domingo, 28 de decembro de 2014

Valladolid na cea

Como era de esperar, o meu cuñado viña decidido a converter a miña viaxe á súa terra no tema central da cea de Noiteboa, por diante incluso do primeiro discurso do flamante novo rei, e entre cigalas e talladas de pavo someteume a un terceiro grao sobre aquilo que vira, non vira, ou debera ter visto.
Veuse arriba xa cando de principio recoñecín que me gustara aquela cidade chantada no medio da estepa en que el nacera, Valladolid; pero polo demais houbo pouca coincidencia.
Meu cuñado non é dos que visitan museos, e ás igrexas non entra se non é por motivo de enterro ou casamento, así que cando lle falo da visita ao Patio Herreriano el cóntame que alí, naquelas ruínas que hoxe son o museo de arte contemporánea, xogaba ao fútbol cos amigos cando lataba á escola; ou que a igrexa que hai ao pé do Museo Nacional de Escultura é onde lle fixeron o funeral ao pai, ou que na rúa paralela á do meu hotel naceu a Velasco, e nese plan. Coñece, iso si, a cafetaría onde ceei o primeiro día e xantei ao seguinte, canso pero feliz, coas pupilas e a cámara exhaustas de retrataren os horrendos Cristos barrocos, aqueles Meniños Xesús que en que anónimas monxas durante séculos puxeron as súas estériles ansias maternais, Magdalenas penitentes do temario de COU e varios claustros platerescos.
Ao final, acabamos falando do tempo, como non: daquel frío cortante e daquela néboa, e dos meus acostumados problemas co aire acondicionado, que no hotel debería complementar unha calefacción morna de máis para a estación, e que unha das noites me fixo acordar case rodeado pola banquisa e a seguinte ao contrario, tanto que até me cumpriu abrir unha regandixa e que entrase o fresco de fóra para dar durmido de novo.
Pouco máis se podía contar, e menos nunha noite coma esta: escoitar das viaxes alleas é un tormento que os demais comensais se encargan de nos facer notar, e até apareceu un conato de incendio cando meu pai se enfadou porque, unha vez máis, ninguén lle dixera que era Noiteboa.

xoves, 25 de decembro de 2014

Feliz Nadal

En lembranza da tregua espontánea de Ploegsteert durante a Gran Guerra.

luns, 22 de decembro de 2014

Cristina

Algún día, cando se proclame a Terceira República, todas as cidades e vilas de España deberían dar o nome de Cristina de Borbón a unha praza céntrica. 
Segundo Polis, esta muller é o Fermín Galán do noso tempo.

domingo, 14 de setembro de 2014

Cerralbo

A escapada a Madrid (segunda este Verán, cuarta no último ano), tan achegadiña ao comezo das aulas, pon oficialmente fin aos dous meses menos sedentarios en moito tempo. O pretexto agora é visitar outra exposición de ou sobre El Greco, esta vez en Toledo.
O hostal reflicte en boa medida as condicións económicas do viaxeiro: o labirinto de habitacións e corredores continúa a estar no epicentro da cidade, pero xa non en Sol senón na Carrera de San Jerónimo, e o cuarto ben pode cualificarse de sobrio e espartano. Antoine, a quen deixei na penumbra do salón con aquelas grandes e vellas butacas como animais mansos e adormecidos mentres me rexistro e levo a equipaxe ao cuarto, comenta que disfruta coñecendo os meus aloxamentos madrileños case tanto coma min visitando os museos.
Anoitece cando chegamos á praza de Santa Ana: a cea a base de revolto de cogumelos, croquetas e pimentos de Padrón, e as dúas xerras de cervexa natural, devólvenme á vida despois de sete horas longas de autobús e a propina do metro, e cando rematamos a xornada coa última cervexa na praza Canalejas eu xa son o de sempre.
O segundo día comeza con tres pequenas catástrofes: as cousas de aseo que o hostal proclamaba na súa web redúcense a dúas humildes (e ariscas) pezas de xabón, polo que despois terei que comprar xampú; o baño é tan reducido que acabo provocando unha inundación mentres me ducho, felizmente sen máis consecuencias; a novela que trouxen comigo está nas últimas despois da viaxe e a primeira noite, así que haberá que axenciarse outra para as seguintes noites e o regreso. Si: daquela, canta razón lle dei á señorita Kaplan e ao seu prodixioso e-book, no que collen trescentos libros.  
Almorzo o castizo pan con aceite nunha cafetaría que coñeceu, a dicir de Antoine, mellores tempos, e sigo pola Gran Vía en dirección á Praza de España, papón provinciano admirado do bulir incesante de xente de todo tipo que enche as beirarrúas e atravesa a calzada. Vou camiño dun museo pequeno, dun deses que, como logo comprobarei, apenas teñen visitantes; hai tempo que quero coñecelo, pero agora ademais é unha recomendación dun colega de Historia, que a semana pasada mo definiu como o máis peculiar museo que nunca tiña visitado.
Doulle a razón, indiscutiblemente: despois de pasear entre os bustos renacentistas sen nariz do pequeno xardín e percorrer as salas do palacete, ateigadas até o inverosímil de mobiliario, cadros e obxectos, saio del coa cabeciña e a cámara repletas de guerreiros de mármore, porcelanas e tapices; de selfies que tirei nos enormes espellos de marcos de bronce mentres, atónitos, os inquilinos me contemplaban desde os retratos parados sobre as repisas de chemineas que xa non se acenden; dos diváns turcos do fumoir e da colección de columniñas; das armaduras da sala de armas (a guía indicaba que é aquí onde se celebraba o besamanos) e da bañeira de mármore que impresionaba as visitas do Marqués co sistema hidráulico de enchido e desaguamento; da mesa posta no comedor de gala e das molduras douradas do salón de baile, de maneira que, cando me vexo outra vez na rúa, case agradezo a humilde austeridade do meu cuarto de hotel (canto máis a cómoda funcionalidade do tobo en que vivo).

