mércores, 30 de novembro de 2005

Frio

Non sei o motivo, pero duas horas antes do necesário acordo e, farto de dar voltas na cama e fóra dela, comparezo aqui para dar conta de como o meu espírito non está sereno, como infinitas neuras, como pequenos cristais, se enquistaron nel: a vida en Ithaca e algun fantasma doutras vidas noutros lugares, noutros tempos.
O resultado: a cabeza a funcionar como unha caldeira a plena presión, os ollos abertos no meio da noite, o relóxio a marcar pouco máis das 5, e un desacougo por todo o corpo que me fai tirar co livro aborrecido e saltar da cama. Fóra, tras os cristais, a rua está silenciosa e adormecida, ao revés ca min, que remexo na cociña e até valoro a posibilidade de poñer unha lavadora ou limpar o pó que amortalla os móveis.
Como antano.
Finalmente, fago un café e veño para o estúdio coa cunca, e acendo o portátil; mentres arranca, penso nalgunhas das cousas do dia, exames e clase de inglés incluída: cita co médico ao serao, a analítica; o sarillo da impresora desconectada: maldigo de Vapin e xuro que o traerei aqui, vivo ou morto, un dos festivos da semana que vén; mentres sinto como me arrefecen os pés e penso que o café está amargo e con pouco leite, lembro-o porfin, como se sucedese hai décadas, e asumo canto me afectou atopar a Zara na Avenida onte pola tarde.
O peor, provavelmente, a mao fria dela a tocar aquel instante a miña, os informes do remorso sobre o pé escordado de Zidane, a fria conversa á volta do frio destes dias.
Todo demasiado frio.

8 comentarios:

Peke dixo...

Xa quecerá. Apertas. :)

Nona dixo...

Tes pachucho o espíritu, meu rei.

Arín dixo...

Pois non se me amilane, faga o favor, eink!

Daniel Rambaut dixo...

Pois agora o Vaticano dí que non existe pero a túa definición lémbramo moito. ¿Será que tés o teu limbo particular, e nese non se pararon a reflexionar?.

bueno dixo...

já me acostumei com noites em claro. eu tambüem aproveito o momento para ser criativo, ao invés de fazer disso uma cruz. grande abraco!

Marinha de Allegue dixo...

Tempo de cavilar...
:)

Laurindinha dixo...

Pensa que quen perde máis é Zara, non ti...Polo seu comportamento, está claro que ela non te merece...

Peke dixo...

Por certo, Kaplan, irá á quedada do blogmillo que se está argallando na de Pawley?