domingo, 29 de xullo de 2007

Octo-meme

Recibín de Peke hai algúns días a invitación para responder a un teste algo excéntrico, que consiste en escribir, xunto coas regras de xogo, oito cousas de min mesmo que non se saiban, así como invitar outros oito a que respondan; sobre isto, escollan os meus amigos blogueiros e visitantes se responden ou non. Á súa vontade.
  1. Son un auténtico inútil en todo o que teña que ver coa bricolaxe e os traballos manuais; admiro os fontaneiros, alvaneis, electricistas cando os vexo traballar, improvisar unha solución a un problema, cortar, soldar, unir, manexar as ferramentas para construír ou reparar algo na seguridade de eu non ser quen a facelo. Anos de fracasos me levan xa a renunciar directamente a todo intento.
  2. Se o anterior é bastante coñecido entre os meus coñecidos, o que vou contar agora é, máis que un segredo, un segredo vergoñento: non teño as mínimas nocións de cálculo; non só falo de todo aquilo que nos ensinaban na escola sobre as lousas necesarias para cubrir un chan de tanto por tanto, ou o que tardan dous trens en cruzarse tendo en conta velocidades e distancia do punto de partida, ou os litros precisos para encher unha bañeira á que inexplicablemente alguén fixo furados no fondo.
  3. Todo iso tería tal vez un pase; pero eu refírome a algo máis dramático: tampouco sei operar con decimais. Temín secretamente a chegada do euro; agora sei que podo sobrevivir cunha calculadora á man; volvo temer agora, sen embargo, o día en que a miña filla veña con aquelas diabólicas contas que me amargaron a infancia; ese día, supoño, caerá para ela un mito.
  4. Despois desta confesión non será mester explicar que fun un estudante irregular: nunca tiven demasiados problemas nas linguas, a literatura ou a historia, pero fun sempre cambaleando nas matemáticas ou na física, entre outras cousas porque como non as daba entendido tampouco as estudaba. Era posible verme entre libros sobre a guerra civil a véspera dun exame de álxebra, por exemplo; logo sucedía que o profesor era compasivo, que algún amigo me explicaba as catro cousas indispensables para a repesca ou que o dedo de deus me sinalaba, non sei, e acababa aprobando.
  5. Non deixo nunca de lembralo cando poño as notas dos meus alumnos: tal vez por iso suspendo poucos, pero esta é outra historia.
  6. Sigo sendo tímido, pero até despois da adolescencia a miña timidez era case patolóxica: falar con estraños, entrar onde houbese máis xente ou saír ao encerado poñíanme a cara e as orellas en estado de ignición e acababa tatexando.
  7. Un vello profesor de matemáticas que xa fora profesor de meu pai, cando terminaba de ditarnos os problemas advertía que o último en resolvelos sairía á lousa; e engadía: señor Kaplan, estou pensando en usté, vaia preparándose. Daquela volvíame incandescente e xa non daba xa pé con bóla.
  8. Sigo sendo tímido e irregular, o que nunca se interpuxo demasiado na miña vida: tiven e teño grandes amizades, amei e fun amado, sufrín alegrías e decepcións das que sobrevivo creo que sen acomodarme demasiado, sen perder de todo esa sensación de cambio e provisionalidade de cando era rapaz e o tempo corría devagar. Agora afronto a madurez coa mesma decisión que outras etapas anteriores e sen sentirme por dentro moi diferente; en realidade, sinto curiosidade perante o futuro.

xoves, 26 de xullo de 2007

Babel


Moi poucas veces o ancho mundo colle nunha cousa tan pequena como unha película, aínda que esta sexa muito máis que unha simple historia porque nela hai todo o bon e todo o malo, toda a grandeza e toda a miseria do que somos.
O mundo non é xa tan enorme pero segue a ser igual de escuro e terriblemente fermoso.