mércores, 27 de agosto de 2014

Aulas

Que a volta ás aulas está perto non o indica só o calendario: desde hai varias noites indefectiblemente soño con voltar ás clases, e cando digo que soño con voltar ás clases enténdase que soño no significado máis amplo e freudiano do verbo soñar.

domingo, 3 de agosto de 2014

Hospital

A Sagrada Familia que visitei pola mañá e o Hospital de la Santa Creu i Sant Pau que visitarei pola tarde distan uns cinco centos metros nos que a avenida Gaudí se estira preguizosamente baixo os grandes tilos a esta hora dun Sábado de primeiros de Agosto; o turismo diminúe ao paso que avanzo, así como as tendas de souvenirs ceden lugar a bancos e oficinas, e así como van baixando os prezos nos taboleiros das cada vez máis escasamente ocupadas terrazas, até a avenida se transformar pouco a pouco nunha tranquila rúa con poucos coches pola que os viciños sacan tranquilamente os cans a pasearen.
Para recompoñerme e coller forzas, sento na terraza do camareiro cos ollos de Ricardo Darín: pido unha xerra de cervexa, unha estupenda ensalada, unha peituga de polo á pementa, e un café con xeo por toda sobremesa; leo as mensaxes do grupo de wassap que se amorearon durante a mañá (é certo que escriben como notarios), escoito unha conversa sobre precariedade laboral desde a mesa do lado, pago os 13'55 euros da conta e dispóñome a entrar no complexo do hospital, un pouco máis arriba.
Vaia por diante que o lugar é fermosísimo: escoito sen demasiada atención as instrucións da moza que vende as entradas, confiando máis no folleto con plano que me entrega, ansiando entrar, pero pronto se pega a min a melancolía (talvez xa nos primeiros pasos que resoan no vacío do túnel de acceso) que me vai acompañar no paseo polos pavillóns e o xardín. Pode que sexa a tarde morriñenta en que se agoira a trevoada que desabará despois, pode que o silencio que apenas rompen os pasos ao morderen na grava do terreo, pode que me habituase xa ás multitudes e os relativamente poucos visitantes que cruzo aumenten esta sensación de soedade. O certo é que a exuberancia daquelas formas neogóticas, os tellados multicolores, os azulexos decorativos que recobren torretas e cúpulas, as gárgolas, as lanternas, agullas e figuras aladas que rematan os edificios, as flores de pedra e os mosaicos que decoran as fachadas non deixan de destilaren unha tristeza que, aínda que non me dá vencido, percibo a cada paso.
Sen doentes agora, e aínda en proceso de restauro, o lugar segue impregnado da súa esencia de sufrimento, e hai que esforzarse para que os ollos da imaxinación non vexan as filas de camas que ocuparon o pavillón San Rafael, ou as cadeiras de rodas alineadas ao sol ao pé das das laranxeiras e as matas de lavanda xunto ás que acabo de pasar, ou as batas brancas do persoal apresado indo e vindo da Administración, ou os familiares que esperan a hora da visita diante do Pavillón Montserrat.
A evidencia dun século de dor aínda está gravada en cada rostro pétreo que nos mira pasar mentres agora os turistas facemos fotos do recinto, camiñamos descalzos sobre a capa de sal que cubre o chan dunha exposición de xardinaría xaponesa, e seguimos adiante, acompañados pola melancolía.

sábado, 2 de agosto de 2014

Sagrada Familia

É Sábado e acordo ás 8 dándolle voltas ao da Sagrada Familia. Non me atrevo a voltar á casa sen visitala, por moi dramáticos que sexan os pretextos, así que primeiro penso en aviarme rápido e ser o primeiro da bicha, pero na ducha decido regresar ao século XXI e comprar o billete por internet desde o portátil baby, que para algo o trouxen.
Que se trate dun templo votivo e que desde agora tamén sexa un pouco meu só atenúa en parte a sorpresa dos prezos, certamente espeluznantes aínda se non os convertermos a pesetas, que me fan aventurar no sucesivo moito bufé de ensalada e moito bocata nas ceas. 
Como aínda é cedo para entrar, detéñome a botar un ollo á Monumental seguindo recomendacións da moza do hostal, que me fala dun lugar precioso ao que ía de nena con seu pai; a min, por contra, paréceme un lugar sombrizo e triste, independentemente do seu antigo uso; nel existe un museo taurino sen visitantes contra o que me preveñen unha ducia de mensaxes de amigos como se me achegase á porta do Averno. É o que ten narrar en directo unha viaxe: non tiña pensado entrar, por moito que o home da billeteira se incorporase no seu cubículo sacudindo talvez o pó ao taco das entradas; por facer algo, envío un par de fotos daquela mole mudéjar de tixolo e azulexo que non me di nada.
A medio camiño tomo un té na terraza non dun bar chinés senón dun castizo bar decorado con macarenas e cartaces de corridas de touros pero rexentado por chineses, que está ao lado dunha xenuína pizzaría italiana tamén rexentada por chineses, cousa que parece ser habitual en case todas as esquinas con pouco movemento do Eixample.
Entrar na Sagrada Familia foi chegar e bicar o santo, sen máis bicha que unha pequena espera pola audioguía que me colgan ao pescozo. Accedo pola fachada do Nacemento, a única que realizou Gaudí e tamén a máis fermosa. A outra, a da Paixón, é durísima na talla, como corresponde ao que representa, segundo me bisba ao ouvido aquela aséptica voz.
Só con entrar sinto unha gran emoción; tamén me atopo insignificante: o templo é de tales dimensións que os miles de persoas que o percorremos apenas nos interferimos. Só hai aglomeracións nas portas de acceso e na xirola, onde se restrinxe suavemente o paso a unha zona de oración na que non me resisto a entrar. Se eu tivese fe a festa sería completa, escribo despois por wassap na crónica da visita, e aínda que o pido tamén interiormente en segredo, o meu corazón debe estar tan endurecido que saio para a preciosa escoliña que ao lado acollía aos fillos dos traballadores igual que entrei: conmovido pola grandeza daquel bosque pétreo e inaudito, en que a luz (como a música) só fala de Deus a quen sabe escoitar.

