mércores, 13 de xullo de 2005

Cenáculo

Tras deixar a meniña deitada, decido-me e saio ao encontro d@s que estiveren na Cova: chego arredor das 10 e atopo a Vapin, Estridente e Ti á volta dunha mesa, na terraza.
Como corresponde a dia de semana (non festivo nen véspera de festivo), Estridente está razoavelmente equilibrada; quero dicer con isto que non lle deu por empoleirar a unha mesa imitando á Jurado. Di-me que nen se me ocorra deixar medrar o pelo ou a barba, agora que tirei vários anos de riba.
Estridente marcha pronto; espera por ela seu pai, recén xubilado; como non ten que facer, prepara a cea dos dous cada noite, sempre ou case sempre o mesmo: ovos, e, desde que os hai, pementos de Padrón. Quedo con Ti e Vapin, que está acatarrado, canso, aborrecido do seu novo traballo; soña con fecharen os Sábados desde agora, asi poderia ir a Sanxenxo coa família, un auténtico clan, os Kennedy.
Debulla con desgana queixas, que sumo ás que debullou Domingo nas Cortiñas de San Román; ilustro-as coa sua imaxe recortada na porta da tenda en que traballa, ollando a Praza á espera das clientas; foi a semana pasada; vou polo Cantón levando da mao a nena, vexo-o casualmente e saúdo-o; el levanta a mao, e aposto dez contra un a que tivo que conter-se para non se ir connosco.
Mentres falamos de viaxes posíveis, imposíveis e pasadas, telefona Pólis. Xantaremos ou cearemos ou tomaremos unhas cañas este Xoves, cando a nena se teña ido.
Fará-me ben.

2 comentarios:

Anonymous dixo...

Tres horas e media de "apaisoada" lectura. Coido que me namorei do seu filme.
Se algún día volta sen présa por Ithaca, sería un pracer convidalo.

José María

Anonymous dixo...

Corrixo: Moi agradablemente pola miña parte atopeime cun anaco do seu blog que tiña "esquecido".Outras dúas intensas horas de "viaxe".