Moitos pensarán que o lóxico é adicar o segundo día tras a chegada, primeiro completo en Atenas, á Acrópole, e que nada mellor tras a ducha e o espléndido almorzo do hotel que dirixir os pasos á colina sagrada.
Pois non: duchados e almorzados, collemos o metro de Omonia a Viktoria para unha cita co Museo Arqueolóxico Nacional e a súa colección de tesouros.
Quen se encarga das relacións públicas e o trato cos nativos é evidentemente Teddy, que á base de parakalós, evgaristós e kalispéras non só se fai entender senón que consegue mellor información e talvez mellores talladas que eu co meu inglés imperialista e lapidario; recoñézollo mentres toma un café grego e eu unha coke nunha mesa ao pé da que se ve na foto, diante da fachada mesma do Museo.
Dentro aprendo tres cousas fundamentais para o resto da estancia en Grecia, a saber:
- O carné de profesor que exhibo diante da señora da billeteira non vale máis que como marcapáxinas, por moi plastificado que mo desen, para gozo e esmendrellamento de Teddy.
- A batería do mp3 tamén se acaba, como todas as cousas, aínda que sexa á volta do Zeus de Artemisión e á soprano se lle quebre a voz en pleno arpexio.
- Non se poden tirar fotos con flash nos museos de Grecia, aínda que sexa sen querer; o ton e os xestos da funcionaria indicaban que a próxima implicaría a execución sumarísima ou algo aínda peor: a expulsión do Museo.
(Pórtico de entrada ao Museo Arqueolóxico Nacional. Detalle das columnas)
3 comentarios:
Ten que ir vostede máis de viaxe, Kaplan, sempre que regrese (cando menos ao blog) para contalo, claro. Aquí unha lectora fiel agradécello. Entre a súa dose de fantástica realidade e a miña de irrealidade fantástica estáseme alegrando o verán. (`_^)
Lindas fotos. Pena que nunca possa ver os Klapans nelas. Isso sempre me deixou curioso! Um abraco apertado.
Idem as palabras de Bueno :-)
A foto esa do pórtico ummmm
X
Publicar un comentario