venres, 1 de agosto de 2014

G de Güell

Hai dous puntos fracos nisto de viaxar só: as comidas e o momento de deitarse. Con algunha novela apetecible e, como reforzo, navegando através do portátil pequeno en que levo sempre un par de películas soluciono isto último. Pero nos xantares e nas ceas boto en falta a compañía, o que se disfraza de preguiza a entrar en locais que nunca son os ideais, ou de resistencia a comer cousas que non van coa dieta, pero que comería sen problemas noutra situación.
Antes de que isto suceda, entro nun self-service en que anuncian con moito colorín que por pouco diñeiro un pode comer canto queira de todas aquelas verduras requetefrescas e aquelas ensaladas en que o aceite brilla coma o ouro sobre tomates, leitugas e rodelas de cebola como recén traídos da horta. Por un euro máis, podo tamén engadir ao menú peixe ou churrasco, e escollo este último sen prever que é un pouco saudable pedazo cheo de graxa e cartilaxes que quedará en nada despois de sometelo á indispensable cirurxía.
Buscando certa casa modernista da primeira época de Gaudí na rúa das Carolinas que me recomenda Antoine por wassap chego á Praza Lesseps, onde tomo un té con limón diante doutra casa fermosísima, e tomo a decisión de me atrever co Parc Güell, que, a dicir dun mozo a quen pregunto, está relativamente próximo.
E así era desde o punto de vista do espazo, non do tempo. Os billetes véndense para tramos de media hora, e así a distancia que me separaba dos labirintos, grutas, miradoiros, salas hipóstilas, torres, chemineas e demais delirios era superior a dúas case interminables horas que investín, cigarro a cigarro e foto a foto, contemplando o devir das hordas multicolores de visitantes a entraren e saíren do recinto baixo un ceo en que se xestaba a trevoada que só ao día seguinte desabaría, e como, sobre a cidade.
Como era previsible, hai tanta xente a bulir polo parque que resulta imposible tirar ningunha foto sen alguén ou algunha parte de alguén engadido; tampouco é posible supoñer que eu ao algunha parte de min non estea en miles de fotos que serán reveladas para gardárense en álbums ou serán colgadas na rede por todo o mundo. De pouco consolo me serve este aceno de inmortalidade mentres agardo quenda para retratar o famoso lagarto de trencadís da escalinata, ou que acabe o interminable bico da parella que me rompe unha boa perspectiva entre as columnas da sala hipóstila, ou que algún grupo se erga para sentar eu na inmensa bancada da praza central e perder a vista, cidade adiante, até o Mediterráneo.

As casas modernistas

A primeira noite presentouse xa o meu acostumado problema co aire acondicionado.
Despois da cea pulp fiction e de tomarlle unha cervexa naquel local da rúa Diputació, e de pillar o último metro o que se di por segundos; despois de ducharme e de acomodar os meus ósos sobre o duro colchón, sentindo o alivio e a frescura do cuarto na pel recocida polo bochorno da noite, despois de adormecer felizmente coa lectura da noveliña de Dashiell Hammett que viaxa comigo, acordei ás 6 da mañá co aire a toda mecha, a habitación convertida en iglú e a banquisa avanzando en todas as frentes cara á cama.
Cumpriume rebuscar no armario unha manta e adormecín de novo, abrazado ao libro, até a hora do almorzo, esa celebración diaria: fatías de gorentoso melón, café con leite, torradas con manteiga; e a lectura do meu xornal favorito, que habitualmente estará libre porque a maioría dos hóspedes son estranxeiros, inaugura unha pequena cerimonia para o resto dos días: a de cederllo ao terminar á señora madura a quen llo pido esta primeira mañá. E así comeza o día.
Se onte foi o das aglomeracións, hoxe será o das bichas, que non son unha broma, como comprobo en canto asomo a cabeza pola boca do metro diante da Sagrada Familia. Tanto é así que renuncio por hoxe á visita e así o comunico urbi et orbi, aínda que para a miña sorpresa hai quen entende que volverei mañá significa que volverei a Ithaca. É certo que fun confiado e pouco previsor ao non comprar a entrada por internet, como farei pola noite, pero despois dun par de cigarros teño xa argallado o novo plan: subo por Passeig de Gràcia e retrato canta casa modernista atopo (Batlló, Amatller, Fuster, Milà), o cal non é difícil posto que están sitiadas por concentracións máis ou menos densas de guiris, principalmente orientais. 
O exterior de La Pedrera está en obras e cuberto con lonas, pero a casa está aberta e pódese visitar, e pagando un plus de tres euros incluso se evita a cola: sinto vértigo ao camiñar polos tellados entre aquelas tolas estruturas de formas brandas pintadas de ocre ou recubertas ás veces de trencadís de azulexo e ás veces de cristais rotos de botella. Admiro na penumbra do faiado as bóvedas de tixolo, como espiñazos macizos e lixeiros á vez. Gústame menos a visita ao apartamento familiar, que me fai sentir un intruso fuchicando os segredos dunha casa allea: a cociña e o cuarto de costura son fermosos, pero no cuarto dos nenos a tristeza flúe dos antigos xoguetes expostos e desvirtuados, polo comedor coa mesa posta deambulan os estraños, que se reflicten nos espellos e até se asoman (ou nos asomamos) impudicamente aos dormitorios e aos cuartos de baño.

