martes, 5 de xullo de 2005

Orgullo


Sábado pola tarde paso pola de Vapin para deixar algunhas cousas. Tamén, para que me dea as chaves do garaxe. Está canso e non dá nengunha esperanza de saír á noite connosco; só falamos de cousas xerais: o seu novo traballo, a cea da miña despedida en Atenas, que vai facer el no Verao, que farei eu (Irlanda, mudanza, etc)...
Estou tan á vontade cabo do meu amigo que pasaria o dia enteiro sen facer nada máis: coas pernas estendidas e cruzadas xunto ás del, falándomos ou escuitándomos ou véndomos voar as moscas polo espazo da sala, aparvadas pola calor.
Non falamos, claro está, do noso.
Vou a correr para o Parque, onde están meus pais coa nena, e ali recollo-a para irmos á concentración da Praza Maior. Subida sobre os meus ombros, a miña filla aplaude cando estenden a enorme bandeira iris perante a Casa do Concello; un fotógrafo tira-nos unha foto entre os soportais; botamos a andar, entre os últimos tras a bandeira, por unha rua máis formosa que nunca baixo aquel sol vespertino.
A miña filla segue a facer-me preguntas sobre o que se está a reclamar naquela manifestación: non pode entender que alguén non permita as bodas entre dous homes ou entre duas mulleres. Por iso imos, para que ela poida seguir estrañando-se.
Para que o mundo en que viva a miña filla sexa mellor do que hoxe é. E ela sexa livre.
E eu sigo adiante orgulloso, polas ruas de Íthaca, coa miña filla sobre os meus ombros.

1 comentario:

Peke dixo...

¡Que fermoso post! Síntome -e perdoe a liberdade- moi orgullosa.