martes, 5 de xullo de 2005

Primeiros dias

Sinónimo de vacacións: descontrol.
E asi é; seis dias afastado de Atenas e da miña vida ali, bastaron para converter a miña vida en Íthaca, onde agora estou, nun pequeno caos onde case todo o mundo parece intervir para impedir que algun xeito de orde dea callado.
Sobretodo, a miña filla, o demiurgo principal desta alegre desfeita.
Por todo isto talvez non sexa estraño que até hoxe non puidese acceder á bló, e iso desde un ordenador de Ciberália, clandestinamente, mentres avoa e neta van na praza por algo de peixe.

Como resume das idas e vindas destes pasados dias, o seguinte:
Xoves deixo Atenas coa firme convicción de que deixo algo esquecido; efectivamente: aló quedan o walkman, o livro de Peke e as chaves da auga sen fechar. Na Comarca, os dous hobbits adultos e a cria receben-me como esperaba: igual que sempre, igual que se nos vísemos por última vez tan só unha semana antes, e deste modo a conversa comeza a fluír entre nós como unha corrente amigável e doce no corazón do novo e confortável focho en que viven, no centro da Comarca.
Saímos a pasear e a tomar unhas cervexas; naturalmente, atopamos a P. e B., que nos conducen a un bar perto da ria.
P. é provavelmente o home máis freak que coñezo, infinitamente máis ca min (por suposto) ou que o mesmo Haddock: mentres paseamos pola Alameda, a sua conversa refere-se unicamente a xogos de rol, taboleiros, soldados de chumbo e planos de batallas que merca ou baixa da Rede. Nun momento dado, cando estamos á altura da estátua de Colón, queixa-se de que meia dúcia de partisanos custe máis do que un Panzer; digo-lle que só faltaria que as máquinas valesen máis que as persoas; Haddock escacha co riso ao ver o desconcerto de P.
Eles marchan, e a nosa conversa segue polas ruas e alguns outros bares encantadores da Comarca até que a Helena comeza a vencé-la o sono: daquela seguimos a falar na casa, na cociña.

Todo o que falamos ten que ver co paso do tempo, directa ou indirectamente.
Salce está ilusionada porque as últimas provas deron resultado negativo, e porque ao dia seguinte ten nova revisión; saberá porfin cando e como lle reconstruirán o peito.
Sen embargo, pola mañá as notícias non son boas; o peito seguirá como está.

1 comentario:

Peke dixo...

O paso do tempo. Parece un andazo pensar nel. :)