xoves, 31 de xullo de 2014

Barcelona

Sen máis novidade no voo que o desacougo das instrucións da aeromoza aos pasaxeiros de xunto á xanela de emerxencia para o caso en que esta se fixese real, e a falta das razoables (e caras) cousas de comer que ofrece o folleto, e que me cómpre substituir por unha cola light e unha bolsa de patacas fritas (tamén caras), chegamos a destino. A folga de trens de cercanías aféctame moito menos que a avaría na maleta, que me fai cargar con ela polas salas do aeroporto, e máis tarde por andéns, estacións de metro, prazas, beirarrúas e corredores de hotel até deixala, exausta ela e exausto eu, sobre a cama onde durmirei as próximas cinco noites.
O cuarto está ben; sen excesos, como indicaban as fotos e o prezo, pero son talvez austeros demais a estreita cama dunha praza e a dureza case basáltica do colchón. Non hai alfombra no chan nin máis toallas que as dúas imprescindibles (unha nota indica que por cada toalla extra se cobrarán catro euros), pero asombrosamente tampouco hai (nin haberá, respostan en recepción) xabón de mans no lavabo, aínda que si os consabidos tubiños de xel e champú na ducha.
En menos de media hora a equipaxe está desfeita e eu, duchado e libre, camiño Rambla abaixo: hai todo tipo de xente que vende todo tipo de cousas, camareiros que ofrecen sitio nas súas terrazas, músicos, policías, curiosos parados diante do teatro, estatuas humanas (unha dama antiga, un vaqueiro, unha bolboreta, un alien); hai un grupo de mariñeiros, rusos ou polacos, recén desembarcados cos que a xente, principalmente grupos de raparigas, se quere facer fotos, a estatua de Colón ao fondo, e ao que eles, pacientemente, acceden.
Rambla arriba a situación non cambia: a multitude que camiña polas Ramblas non será menor nin agora nin despois, dá igual a que hora pase, dá igual se é de día ou de noite, cando ademais as putas se ofrecen ao viandante solitario. Na Boquería (que May nos seus wasaps me louvara tanto) a aglomeración non é menor: admiro brevemente e en fuga as montañas coloridas de froitas, tan ben colocadas, pero un mercado é un mercado, por moito que aquí instalasen baretos para alivio de guiris, e neste coma en todos cheira a peixe e a carne e sangue de animal morto.
Tampouco é diferente en Praza Cataluña, onde as pombas se arremuiñan entre os paseantes. Diante da Catedral grupos de xubilados bailan sardanas: como non coñezo os costumes dos nativos tampouco sei se isto substitúe o tai-chi doutros lugares. Hai máis acougo nas rúas estreitas do Barrio Gótico (Bisbe, Comptes, Paradis, Pietat, plaça del Rei) onde roubo coa cámara estrañas torres octogonais, gárgolas, lápidas de esquecidas tumbas adosadas ás paredes, algunha fachada modernista e bonitos chapiteis calados. Un cantor ambulante destroza a conciencia a Ave María de Shubert, e a súa voz de tenor resoa nas ruelas como se lle estivesen extraendo o bazo cunhas pinzas de depilar.
A cea é un prato combinado (ensalada e luras fritas) nun bar completamente vacío chamado Tarantino e enteiramente a el consagrado nos carteis que cobren as paredes, os manteis individuais de papel, a camisola da moza que despacha, e até o contrasinal do wifi, nada menos que killbill. A comida simplemente nin fu nin fa, e aínda que entreteño os meus temores mandando wasaps aos catro puntos cardinais, finalmente nin Chicote irrompe no local nin saio del intoxicado.

domingo, 27 de xullo de 2014

Madrid (again)

