mércores, 22 de xullo de 2009

Ágora

Si, era preciso pasarmos ao pé da estatua do lexendario Teseo para entrar no recinto en que están as relativamente ben conservadas ruínas do Teseion, templo que, segundo lemos na guía, para uns é o lugar de enterramento dos ósos do heroe e para outros o templo consagrado a Hefesto, deus do lume e a metalurxia; hei de recoñecer que esta última postura nos convenceu máis, xa que a calor abafante só era comparable á que liberan as bocas dos fornos ou as forxas.
Para entrar no enorme recinto que reúne a Ágora Vella, o Teseion/Hefestion, a igrexiña bizantina dos Santos Apóstoles e a reconstruída stoa de Átalos serve o billete da Acrópole, o que non explica o aparente baixo número de visitantes e obriga a botar man de argumentos como a inmensidade do xacemento ou que a vexetación permite camuflarse.
Sexa como for, Teddy e eu fixemos cadanseu xantar de campaña á sombra dunha aciñeira que xa non sabía a idade: a consabida mazá do almorzo e a última das tres pequenas latas de promoción que unhas mozas enloitadas de fitness repartían polo mercado de Plaka adiante, e que conseguimos poñéndonos, cada un, tres veces na bicha.
Como era previsible, pouco ou nada restou do que alí había que non levásemos gardado nas cámaras: capiteis, bustos, pardaus, crismóns, arboriñas esqueléticas, columnatas dóricas, romaceiras, gatos, courazas pétreas, humildes lucernas de barro, estatuas mutiladas, kilix, peplos, e até vixiantes docemente adormecidos baixo unha sombra.
Tras visitar a stoa convertida en museo aproveitamos para facermos as nosas ablucións; na tenda compramos uns gravados, excelentes e a bon prezo, con vistas decimonónicas de templos e ruínas.
Do xantar nunha tasca achegada de Plaka, na que roubamos os lindos manteis de papel non ben os puxera o mozo sobre a mesa, o testemuño dunha foto:

3 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Señor Kaplan, estou descubrindo que vostede é un pouco gamberro.

Perry dixo...

Ya veo que al menos has comido bien. Buen provecho.

Sun Iou Miou dixo...

Roubando manteis! Non quero cómplice! Calquera o convida a vostede a comer con cubertería de prata!

Unha vez comín comida grega e encantoume. Claro que era en Valladolid... Igual non é o mesmo. `_´