sábado, 25 de xullo de 2009

De lanternas, portas e templos

O resto do día a seguir ao xantar foi máis ben discreto e, como dixen, adicado ás compras de Teddy e a pasear por Plaka entre tendas de souvernirs, obradoiros, restaurantes e monumentos.
Ese Luns a esta distancia parece un compartimento estanco entre días ateigados de visitas a museos e ruínas memorables; se pola mañá visitáramos as diminutas igrexas bizantinas e o museíño da mesquita, para o serán quedaban a lanterna de Lisícrates e o templo de Zeus Olímpico, tras o Arco ou Porta de Hadriano.
A lanterna non é tal, e ao mellor por iso nos custou tanto atopala apesar de o plano dicir que estaba aí mesmo; prometo que preguntamos a varias persoas pola rúa, ao mozo dun bar e até algún turista, e ningún nos soubo dicir como chegar á teimosa columna que segue, tras dous milenios, salvando o nome dun autor de teatro do que non se sabe máis nada; por fin, cando xa dubidábamos de se a tal lanterna estaba en Atenas ou pertencía a algún outro tema da nosa Historia da Arte de COU, apareceu entre árbores e terrazas dispostas para a cea.
Máis adiante, descendo, está a avenida Amalias onde repentinamente nos devolve ao século o estrondo da circulación e o fume dos motores; ao outro lado desta avenida de varios carrís está a Porta de Atenas, descentrada e inútil, que un día mandou construír Hadriano e que hoxe non pode estar peor situada, obrigando os coches que van do Pireo a Syntagma a faceren un dramático xiro en ascenso para librala; Nikos xa nos advertira de que as autoridades non saben que facerlle, e o tempo pasa.
Alén da Porta está a zona arqueolóxica en que sobre todo destacan as columnas do arrasado templo de Zeus Olímpico; hai tan poucos visitantes, con esta calor e a esta hora, que os vixiantes desapareceron da vista como para lle facilitar a Teddy as cousas; aínda que ao final serei eu, menos pusilánime ao parecer, quen colla as pedras prohibidas: dous pequenos anacos brancos, renegridos por fóra, sen filiación coñecida nin desculpa.
A amplitude do terreo pelado adensa o silencio que raramente rompe algún claxon remoto; ao lonxe, a vista da Acrópole deste esta explanada, certamente, non deixa de conmover.



A Porta de Hadriano, ou o que resta dela. Abaixo, a entrada ao recinto do templo de Zeus Olímpico

4 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Cando as portas non serven para entrar ou sair e os templos non serven para rezar, todo acaba sendo turismo.

Kaplan dixo...

Gustoume moito esa idea súa, María Jesús; nunca se me ocorrera.

Noemí Pastor dixo...

Está bien esta transmisión en diferido. Para ti será como si viajaras otra vez y para mí, como si viajara por primera vez, pues sólo he visitado Grecia en las novelas de Márkaris. Besos, Odiseo.

Sun Iou Miou dixo...

Ui, ui, ui, manteis, pedriñas... En fin, quen estea libre de culpa, que tire a primeira.

Grazas, Kaplan, polo paseo. Por min, pode volver de vacacións cando queira só cunha condición: que non me sexa egoísta e o conte.