona que é como a memez do número 2 pero infinitamente máis perigosa, obscena, corrosiva e infecta.
4. O avisos de publicidade através do móbil (por iso me fun de movistar e por iso acabarei índome de orange, ao tempo).
CATRO COUSAS QUE FAGO MELLOR:1. Imitar a Serrat (un día colgo un vídeo para demostralo).
2. Pasar da máis febril actividade á completa atonía, ou viceversa, á velocidade do lostrego; algunhas veces nin eu me aturo.
3. Lembrar conversacións enteiras, palabra por palabra, e logo reproducilas até cos tusires, os chistes, os erros e demais acompañamento de ámbolos dous interlocutores.
4. Meter a pata por precipitarme (un exemplo: o outro día felicitei a cátedra a un colega que non a logrou por moi pouco; arranxeino dicíndolle que para min sempre sería un catedrático).
CATRO COUSAS QUE NON SEI FACER:
1. Non sei calcular con decimais.
2. Non sei nadar.
3. Non sei coser (o que non impide sobrevivir, se se ten coidado cos botóns e a roupa).
4. Escoitar a estupidez dalgunhas persoas sen reaxir. Teño que irme por non quedar calado.
CATRO DESEXOS PARA ANTES DE MORRER:
1. Ser pai outra vez.
2. Ver proclamada en España a república: ver concluír os mandatos de dous ou tres presidentes con normalidade mentres, convertido en avó Cebolleta, presumo de ter vivido tres reximes políticos diferentes, como meu pai.
3. Falar inglés coa fluidez suficiente para sentir que o falo.
4. Ter moitos netos e netas, e chegar aínda a coñecer os seus fillos e fillas.

xoves, 11 de decembro de 2008

Catro


Os que cumpre Ithaca.

sábado, 6 de decembro de 2008

Febrícula

Pode que non sexa nada, pode que como di a miña mai de cada unha destas os cativos saian medrados, pode que estea eu desacostumado despois de tanto tempo sen ter comigo a miña filla enferma, adormecida pola febrícula, sen tomar máis que auga e un pouco de macela, co corpo pedíndolle cama.
Poden ser todas estas cousas e outras máis, pero o corazón encólleseme só de pensar que a nena volte estar de novo mañá, febrenta e sen enerxía, coma un xoguete avariado.

Actualización: Até hai un momento, a señorita Kaplan corría polo corredor e saltaba no salón, como para recuperar o tempo perdido onte na cama e no colo, meténdome présa para montarmos dunha vez a árbore de nadal.
O Domingo, pois, amenceu radiante.

domingo, 30 de novembro de 2008

Lista de espera

A primeira da bicha, con permiso de Polis e de Encantador, que para iso fixeron o agasallo, é a miña irmá, que pregunta onde se apuntar mentres tomamos turrón adiantado co café na súa casa.
As condicións son que a caixa da colección non sairá da casa baixo ningún concepto, e que para levar un disco haberá que entregar o anterior, como se fai coas bombonas do gas.
Despois están a miña sobriña, que quere ver a serie coas amigas, e dúas colegas do instituto (Cam, unha delas). Teddy tamén me pediu un día destes que o apunte, que está interesado en vela, pero que non lle corre présa.
E a señorita Kaplan, xa a semana pasada, pero a ela tócalle dentro de 10 anos.
Alguén máis se apunta? (Por favor, collan número).

