venres, 18 de novembro de 2005

Adiante

Á terceira obteño resposta, e combinamos que nos atoparemos esa mesma fria tarde do Mércores no Parque, no banco e hora de costume, mentres Zidane aprende inglés, pero agora non é Verao: o Parque sen nenos recebe-nos xélido e hostil, e non doutro modo decorre a nosa conversa: de maos no profundo dos petos, de ollares para a frente mentres camiñamos un ao pé do outro, de siléncios que a grava que pisamos rói case dolorosamente.
Non é boa tarde esta en que unha muller xunto a min pregunta que caste de home son, ainda que non estou mui seguro de se se dirixe a min, de se son o home malvado de quen fala.
Para daquela teño o corazón endurecido, e os ouvidos fechados, e a boca seca, e tan só vexo un globiño de vafo saír da boca de dela, un globiño como o dos cómics, que baila no ar frio un intre antes de se disolver nel.
Seguin sentado naquel banco muito despois de que Zara se fose, cando o renxer dos pasos pola grava cesara e todo acougou de novo, e no ceo apareceu o luceiro.
Quixen pensar que aquilo me destruía, que volvia estar, outra vez, co corazón roto. Pero non o conseguin.
Sentin, por contra, que ía frio; que comezava a xear e viña a noite; que un dia destes a miña filla estará de santo e ainda non lle comprei o conto prometido; que a miña sobriña me pediu axuda para un exame; que a miña mai mañá fará filloas; que o mundo, en resumidas contas, segue adiante.
Cando me ergo para volver á casa, cando meto as maos nos petos do abrigo, descubro nun deles un dos caramelos que máis me gostan.
Vou-no abrindo mentres baixo os meus pés a xeada fai renxer a grava da verea.
Sigo, camiño adiante.

4 comentarios:

Aultre Narai dixo...

sempre hai que ir adiante, coma os carneiros, que nunca miran atrás.

ánimo

Laurindinha dixo...

Que post tan bonito, redondo, ben feito, esencial... E a imaxe é marabillosa...
Paréceme moi inmadura a actitude de Zara recriminándoche cousas. Ela era a persoa que estaba comprometida, non ti...
Preciosa a comparación do parque e o banco no verán, cheo de desexo e vitalidade, e o outono, o baldeiro e a fin do amor... Encantoume a metáfora...
Ás veces eu tamén me sinto coma ti. Síntome rara cando debería estar triste ou angustiada e simplemente estou pensando en cousas sinxelas da vida...E ata parece que nos sentimos mal por iso!!

bueno dixo...

lindo post. lindo comentário da lauridinha. fexô!

Moraima dixo...

Fermoso banco para partillar, gustaríame sacarche unha foto nese banco.