(Pasan as horas e eu sigo emocionado)

martes, 24 de xullo de 2007

Teorías


A día de hoxe non deixo de pensar nos Haddock; ben se encargan a miña mai e a miña filla de lembrarmos.
A primeira, coa súa innovadora teoría do efecto chamada, segundo a cal Haddock sucumbiu pouco a pouco, en cada visita, ao engado da miña apaixoante vida de divorciado.
A segunda, desacougándome o Domingo, cando con toda cautela comecei a explicarlle que Salce e Haddock se separaban e ela xa me cortou con que o sabía, que llo dixera a filla deles mentres paseábamos precisamente pola Muralla, pero que esperaba un bon momento para contarmo por se me poñía triste.

luns, 23 de xullo de 2007

Amargo

Como estaba previsto, de Mércores a Sábado visitáronnos tan só dous terzos da familia Haddock; por teléfono xa Henri me advertira de que tamén Salce aprobara a oposición e estaba agotada, que tiña que entregar papeis e tramitar cousas.
Logo a realidade, que resultou ser outra, presentouse mentres as nenas xogaban e reloucaban no cuarto da miña, e o café que tomábamos virou de súpeto máis negro e máis amargo.
Sen que ninguén me diga nada, sei con certeza que Salce espera desde a Comarca que o convenza como outras veces, pero sinto que esta vez non é coma o ano pasado nin as outras veces; as fendas serán quizá as mesmas, pero agora Haddock está decidido e, vendo correr diante de nós as nosas fillas mentres paseamos polo adarve, recibe as ofertas de apartamentos que lle fan polo móbil cun sosego que non deixa lugar a dúbidas nin zurcidos de ningunha caste.
Para unirse a alguén non é necesario dar razóns; en todo caso, basta con enarborar o amor, esa poderosa quimera. Sen embargo, cando sobrevén a ruptura, as razóns parecen sempre estúpidas e insuficientes, aínda máis tras 18 anos e medio, unha linda filla de dez, unha casa xeitosa no centro da Comarca.

domingo, 22 de xullo de 2007

Un Outono estival

Ser consecuente é unha lata: empezo a fartarme de atravesar de sandalias e manga curta, pero con paraugas e carne de galiña, este Outono estival, tan só por coherencia, e por serlle fiel a un calendario absurdo.
A miña filla ao lado vai dicindo Non te enfades co tempo papá, mentres sobe a carapucha e abotoa até arriba o impermeable.

martes, 17 de xullo de 2007

Oposicións

En resposta á miña mensaxe de móbil, Tere Holmes chama nun mar de lágrimas: por fin o conseguiu, pero está tan afectada que himpa, chora e repite varias veces que isto lle vai cambiar a vida. Doulle unha vez máis os parabéns e colgo para que poida seguir chamando a todo o mundo, contarlles que vén para aquí, que a mala racha terminou, que se acabaron os destinos na periferia de Madrid, de aquí para aló coma unha correspondente de guerra.
Adeus Paracuellos e Guadarrama, adeus Boadilla e Brunete: Tere Holmes volve á retagarda.

sábado, 14 de xullo de 2007

Entregas

Espero polo amargado da construtora diante do portal para facermos xuntos unha inspección visual do tobo; como todo está en orde (paredes, enchufes, mandos, persianas) imos no seu coche á oficina para que me entregue as chaves, non sen que antes lle asine un papeliño con faltas de ortografía que laboriosamente escribíu no ordenador.
21'40. Segunda entrega.
Polis espera por min, que chego con retraso, nunha terraza do Campo Castelo. Mentres me pon ao día, coloco as chaves del sobre a mesa xunto á cestiña das patacas fritas; Polis recoñéceas ao instante pero segue a falar, coma unha locomotora desbocada, da casiña que alugaron para as vacacións, dos últimos sucesos, da xente que non para de preguntarlle por min e do pouco que me deixo ver ultimamente. Como Encantador vai nunha boda este finde, Polis acaba convencéndome para xantarmos hoxe.
Marchamos pronto; coas voltas que recolle do pratiño de plástico, as chaves van para o peto.