sábado, 29 de novembro de 2008

Débedas

Até hai só uns días, eu considerábame un dos homes máis solventes que coñezo. As cousas sen embargo mudaron dolorosamente, e é que nestes últimos días, como nacen os herpes, as hemorroides e as úlceras de duodeno, nacéronme unhas débedas.
Non me estou a referir á hipoteca nin ao café que onte me pagou Cam no recreo, senón a inesperadas débedas de varios centos de euros, o que me converte nun símbolo do panorama económico mundial, pode que mesmo na súa causa.
A primeira débeda descubrina hai dez días, disimulada na serodia devolución do IRPF en que faltaban case 300€. Nin erro nin multa impagada: despois de moitas voltas descubro que era a contribución do tobo de Atenas, aquela que tan amablemente aceptaron pagar os compradores e que non só non pagaron senón que deixaron engordar até serme cobrada.
A conversa cos funcionarios atenienses aínda deu máis froitos amargos: Supoño, díxome a voz ao outro lado da liña, que vde. pagou xa a plusvalía. Sentindo que a camisa non me chegaba ao corpo, só puiden responder, cun fío de voz, pois non creo, cando o que quería dicir é non sei de que falamos, porque a axencia que tramitou a venda do tobo nunca me dixo nada da plusvalía (ben é verdade que eu nunca preguntei), e iso que coa comisión que levaron ben me podían ter explicado até o sentido da vida.
Voltarei a Atenas por Nadal, a desembolsar a pasta para volver durmir tranquilo.

xoves, 27 de novembro de 2008

Poeta de garda

Para os da miña xeración, Gloria Fuertes foi a poeta machorra da inconfundible voz, das rimas fáciles e un pouco petardas, que saía nos programas infantís recitando versos e historias case surrealistas.
Logo medramos, e ela seguiu exactamente no mesmo lugar, como defendendo o baluarte para outros nenos coa mesma idade que tivéramos; nós, arrogantes, considerámola ridícula, e durante anos non houbo festa ou celebración en que non a parodiásemos.
O tempo, que pon a cada un no seu lugar, fíxonos descubrir que en realidade nós éramos os ridículos, e ela unha muller con talento, que sabía que o mundo mellor estaba xunto aos nenos. Lembrámola hoxe, aos dez anos da súa morte, cun dos seus poemas (Ante un muerto en su cama):

¿Dónde estarán las abejas que hicieron
la cera de tus cirios?
¿Dónde habrán ido a parar los primeros
cuadernos que escribiste?
¿Dónde tu primera novia que no presiente
que te has muerto?
¿En qué paisaje te has estremecido
para ir a decirle que estás, quieto?
(No es lo peor morirse, lo angustioso
es que después, no puedes hacer nada,
ni dar cuerda al reloj,
ni despeinarte
ni ordenar los papeles...)

Te comprendo, estás triste.
-Intento consolarte-.
Si valiera decirte que te has muerto sobre tu cama limpia,
que tu alcoba la estaban rodeando los amigos
que se hizo todo lo posible por curarte
-que te estaban rallando la manzana-,
y que estaban bajándote el termómetro
y el más creyente rezaba muy bajito.
Piensa en los que no mueren en su casa,
en los que mueren de pronto en un accidente,
o en esa mayoría que se van, en la guerra.

Ya han venido los de la Funeraria,
estás sobre una alfombra y tienes cuatro cirios,
un crucifijo blanco y un coro de vecinas;
que no te falta nada
y que estás muy bien peinado.

martes, 25 de novembro de 2008

Adxectivos

Faltan unhas poucas semanas para a avaliación e en cuarto repasamos o tema dos adxectivos.
É o asunto dos adxectivos relativos aos animais: vacún, ovino, porcino, caprino, bovino... Estou preparado para certas parvadas: espero que, como sempre, alguén diga que entendeu bobiño, e toda a clase rirá, e eu farei por levalos novamente ao rego.
Sen embargo, non é isto o que sucede.
Tras vacas, bois e aves chegamos aos cabalos; os alumnos dubidan, tardan, pero propoñen ecuestre e até hípico; ao parecer, esqueceron equino, e son eu quen finalmente o acaba propoñendo, quen o escribe sobre a verde superficie do encerado.
Antes de volverme, un alumno lamíname in situ: ai, profe, ese adxectivo é para os cochos, non para os cabalos, di, case con lástima de me ter pillado.
Como para os cochos? pregunto eu, perplexo, sen comprender nada.
Si, profe, polo menos na miña casa, cando queren chamar polo cocho sempre din quino ven, quiiiino!

