martes, 21 de xullo de 2009

Lastros

Non sei se o parecerá con tanta actualización, pero a señorita Kaplan está comigo desde hai case unha semana e eu, atado a dous lastros, mórdolle tempo ao sono para pasar aquí as notas escritas na viaxe a Grecia, levedándoas con links e algo de sarcasmo.
Non sei se realmente interesan a alguén estes relatos, e o mesmo penso de tanta foto e tanto slide: é verdade que non hai cousa máis mala de aturar que sentar a ver as fotos das vacacións alleas, coa voz en off do teu cuñado, un amigo ou o teu colega do traballo resoando ao lado no seu salón ou no bar onde tomades café mentres explica detalles, rememora prezos ou pon os ollos en branco para que vexas o boa que estaba a paella aquela ou aquela inglesa que comeu tal noite.
Neste caso, hai unha gran diferenza: quen se sinta aborrecer non ten máis que saltar o post ou mesmo cambiar de blog, dito sexa isto con toda amabilidade e dozura.
O outro lastro é o terceiro volume da triloxía Larsson: tras levalo comigo de vacacións e pasealo por terminais e adormecer baixo el mentres Teddy ao lado argallaba nas fotos, empezo a sospeitar agora, a tres centas páxinas do final, que o melón non presta, que non madureceu ben ou algo e está insípido.
Pode que en realidade sexa eu o que está empachado; non sei.

3 comentarios:

mariajesusparadela dixo...

Non me parece ben que perda o sono so porque xente coma min disfruta cos seus escritos.

Anonymous dixo...

Eu non son tan benévola.
Que menos!
Tantos días sen noticias!
Que da outra vez con Polis aínda apañara un pc nas Italias.
Non pense, non lle dea voltas a se lemos ou deixamos de ler.
Iso déixenolo a nós, que para iso estamos.
X
PD: Ademais, lembre que vostede foi o culpable de todo.

Sun Iou Miou dixo...

Pois sinceramente, bestiña que é unha, vista unha pedra, vistas todas (outra cousa era poder apalpalas e ter ocasión de fotografalas eu, pero a iso chámaselle envexa). Do que non dispenso é de lelo. De maneira que xa sabe: escriba.

(Ah, que xa escribiu, claro, pois sigo lendo.)