venres, 13 de xullo de 2007

Celanova

Non direi que non o teña, que non sexa peleriñante, ou que non vaia e veña, ou mesmo que máis que vento non sexa un teimoso roncón, pero o certo é que onte se fora de vacacións, e o sol caía biblicamente sobre nós mentres Teddy me facía de guía, de anfitrión, nese verxel onde o mundo se chama Celanova.
A visita organizouse inesperadamente, un pouco ao chou, para atenuarme as longas vacacións que sempre me reprocha, e antes do regreso da miña filla e a visita dos Haddock a próxima semana, pero só no último momento, vía móbil, souben que xantaríamos coa irmá del.
Ao darlle o toque cando cheguei (se te dás volta xa me ves) vino vir cara min atravesando a rúa como me gusta velo: sólido, estable, compacto, e ao tempo vivaz e áxil, coa cámara na man, o sorriso despregado.
Curioseamos entre os postos da feira antes de perdérmonos nos claustros imponentes, na basílica desmedida, na humilde capeliña mozárabe. Fíxonos graza sermos tomados por acompañantes leigos dos frades e freiras bieitos que espesaban, ateigando as naves e a sancristía, no xubileo de Rudesindus, o venerable.
Sesenta fotos máis tarde reuníamonos coa irmá de Teddy na fonda en que logo xantamos: falamos de políticas locais, da orixe da gheada, do bilingüísmo harmónico (ese enxendro), da miña filla, mentres a moza traía e levaba pratos e eu me sentía tan á vontade como se coñecese os dous de moitos anos. Tal vez por iso non preguntei a Teddy daquela nen despois, xa os dous sós na longa conversa no bar do muíño, cousas obvias que logo camiño a Ithaca me foron surxindo.

luns, 9 de xullo de 2007

Tobo

Fun un destes días coa nena (que pasou aquí a semana toda) visitar a nova casa. Entramos ao garaxe chimpando por riba da zanxa pola que os obreiros meten a toda présa tubos como artérias para auga e luz: revisamos a praza que nos corresponde e o rocho, hoxe vestiário de pintores. Vimos o portal, recuberto de madeira coma un camarote, cunha das paredes pintada de colorado, onde locen as arcas do correo e o espello marcado con dedos proletarios.
Cruzamos electricistas e pintores cando subíamos polas escaleiras, enfariñando o calzado co pó branco que cubría os chanzos, até chegarmos á decepción da porta fechada do piso, algo co que non contábamos. A nena propón, mentres collemos aire, que chamemos ao timbre, a ver que pasa.
Ao mellor saímos nós mesmos a abrir, dígolle, e ela xa está a poñerme á raia (Papá...!) cando un operario un pouco punkie abre a porta e nos deixa inspeccionar os cuartos terminados; a diferenza das outras veces, a nena non bota a correr tolamente senón que percorre un por un devagar até chegar ao dela (o meu non lle interesa o máis mínimo); véxoa moverse por el e xirar e ir un par de veces á xanela e fechar a porta, mentres chega o veredito: é o cuarto máis bonito do mundo, di finalmente.
Saímos á rúa cargados de interrogantes que só as semanas se ocuparán de resolver.

domingo, 1 de xullo de 2007

Funeral

A segunda invitación chegou onte á noite.
A casualidade quere que mentres vexo The Queen, unha comisión de viciños coa inefable Pepe Blanco á frente chame á porta para contarme que ao señor do A lle deu unha cousa pola mañá e que morreu na Residencia pola tarde, que o funeral será o Luns, e que andan recadando fondos polos pisos para mandar unha coroa.
Dígolles que irei ao funeral e que me apunten para as flores, e volvo para o salón a terminar a película; daquela lembro que o Xoves pasado subín co pobre señor A, que se queixou do tempo e, mentres esperábamos polo ascensor, de que as plantas do portal estaban secas, que era mellor poñer unhas de plástico, que non había que regalas e que duraban para sempre.Vaites...

Comuñón

Onte recibín dúas invitacións.
Pola mañá chama a prima da miña filla; chea de timidez, invítame á súa primeira comuñón o Domingo próximo, e eu alego unha falsa viaxe para non ir.
Excepto o de pai, que naturalmente trouxen comigo, cando marchei de Manderley deixei atrás os títulos de marido, xenro, tío, cuñado, padriño e os vínculos que conlevan, como quen se libera dunha pel, e os que antes eran familiares meus sonme agora e para sempre alleos.
Sei que esta nena de 8 anos que un día apadriñei, e que de cando en vez nos visita en Ithaca invitada pola miña filla, non comprende que os matrimonios se rompen e que as familias se disolven e que o tempo se encarga do resto; son cousas de adultos que, ao parecer, os adultos non souberon explicarlle, e por iso a nena chama e invítame, e eu non irei porque a distancia que vai de Manderley a Ithaca é cósmica e insalvable.