Pois así é: despois de non pisar máis solo de Madrid que o do seu aeroporto durante dez anos, volvo a ela unha vez máis, e será a terceira nos últimos dez meses. A eses retornos non é alleo o meu bon Amadrid, que, unha vez máis me espera a estación de autobuses no medio do trafego de viaxeiros para conducirme polo labirinto de andéns, escaleiras mecánicas, liñas e estacións de metro até un hostaliño perto de Sol.
Non é o das outras veces: este é máis barato, non inclúe o almorzo, pero resulta ser un cuarto amplo, con mobiliario e baño totalmente novos, e unha impecable cama dobre. Desde a xanela vese o lateral da Comunidade e o remate do reloxio; se un se asoma, a estatua ecuestre de Carlos III sobre o rebulir da praza e máis alá o campanario da igrexa do Carme.
O hostal é peculiar e non só polo prezo: a recepción está no que podemos chamar a casa matriz, a dous portais na mesma rúa, onde formalizo a inscrición o primeiro día e aonde non volverei xa até o último, cando entregue a tarxeta-chave; o resto dos días intercambio chamadas a porteiros automáticos que me responden coa voz enlatada da señora do Metro lembrándome que peche a porta despois de entrar, e déixome observar por varias cámaras mentres bulo coma un minotauro ou unha toupa por corredores que se bifurcan e escaleiras gastadísimas e diminutos ascensores.
A primeira visita, ao día seguinte, vai ser ao Arqueolóxico, agora remodelado e bastante equipado con esas cousas máis ou menos interactivas. Da miña primeira e última visita, hai case cun cuarto de século, non lembro máis do que mostran as enciclopedias, e que é só unha pequena fracción do que agora retrato teimosa e extasiadamente para envialo aos catro puntos cardinais da internet, de damas ibéricas a puntas de frecha neolíticas.
Ás 12'30 deixo á parte a éxtase e baixo a correr á cafetaría para atoparme con Amadrid, que me vai levar a ver como fan o programa de radio en que colabora os mércores, e despois a recobrarme cun razoable xantar por aquel castizo barrio porque, señor, coa falta de comedor no hostal e coa présa por chegar ao museo, aquela mañá esquecérame almorzar e a tales horas eu estaba moito máis morto que vivo.

mércores, 23 de xullo de 2014

Sigo

SIGO ás voltas coas fotos: eliminando as malas; subindo ao Tumblr case todas as que me parecen boas, máis coa intención de salvalas de eventuais e xa coñecidas catástrofes do que de exhibilas; colgando algunha no muro do feisbu; remitindo tamén a del a Amadrid: a do ascensor da Fundación Mapfre e que non era, esta non, de Cartier-Bresson, xa quixéramos.

SIGO coa teima das viaxes, que refreo porque non son rico e porque ademais a señorita Kaplan virá pasar uns días comigo, a repoñerse da súa escapada pirenaica. As mensaxes de May celebrando o nomadismo que me reina tampouco axudan: son como botar leña ao lume, e á primeira de cambio xa estou dándolle voltas a rutas posibles e lugares aos que regresar ou aos que ir por primeira vez. Estou como adoecido.

SIGO lamentando de cando en vez ter deixado de actualizar este blog: non é que non tivese nada que contar, senón máis ben que non quería contar algunhas cousas que ocorreron (xente que desapareceu da circulación e algún traumatismo anímico de menor calado). Polo demais, é a consabida imaxe, que varias veces teño traído aquí, daquel que un bon día sae a comprar tabaco e non regresa até despois de trinta anos por non saber como explicarse.
Como explicalo.

domingo, 20 de xullo de 2014

9 meses de libros

1. O apocalipse dos trabalhadores, de Valter Hugo Mãe. 2. Las viudas de los jueves, de Claudia Piñeiro. 3. El pasadizo del deseo, de Dominique Sylvain. 4. Todos os días de Alberto Ramos. 5. La verdad sobre el caso Harry Quebert, de Joël Dicker. 6. La octava víctima, de P.D. James. 7. Mi hermana y yo, de J.R. Ackerley. 8. El abrigo de Proust, de Lorenza Foschini. 9. Mi vida querida, de Alice Munro. 10.  Las vírgenes suicidas, de Jeffrey Eugenides. 11. Liquidación final, de Petros Márkaris. 12. Servicio completo, de Scotty Bowers. 13. Pasaje de las sombras, de Arnaldur Indridason. 14. El secreto de Christine, de Benjamin Black. 15. Sobre su tumba, de Ian Rankin. 16. Las lunas de Júpiter, de Alice Munro. 17. O gardián invisible, de Dolores Redondo. 18. Pan, educación, libertad, de Petros Márkaris. 19. Matar un ruiseñor, de Harper Lee. 20. Legado nos ósos, de Dolores Redondo. 21. La edad de la duda, de Andrea Camilleri. 22. Suicidio perfecto, de Petros Márkaris. 23. La cola de la serpiente, de Leonardo Padura. 24. Escenas de la vida rural, de Amos Oz. 25. La primera guerra mundial, de Gilbert Martin.

venres, 30 de maio de 2014

Confirmación

En realidade, todo o que fixo o médico foi poñerlle nome a algo que todos, máis que sospeitalo, sabíamos, e que o ritual escenificado na consulta confirmou de xeito implacable: meu pai soubo dicirlle ao médico en que cidade estamos e que esta está en Galiza e que Galiza está en España; tamén acertou (algo meritorio, dada a meteoroloxía que sufrimos) que estamos en Primavera, pero non que era mércores, que o mes era Maio, e que aquela flamante sala non estaba na vella Residencia senón no novo hospital ao que leva acudindo máis de tres anos.
Patinou (coma min, hai que recoñecelo) ao calcular unha resta sucesiva e inversa que parecía dun concurso da tele, soubo escribir o seu nome nun folio que, a petición do doutor, dobrou primorosamente pola metade antes de entregarllo, pero estrelouse definitivamente contra a última proba, a do reloxio: na esfera algo desinchada que el mesmo debuxou con esforzo de párvulo puxo horas imposibles (as 11 na 1, as 10 nas 2, as 9 nas 4), de xeito que o médico tivo máis que suficiente para emitir o seu diagnóstico (ou sentenza),  darlle o pase para un tac simbólico e prescribirlle unha medicación que non remediará nada.
Desde hai unha semana convivimos oficialmente cun hóspede implacable chamado alzhéimer.

