mércores, 9 de novembro de 2005

Accidente

Mentres Europa se acatarra e Fráncia esbirra, mentres aqui a chúvia cesa e as temperaturas comezan a caír en sério, mentres a xente parece estar máis interesada polo nacemento dunha elefanta que pola morte de seis obreiros, mentres o amarelo da folla das árvores caída se instala no meu corazón, aquilo que con grande receo de Zara xa chamamos o noso, sofre na tarde de onte o maior contratempo.
Un pequeno accidente deportivo no pátio da escola leva a Zidane a urxéncias, mentres na miña cama Zara e eu, espidos, buscamos non sei que estrelas, froitos ou flores na almofada.
O móbil, apagado no fondo do bolso a petición miña, leva-nos ao caos un par de horas máis tarde: despois de se vestir para marchar, e en canto Zara o conecta, dá en cuspir a restra de chamadas perdidas, unha tras outra, que semean primeiro a alarma e despois o remorso.
Ridiculamente nu diante dela, vexo como Zara palidece improvisando explicacións e coartadas ao marido, como recolle o resto das suas cousas, como vai corredor adiante a falar polo móbil, como por último desaparece sen sequer mirar para atrás, sen mirar para min, que a sigo ainda sen vestir, perplexo e estúpido, até a porta do piso que deixou aberta.
E que fecho eu, como unha premonición.

7 comentarios:

Plattdorf dixo...

Glups.

Moi bo o final.

Laurindinha dixo...

Que bonito...
É marabillosa a túa delicadeza falando de temas tan cotiáns (estrelas, camiña sen mirar atrás). Precioso.
Estaba a escoitar Perfect Day de Velvet Underground mentres lía o teu post e decateime de que sería unha boa banda sonora para este microfilm, esta tarde que aquí nos narras.

bueno dixo...

me gusta mucho como escreveres. Solamente expero que seja todo um produto de la ficcion artistica!

folerpa dixo...

e o Zidane? estou preocupado, foi grave ou recuperárase para o partido.
Como BD eu escollería so espellos de NICO.

Arín dixo...

E vostede, como está? Parece que inda ben non sae dunha xa se mete noutra. Faga o favor de non naufragar, pero claro, é ben facil dicilo.
(Non hai outro remedio que esas letras para os comentarios?)

nona dixo...

Agora si que me dá mal rollo o de Zara. Xa falaremos este fin de semán, pero nótoche que estás chungo.

nona dixo...

Chego mañá a mediodía (digocho aquí por se volves ter o móbil tonto)Comemos por aí. Chámote cando estexa chegando, pero bótalle que sobre a unha e algo.