domingo, 24 de xuño de 2007

Xubilación

O mundo sorrí para min, amable e como domesticado: ao final de curso e o aprobado en inglés (a estas alturas, un aprobado rodeado de aprobados adolescentes sabe a gloria bendita) súmase a vindeira entrega do tobo, impecablemente pintado, segundo os cuartos, de amarelo, azul claro e violeta (Polis diría pexego, azul ceo e lila).
Incluso máis: o proxecto do Goberno de recoñecer a prestación social como un ano de cotización á Seguridade Social faime soñar uns minutos con que só me restan 12 anos para poderme xubilar anticipadamente.
O entusiasmo dura xusto até que me decato do moito que empezo a parecerme ao meu pai e ao meu avó cando releaban coas porcentaxes da pensión e os anos cotizados, e descubro que en canto me descoide darei en pensar que só me falta comprar unha boina e ir botar a partida, e intercambiar píldoras cos meus amigos durante o café, e falar dos nosos anos non polo nacemento senón polo ano das quintas.
Brrrrr!

venres, 22 de xuño de 2007

Sete anos

Novamente floriu a lavanda que recollerei mañá...
Hoxe, exactamente a esta hora, a miña filla cumpre 7 anos.

Clave

Merezo ser flaxelado en praza pública, tal vez lapidado, exposto a escarnio e entregado a suplicio.
Tantos anos ás voltas coa Rede para finalmente cometer un erro de novato: esquecín a clave para entrar na miña conta de fotos. Sei que parece imposible, absurdo, pero precisamente por iso merezo ser atormentado e levar grillóns unha boa tempada.
Salvo a data de nacemento, que coincidía coa real, todo o demais fallou; mesmo non souben dar resposta á pregunta de seguranza, así que nen sei cal é o meu pasatempo favorito, pero desde logo non é ler, facer crucigramas, o sexo, o cine, nen tampouco tocar os c... entre outros que probei, por se acaso.
Canso de dar voltas polo labirinto que fun tecendo cos meus intentos, tomo a decisión de crear unha nova conta e ir subindo a ela, unha por unha, todas as fotos habidas e por haber, aínda que iso supoña horas e paciéncia. Eis o meu castigo.
O máis triste, sen embargo, é perder os comentarios que unha amiga fixera nas súas fotos favoritas.
Implorando desde aquí as súas desculpas, téndolle o látego para que se resarza á vontade.

luns, 18 de xuño de 2007

Mancha 2


A mancha australiana do meu teito transformouse nun gris e húmido continente africano á inversa (sen Madagascar) que avanza polo Norte en dirección á lámpada.
Á aprensión desta noite sucederon os contactos e as negociacións que están a converter o meu cuarto non sei moi ben se nun museo se nunha capela ardente; até agora, por aquí pasaron xa os viciños do quinto B (os donos) e os do quinto C (os colaterais), a presidenta da comunidade, a dona da casa, dous fontaneiros, e até a Pepiño Blanco, supoño que para levantar acta, co cadelo no colo.
Diagnóstico: unha fenda no piso da terraza que a ninguén prexudica salvo a min. Mañá virá o perito do seguro.
Tamén é mala sorte: despois de case dous anos vaise abrir esta fenda precisamente cando só me restan unhas poucas semanas de vivir aquí.

domingo, 17 de xuño de 2007

Mancha



O día amence líquido: acórdame cedo a cifra da choiva contra os cristais do dormitorio; cando porfin abro os ollos e son quen de fixalos nas cousas, delimítanme no teito, xusto sobre a cama e sobre min, unha grande mancha húmida.
A boa noticia é que ten a forma de Australia (Tasmania incluída).

A mala, que os viciños do quinto non están.