sábado, 22 de novembro de 2008

Entradas

A última vez que estivo en Ithaca foi no Sampailán do 2000, e nós vivíamos en Atenas; daquela non o puiden vir ver porque a señorita Kaplan estaba con febre e súa mai e eu debecíamos á volta do berce, como pais novatos de libro que éramos.
Oito anos despois, o 30 deste mes, volve Paco Ibáñez a Ithaca: hoxe desenterrei dous elepés de vinilo e unha casete, e desde onte teño localizadas as entradas, o acompañante e, aínda que sigo sen fumar, até un chisqueiro por se a emoción se desborda o día de autos, aínda que Polis me desenganou con que se agora algo se acende nos concertos é a fría luz dos móbiles.

xoves, 20 de novembro de 2008

Criaturas

Despois da agonía e morte (pode que tan só se trate dunha hibernación, o tempo dirá) do bonsai, tan traumática, documéntome sobre a apaixonante vida das phalaenopsis, capaces de fotosintetizar coas raíces, nada menos.
O que máis me chama a atención é o cartonciño con recomendacións que acompaña a planta con icones sobre rega, temperatura, luz, e unha frase en catro idiomas que reproduzo en francés: Pour la décoration, ne peut être consommé.
Ao lelo, lembro outras advertencias dos electrodomésticos da casa: Verifique que não tenham entrado para a Máquina de Secar Roupa animais ou outros elementos não aptos para a secagem, di a etiqueta pegada no frontal da secadora; e o lavalouza indica rotundamente que a auga que puidese restar nos cacharros tras lavalos non debe ser bebida nin empregada para cociñar.
A ver: será daquela que entre nós habitan criaturas estrañas, coma os ladróns de corpos ou así, que ignoran que está mal meter as mascotas na secadora coas toallas por máis sedosa que lles saia a pelaxe, que por se agacharen disimulan apetitos inverosímiles, que inxeren con esforzo riojas e pepsis cando o que lles pide o corpo é un bon vaso de auga morna e azulada con partículas en suspensión, que acaso devoran repugnantes follas de leituga, eses tomates raf, mentres os ficus, os potos e as phalaenopsis lles levan os ollos de pura gula?

luns, 17 de novembro de 2008

Resaca

Hai días que non teño nada que facer polas tardes.
Man sobre man, póñome a pensar en que podo pasar o tempo sen que na frase aparezan palabras como corrixir, lavadora, rocho ou limpar.
E hai outros días, coma este, en que tería que estar en tres sitios ao mesmo tempo: un cursiño pesadísimo ao que vou con Cam hai como unha eternidade, unha aula de inglés á que falto demasiado, e por último unha reunión do claustro.
Ao saír do traballo vou xantar á casa dos meus pais cos pés fríos e mal corpo: o sol enfermo que me cega, amortallado por unha néboa alta, por contra non me dá quentado os ombros, e a miña mai en canto me bota o ollo enriba alvíscame os restos da resaca.
Entre macarróns, ecos de sociedade locais e máis artillaría para a dor de cabeza, establezo as prioridades: unicamente irei con Cam ao cursiño anestesiante, non máis, e pedirei alí un xustificante para inglés e outro para o claustro.
No café, finxindo que escoito a documentada análise que fai a miña mai da actualidade despois que meu pai fuxiu a ver a tele, sinto que a vontade me naufraga en sono e náuseas; e cando saio á rúa, en vez de ir onde debo, boto a andar para a casa a me poñer de córpore insepulto xurándome dúas cousas: primeira, que meterme unha tarde na cama non vai supoñer o fin da civilización occidental como a coñecemos; segunda, que nunca máis probarei o patxarán.