venres, 21 de marzo de 2014

Elenita


Un ano máis, todos fieis á cita.

luns, 13 de xaneiro de 2014

WhatsApp

Sorprendentemente, tras o meu nome crispantemente en italiano, anuncia que nas dúas semanas próximas vai andar por aquí de luns a xoves, que se me apetece vérnonos, que por el ok, que xa lle digo entón.
E entón dígolle que non vai ser posible, que teño parella (minto, como para galvanizar e forrar de aceiro o meu propósito), e engado asi ke se acabaron as aventuras. E finalizo a resposta enviándolle unha aperta totalmente simbólica e aquel omnipresente cóidate.
Minutos despois, chega o colofón: Ok. Envíame os dvd á facultade, por favor. Grazas e sé feliz!

mércores, 18 de setembro de 2013

Madrid e saudade

Recibo onte unha mensaxe de Amadrid; á hora en que lla leo el probablemente estea xa en destino mentres eu trago quina organizando fotocopias, procurando un atlas, mapamundi ou algo, e tentando mellorar o horario deste curso. 
Outras cousas non serán posibles sen maxia: os recortes que negan arriba varreron dous profesores do meu instituto e a min póñenme a estudar os planetas, os ríos e cordilleiras de Europa, o relevo de Asia, para non aumentar o desastre de ter que impartir unha asignatura que non é a miña.
E, mentres, segue a saudade polos días pasados en Madrid hai unha semana (dez anos e medio desde a vez anterior, os que median entre a exposición de Vermeer e a de Pisarro), que parecen agora distantes, case doutra vida.
Ás oito da mañá, que é cando onte e hoxe pechaba a porta do tobo para ir ao traballo, hai unha semana acordábanme os martelos neumáticos e toda a maquinaria infernal con que os operarios furaban e batían na obra de diante do meu cuarto; pouco despois, duchado, vestido e ben almorzado, abríanseme as mañás e, apesar do feirón de visitantes a encheren corredores e salas dos tres grandes museos, mellorábame o humor camiñar só entre meninas, retratos rexios, paisaxes impresionistas, cristos lacerados, belezas cubistas e naturezas mortas, da mesma maneira que tras o xantar con Amadrid se me abrirían as tardes e me melloraba o humor seguir o meu amigo por novos e vellos cafés, entre outras cousas felicitándonos por seren outros os que paguen o 2020 e esbardallando co ridículo relaxing cup of café con leche por prazas coloridas con todas as razas, por bares proletarios onde xantarmos o prato do día, polo nomenclátor urbano máis sonoro (calles del Pez, de la Madera, de la Luna) e polo Matadero, en cuxa Cineteca estivemos para ver unha película patrocinada por un sindicato da competencia. 
Unha das mañás, inesperadamente, o diluvio reemprazou os ceos velazqueños, e os obreiros meus viciños tiraron de impermeables verdes e amarelos, pero a min, que son dos que miran o tempo polo calendario, cumpriume correr Alcalá adiante en sandalias e sen paraugas á procura dun dos irmáns pequenos, moito máis solitario e silencioso, e o seu tesouro case descoñecido de goyas e zurbaráns. 
Agora, mentres escribo este post tamén serodio, á miña esquerda e estendidos sobre a mesa seguen o metrobús con dúas viaxes sen gastar, as entradas inútil e cobizosamente gardadas, un feixe de planos de museos, a programación da cineteca, a tarxeta da creperie bretona en que Amadrid e eu ceamos galettes a última noite, un tique da consigna da estación, e a cámara de fotos en cuxo ventre dormen varias ducias de imaxes que aínda non descarguei.

martes, 10 de setembro de 2013

Post serodio sobre o Porto

Á forza de ilo deixando, este post nace serodio pero nace, e cando se publique eu andarei perdendo os pasos entre cadros impresionistas e bocatas de calamares.
Xa contei que ao Porto fun por facer un curso; direi agora que dos dous tipos de cursos que un pode padecer ao longo da vida (os homologados pola consellería e útiles porque dan puntos e créditos, ese material do que están feitos traslados, sexenios e cátedras, cursos sempre tediosos, insulsos, inacabables; e os outros), o que fun facer ao Porto en Agosto era destes últimos, e a el marchei sen máis pena que o custo da matrícula e con toda a gloria de quen sabe que vai de vacacións. E en Portugal. E aínda máis no Porto, até daquela a cidade dos trasbordos, dos acordares atónitos ao atravesar o tren a ponte de María Pia, das expedicións fugaces a comprar libros, das sandes a pé de bus, a medio camiño indo ou vindo de Lisboa ou de Coimbra para Ithaca.

domingo, 8 de setembro de 2013

Cousas

...que facer ineludiblemente antes de largarme:

  1. Escoller coidadosamente un novo compañeiro de cama: O apocalipse dos trabalhadores, do Valter Hugo Mãe agoniza despois de me entregar moitas horas de excelencia. Como non viaxo nunca sen libros, imponse substitución inmediata.
  2. Cazar un viciño responsable, deses que van sempre a todas reunións e revisan a contabilidade, e conseguir que me colla a autorización para representarme este Mércores sen que crea que tento escaquearme de formar parte da xunta directiva.
  3. Mandar email para xustificar a falta aos ensaios, que por algunha estraña razón tamén comezan este Mércores e á mesma hora en que se reúnen os meus viciños.
  4. Reunir os pedazos e terminar o interminable post con crónica e fotos do Porto que desde hai semanas esmorece por carpetas e pendrives coma un monumento á procrastinación.
  5. Pasar pola de Polis a despedirme e medirlle o humor, agora que ten o brazo libre de xeso, dous flamantes dentes novos, e soltar a pasta para outro batmóbil lle doe máis que as costelas.
  6. Recoller (mañá) os resultados da analítica, que me teñen máis nervioso que os resultados da selectividade cando a fixen. Dáme máis medo a cara da médica se non son bos que os mil castigos sen postre consecuentes.
  7. Regar as plantas, e organizar e limpar algo este tobo: Dióxenes non vive aquí.

sábado, 7 de setembro de 2013

Preparativos

Acabo de descubrir (ben, en realidade funo asimilando non sen dificuldade ao longo desta pasada semana, entre exames e avaliacións, anodinas caras de alumnos que repiten, bicos vigorosos de profesoras maduras, crónicas de vacacións alleas á beira dun café mentres as moscas nos sobrevoan na mesa de todos os anos) que para o comezo do curso, ai, xa só restan nove días escasos.
Pero ao decaemento co que onte me fun para a cama sucedeu, non sei por que prodixiosa transformación onírica, un acordar entusiasta, de xeito que a medio almorzo xa tiña comprendido que o período entre claustros da procelosa semana próxima en realidade é unha preciosa parcela en que edificar a tan demorada viaxe a Madrid onde agardan por min dúas exposicións maravillosas e aquel home serio e grandote que en Xullo coñecín en Mérida e con quen pasei en Agosto interminables e felices horas de conversa despois das aulas no Porto.
Antes da última torrada os billetes estaban comprados, reservado e pago o cuarto antes de que o café con leite arrefriase, e para cando entrei na ducha a mensaxe coa confirmación e as expectativas fora xa enviada ao meu amigo madrileño, que a respondeu un par de horas despois cun manual de supervivencia urbana; confeso que aínda sigo un pouco descolocado coas súas recomendacións sobre os carteiristas do metro e os chaperos en Sol.

mércores, 21 de agosto de 2013

Recapitulación

Seis meses tampouco son para tanto. 
Para me xustificar podería como outras veces alegar secuestro, doenza invalidante, fallos no sistema, perda do contrasinal, comportamento hostil por parte do gran irmán, amnesia, que sei eu, ou simplemente dicir que un dia calquera deixei de entrar aquí como aquel que foi comprar tabaco e non voltou até vinte anos despois porque cada vez lle era máis difícil explicar unha ausencia duns poucos días.
Necesitei distanciarme un pouco dos blogues para entender que despois de tantos anos todo isto non era unha carga senón un costume, como comer ou ducharse, e para que cada vez que se me ocorría fuxir cara adiante abrindo novos blogues neste ou noutro lugar, ou creando estériles contas aquí e acolá, a evidencia do absurdo me mordese nos dedos e me remordese a conciencia.
Seis meses é o que necesitou a señorita Kaplan para pasar de xurar que nunca tería un móbil a consideralo o obxecto máis precioso deste mundo; a min cumpríronme menos para comprender que se mal se me daban as matemáticas de neno, agora tampouco se me dan ben as profesoras de matemáticas. Haddock e a muller non o tiveron tan claro, e a unha época maravillosa sucedeu o caos e houbo separación e reconciliación e agora paz e despois vaia Deus saber que máis. Polis está en dique seco, cun brazo ao colo, varias costelas rotas, algún dente menos e a firme convicción de que, aínda con dúas copas máis, cun coche mellor e máis caro non lle tería pasado nada. Varrín da miña vida algúns elementos tóxicos, e a toxicidade afable do tabaco voltou a ela con moita máis frecuencia que nas longas sobremesas con Tere Holmes. Saqueei foto a foto dúas cidades, e entre novelas e pelis, zarzuelas e gregorianos, fun definitivamente a máis enterros que bodas, sen que por iso ver rapar as barbas dos meus viciños me faga pór as miñas a mollo, por moito que me avellenten, din algúns, ao estaren xa case totalmente brancas.
Polo demais, abdicaron reis e coroáronse príncipes, un papa sucedeu a outro papa, e aquí, escándalo a escámdalo, parece que nos vamos acostumando á pestilencia da cloaca mentres uns e outros se rin da nosa intelixencia, tenden cortinas de fume, roen nos nosos dereitos, acaban co patrimonio de todos e até se ofenden cando lles pedimos a demisión.  

martes, 20 de agosto de 2013

Belicosidades

Non se vos pode deixar sós: Voume uns días ao Porto e ao voltar atópovos case en guerra coa Gran Bretaña por un pedrolo sen importancia.