sábado, 16 de xuño de 2007

1977

Como case todo o mundo, vivo estes días a grande vaga de saudade pola conmemoración das tres décadas (deus!) das primeiras eleccións; a televisión ben que se ocupa de botarlle leña a ese lume, e así o Xoves inexplicablemente quedei callado até as tantas diante da pantalla, os exames fermentando mentres, para ver tristes imaxes en branco e negro de políticos hoxe inverosímiles con aquelas gafas de pasta, os traxes raiados, o bigotiño, a breve liña branca do pano no peto xunto á lapela.
Daquela tiña once anos; o curso, 6º de EXB, achegábase ao final como se achega este, e eu manobraba para que me comprasen a BH de carreiras que sustituíse a oxidada bici herdada do meu primo; así sería en parte, porque non foi de carreiras senón unha de paseo sen marchas para compartir coa miña irmá.
Das semanas previas lembro discusións na mesa e os libros de texto tatuados con adhesivos da propaganda electoral que íamos pedir nas sedes dos partidos ou que cambiábamos como se fosen cromos; mesmo conseguín un cartaz xigantesco, este que ilustra o post, para a parede do meu cuarto.
Do día da votación, a vergoña que sentín cando meu avó saltou a bicha dicindo que estaba poñéndose malo e que non podía respirar, o que nos obrigou a saír a fume de carozo, despois de meter os sobres nas urnas, para que non lle pedisen unha ambulancia.
Media hora máis tarde, tomando o chiquito cos amigos no Bodegón El Orensano (fronte á Catedral, hoxe alí hai un local de copas), afirmaría que levaba 41 anos esperando votar outra vez aos socialistas e que xa estaba vello para perder a mañá parado nunha bicha.

venres, 15 de xuño de 2007

Vivo

Á vista do clamor popular, é mester dar noticias antes de que alguén pense que morreu novamente o blog ou que morrín eu mesmo e me envíen axuda á casa.
Ando tan abafado de traballo que non teño vagar suficiente para poñerme a facer posts, non sei moi ben onde teño a cabeza, ando canso todo o día, pero sigo vivo.
Iso si, nun mundo proceloso e aborrecido: mentres agardo pola nota que me darán en inglés vexo medrar e multiplicarse sobre a miña mesa e dentro do cartafolio, como seguindo unha orde divina, os exames que corrixo en tardes interminables. Repaso e axudo a corrixir unidades didácticas a compañeiras que van á oposición, descubrindo cada día cousas inauditas sobre a lactose, a tundra ou o ablativo absoluto.
Por se non bastase, o futuro tobo está case terminado: os obreiros afánanse agora en pintar o garaxe e retocar o portal, unha vez que as vivendas están xa listas; cómpre, pois, preparar os papeis e buscar a máis guapa moza do baile.

Mentres, o tempo volveu mudar: diluvia sobre Ithaca como no Inverno, e Teddy, desde a súa terra, chama para dicir que está na cama con gripe, esa zorra.

martes, 5 de xuño de 2007

Uns e outros estarán satisfeitos, pero o día non pode ser máis triste.

sábado, 2 de xuño de 2007

Escapo!

Acábanseme os víveres. Teño a neveira que dá pena, pero o peor é que estou farto de dar voltas no tobo, vestido de chándal, como se fose poñer un ovo. O móbil está mudo hai horas. A miña filla, contaxiada telepaticamente de amigdalite, non veu este finde. O cesto de roupa para pasar o ferro fai sinais como un náufrago. A butaca, tras tantas horas sentado nela, repéleme como o asento dun fakir...
Antes que tomar dun golpe os sete sobres de augmentine que me restan ou abrir a chave do gas ou bañarme co secador de pelo conectado, fago memoria de como se viste unha persoa normal, de como se acende un coche, e entón decídome...
... e escapo!

venres, 1 de xuño de 2007

Friquis

Contei xa que Encantador, o mozo de Polis, é unha especie de neno grande e peludo, diríase todo de algodón, que non ten ósos, cun piso intramuros polo que aínda non pasei ateigado de xogos e tebeos, e que colecciona antigos xoguetes de lata. Todo isto resulta inaudito nun home habituado a entreter as súas mañás en hipotecas, créditos e fondos de investimento, non sendo que tamén lles atope ese lado lúdico que está claro terán por algún sitio; a gravata e a americana fan o resto.
O que non dixen é que se trata dun friki que lentamente está convertendo ao meu amigo; teño probas do que digo. Hoxe, mentres tomábamos aquí café (el só e eu con augmentine), contoume que están de cumpremés: tres meses levan xuntos, e para celebralo foron cear por aí e logo na intimidade entregáronse os presentes.
Que se regalaron?
Pois Encantador a Polis unha desas maravillosas e utilísimas máquinas para cervexa a presión que non deben faltar en ningunha casa. Como xa antes lle tiña regalado unha máquina de bolas de chicle, imaxino que as expendedoras de tabaco e condóns estarán xa en camiño.
E Polis a Encantador?
Un decorativo Mazinger Z de un metro e pico, en resina de alta calidade e con todos os detalles, que ao parecer lle custou unha gónada atopalo porque está esgotado, pero que ninguén dubide de que valeu a pena porque é un pasote. House, House, que te pasas...