sábado, 15 de novembro de 2008

Mutatis mutandi

Non sempre vale iso de que pasado o día, pasada a romaría: onte, dez días despois da efeméride dos meus anos, Polis e Encantador viñeron a traerme o seu presente a cambio dunhas cervexas e a promesa de lles corresponder Sábado cun convite como é debido.
Recoñezo que temín que a vaga armamentista iniciada o ano pasado tivese continuación neste, e que me viñesen ofrecer xa un elmo máxico, unhas grebas, ou quen sabe se un bazooka. Nada diso: despois da phalaenopsis de flores brancas regalo de miña irmá, entra agora no inventario a colección completa de Sexo en Nova York: 23 discos cos 94 episodios das seis temporadas, os contidos especiais e un libriño explicativo de cada temporada, todo nunha caixa con gavetas e tiradores de cetín.
E hai que dicilo: todo divino e super fashion.
Algo comento entre cervexas e olivas, mentres convimos en cearmos fóra o Sábado e imos propondo e descartando locais; estou encantado coa serie completa, pero aos dous failles moita graza cando lles pregunto se a caixa-xoieiro, que está sobre a mesa coas súas fitas de cetín e as gavetiñas con debuxos como de damasco, cada una da súa cor, non lles parece un pouco amariconada.
Polis acúsame incluso de facer comentarios politicamente incorrectos; a seguir, acaba as olivas recheas de pemento e eu, mutatis mutandi, vou por máis cervexas á cociña.

xoves, 13 de novembro de 2008

Seis anos

Hai seis anos, o Prestige, un petroleiro monocasco anticuado e en pésimas condicións, con tripulación inexperta e as adegas cargadas de fuel-oil, zozobraba baixo o temporal cunha vía de auga de 40 metros; durante varios días, entre fortes ventos e ondas de cinco metros, seguiría unha inexplicable deriva polo Atlántico, fronte ás nosas costas, antes de se partir en dous e verter ao mar varios miles de toneladas de piche.
Non esqueceremos nunca o desastre que seguiu ao naufraxio; tampouco como o país foi abandonado á súa sorte, entre mentiras e incompetencia; pero moito menos, a solidariedade da boa xente que, anónima e xenerosamente, acudiu a socorrernos.

venres, 7 de novembro de 2008

Chiste

O chiste, sucedido, ou o que sexa, cóntanolo a miña irmá no café, que á súa vez llo escoitou a un cliente un día destes, cando falaban da crise.
Alégrame logo que vos vaia ben, e que, como dixo o enterrador: haxa traballo pra todos!

mércores, 5 de novembro de 2008

Obama

Ao mediodía chamou a señorita Kaplan, por segunda vez en poucas horas (onte, de paso, tamén me felicitou os anos) para asegurarse de que Obama gañara as eleccións.
Está entusiasmada porque venceu o seu candidato, pero tamén me lembra que eu apoiaba a muller aquela: vale, recoñézollo, que remedio, e antes de empezarmos coa agonía de quen colga (colga ti, colgo eu, colga ti, non, non colgo, colgo eu, colga), dígolle para calmala que iso era antes, que agora hai que deixar os reproches e mantérmonos unidos para apoiar o novo Presidente.


(Ufff!: ser pai dunha nena informada, comprometida e con memoria é o que ten)

martes, 4 de novembro de 2008

Soños

Hoxe, primeiro martes despois do primeiro luns do mes de Novembro (e casualmente día 4), os americanos elixen Presidente.
Tamén hoxe, 4 de Novembro (e casualmente martes), o número 43 escólleme coma un proxéctil certeiro, que non me mata aínda que si me fire un pouco máis.

De calquera xeito, a madurez non nos vai impedir seguir soñando:

sábado, 1 de novembro de 2008

Defuntos

Aproveitando unha raiola de sol, imos ao cemiterio a cumprir co precepto.
Mentres miña mai coloca os crisantemos brancos e amarelos, meu pai desaparece; desde que volveu fumar, estas desaparicións son frecuentes. Atópoo tras a cruz dos caídos na guerra de Cuba, hoxe lindamente decorada con flores, e reunímonos de novo os tres diante da sepultura dos avós.
Mentres miña mai reza, eu perdo o ollar polo mar de tumbas que temos á volta: coñecín tantas ducias, pode que tantos centos dos que agora xacen no seu fondo, que talvez sexa unha lástima que nunca me vaian enterrar aquí.
Que había de estar talvez non mellor, pero si máis acompañado.