domingo, 17 de febreiro de 2013

Sobrado

O día da nosa primeira escapada xuntos non puido ser mellor escollido: cálido e luminoso despois de tantos e tantos adversos, coa memoria inverosímil da nave de hai menos dunha semana aínda na conversación, e a certeza de que axiña voltarán as choivas porque ao inverno aínda lle resta moito para se ir despedindo.
Como para conxuralas, pola mañá fun lavar o coche, que voltou lustroso sen aquela costra de barro, pero por pouco tempo: C. estaba segura de que debíamos pillar a autovía e logo a estrada até Teixeiro; a min por contra a teoría dicíame que o mellor camiño a Sobrado tiña que ser atravesando as terras de Friol, entre carballeiras e bucólicas paraxes con casiñas e vacas a pacer ao lonxe; a realidade teimou en levarnos por unha estrada secundaria estreita e por fortuna sen tránsito; logo a sinalización desapareceu, pasamos unha ou dúas rotondas, perdémonos, un vello coma un sátiro sentado ao sol xunto a un peto de ánimas (Carallo, non, que van do rovés!) orientounos, despois outro que levaba un neno da man díxonos que fósemos con coidado, que as obras de ampliación empezaban desde a casa dun tal Valeriano, e  para cando porfín empezamos a ver desmontes e enormes máquinas paradas aos lados da vía aínda restaba case media hora de camiño na que non me quedou máis remedio que darlle a razón a C., asegurándolle que voltaríamos pola autovía, nin bucolismo nin hostias. 
No mosteiro, e polo módico prezo de un euro por cabeza, agardábannos dous claustros silenciosos que
se espreguizaban ao sol da tarde baixo as torres inzadas de vexetación e liques, a sala capitular reconstruída após a refundación, a vella cociña sen lume desde hai séculos.
O último que visitamos foi a igrexa, inmensa, xélida, sen retábulos e con moitos dos seus muros verdes pola humidade e algunha poza no chan das choivas destes días que esquivamos para entrarmos nas capelas baleiras e resoantes, nas que instintivamente baixábamos a voz ao falarmos, mentres unha nube de bafo nos saía da boca, como nos cómics. Apertámonos e bicámonos na semipenumbra da sancristía tamén vacía, baixo a preciosa cúpula e no centro daquel círculo pétreo adornado con cunchas e caras anxélicas; catro homes severísimos e santos (segundo a guía que o frade nos dera na entrada S. Gregorio, S. Ambrosio, S. Xerome e S. Agostiño) miraban para nós censurándonos, probablemente atónitos, pero nin a calor do noso beixo foi quen de reanimalos.

venres, 11 de xaneiro de 2013

O cine do ano pasado

Velaquí os teñen, desde profesores de música a hobbits, desde fantasmas a samurais, horas e horas compartindo aventuras e desventuras, lágrimas e sobresaltos co mellor de cada casa: presidentes americanos, alieníxenas, actores de cine mudo, pescadores, detectives, debuxos animados, buscavidas, cantantes de cabaret, magos, pálidas damas decimonónicas, avogados, pioneiros do salvaxe Oeste, maduras de bon ver, ananos, deficientes mentais, policías, escritores atormentados, xordomudas, soldados, psicópatas, mulleres fatais, orfos, ladróns, magos, asasinos a soldo, estrañas criaturas do submundo, nazis, adolescentes, gangsters, psiquiatras, reis destronados, amantes hiperglucémicos, espías, exploradores, pais e fillos, esposas e maridos, amores imposibles.

Escollan, que hai ben onde.

martes, 8 de xaneiro de 2013

Os Reis

A señorita Kaplan marca o calendario: como o pasado era ano par foi un vello pirado (se era o Apalpador ou Santa Claus aínda está por ver) o que nos trouxo os presentes o día de Nadal; e como este é impar e a nena está con súa mai, na mañá de Reis non hai baixo a árbore nin celofán nin papeis de cores, nin máis sorpresa que algunha penuxe facendo compaña á planta carnívora con que me agasallou a miña sobriña, non sei se con algunha intención oculta.Fixen tempo dando voltas pola casa; preparei o almorzo, seguro de que o teléfono había de soar a medio da torrada ou pillándome coas mans na mandarina; decidinme a chamar eu e, cando finalmente o teléfono deixou de comunicar, resultou que a nena saíra á procura dos agasallos na casa da súa avoa.
Dubidando se meterme na ducha (basta facelo para que chame, pensei), acabei voltando para a cama a ler aquela pequena maravilla, e nin por esas: o teléfono permaneceu mudo e impasible. De xeito que a mañá de Reis decorreu sen máis Reis que os do viciño a colgar da súa ventá, xeados baixo a néboa; horas despois na de miña irmá, no tradicional xantar que despide as festas, asomou O Outro unha vez máis pola tele, que xa perdemos a conta: miña mai di que o atopa desmellorado e fofo, o que acorda clamores antimonárquicos e pouco elegantes solicitudes de abdicación mentres roemos no leitonciño asado e bebemos do godello.
Á tarde, cando xa empezaba a pensar que vería a súa foto nos sucesos, a señorita Kaplan chamou porfín para enumerar como de pasada os libros recibidos e rapidamente describir con minuciosidade de inventario os xerseis, as blusas, a saia vintage (xuro que tal dixo) e a preciosa maleta que desde a semana próxima nos vai acompañar in itinere.
Dous días despois creo que hai unha relación directa entre a idade da nena e o tempo que tardou en coller o teléfono para contarme os seus Reis; a esta teoría, confésoo, non é alleo o repunante de Polis, que está convencido de que dentro de dous anos, o próximo que for impar, a señorita Kaplan non vai chamar até o día seguinte.