Con tantas emocións, en canto Polis marchou decateime de que outra vez esquecera volverlle as chaves.

xoves, 31 de maio de 2007

De baixa

As maniotas non eran outra cousa que heraldos da gripe: levo catro días encerrado, os dous primeiros practicamente sen me erguer da cama, ateigándome de antibióticos e paracetamol, e cun humor baixo cero que pareceu mellorar hoxe cando me vestín para ir pedir a alta.
Non ma deron, como supuña: desapareceron a febre e o malestar, pero case tamén a voz.
Laméntome na consulta de que ao seren as baixas de cinco en cinco días non me mandarán substituto; a médica, mentres me visto, respóndeme un pouco friamente que do que ela entende é de medicina, non de burocracia.

martes, 29 de maio de 2007

Esmelle

Ben pronto o seu blogue estará de aniversario, pero hoxe hai xusto un ano que a Dama de Esmelle descubriu o camiño a Ithaca, e desde aquela non deixou de asomarse a esta illa-tobo para axexar desde ela o horizonte como eu o vexo.
Como declaración de intencións definiuse logo, sen errar, como unha rubideira teimuda; o tempo encargouse de demostralo: a sua curiosidade segue a lucir vizosa e firme, e eu do seu blogue aprendo cada día.
Oxalá os camiños abertos nesa Selva sexan longos e fecundos, e infinitas as mañás de estío que os alumen.

sábado, 26 de maio de 2007

Reflexión

Para cumprir coa miña promesa de visitar a Nican antes de fin de curso, collo duas horas no traballo e tiro cara ao norte por unha estrada en que medraron muíños como xigantes, e en que enormes máquinas furan nas entrañas dos montes para acurtar uns poucos minutos o traxecto ao mar. Envergoñada, a montaña antano belísima recíbeme tapando as chagas na brétema espesa que me acompañará todo o día, mesmo cando ao serán retorne por outras estradas e por outras montañas diferentes.
Até que chego non comprendo que volver ao lugar do inicio, tras sete anos fóra, supón volver a unha cidade medrada que me é allea até non dar apenas recoñecido as casas en que vivín ou o edificio en que neses anos comentei centos de textos literarios e analicei miles de cláusulas e cualifiquei a decenas e decenas de alumnos.
Do que sabe deles fálame B. mentres xantamos e Nican dirixe a campaña via móbil desde a mesa en que fumegan os pratos: do que casou na terra da cervexa, do que publicou un libro de poemas (ese que teño na miña mesa de noite), do que fai performances e videoarte, da que abriu unha pousada rural non lonxe de onde estamos, dos que van nas listas dos principais partidos estas eleccións, da que está toliña de todo e chama de cando en vez para preguntar por nós, do que agora ocupa a nosa praza no instituto...
Falamos dos nosos: a última vez que nos vimos, o fillo máis vello de B. e C. tiña a idade da miña filla hoxe, e a miña filla aínda tomaba peito e ollaba asombrada para as rúas daquela Atenas en que acabábamos de instalarnos. Logo aínda virían o fillo máis novo deles, o devir político de Nican, o meu divorcio e o traslado, e os sete anos convértense nunhas poucas palabras vestidas de certa melancolía.
Mentres deglutimos postres gorentosos e hipercalóricos, B. cóntame unha historia de heranzas e partillas que leva directamente a unha casa de pedra á que nos levará Nican despois no seu coche, unha casa que ao parecer non se dá terminado nunca e que percorremos inteira, do garaxe á penumbra do faio, dos dormitórios pintados pero aínda sen tarima á cociña con aceiros e portas decapadas.

Ás 6 emprendo o regreso: mentres o coche corría na estrada mollada, a brétema húmida ía fechando de novo, púdica e dignamente, o camiño atrás.

venres, 25 de maio de 2007

Maniotas

Teño maniotas nos cadrís e polas pernas.
O que non sei é a que se deben: se a que estivo aquí Teddy onte pola tarde, ou a que hoxe pasei o día conducindo.