domingo, 23 de xullo de 2006

Rerum vaginarum

Como todos os Veraos, son vítima do descontrol que provoca non atopar hora de me ir para a cama.
Sábado sucedeu igual: a noite antes, ao voltar da rua, descubro que non teño sono, asi que vou para a tele ver unha peli tediosa e en pésima conservación; canso dela, e como sigo sen sono, vou para muito mellores eidos. Rio e desfruto, pero deito-me ás 3; ergo-me ás 9 e paso o dia inteiro dando voltas baixo a calor da casa en penumbra; despois de xantar teño que facer a sesta: duas horas, muito máis do que recomendan os médicos, pero é que soa o móbil e do outro lado está Ti para saber a que hora quedáramos.
A nengunha, digo; teño preguiza de duchar-me, de vestir-me, de atravesar o forno para reunir-me na Cova con ela e outras tres (hoxe Vapin está co pai, Polis vai na praia), de violar outra vez a dieta, de... pero Ti traballa-me con elocuéncia e aceito con desgana.
Aló vou, lentamente pola rua encosta, sen sospeitar que asistirei a unha interesante mesa redonda sobre o mundo da vaxina.
Con efeito: nada máis chegar, Lura (esa barbie a tamaño natural) proclama que está coa regra e enumera todos os síntomas: leva todo o dia deprimida e chorando pola casa, doen-lle os riles, está irritável, ten os peitos inchados, rebenta-lle a cabeza... Estridente rebusca polo bolso (vai pondo sobre a mesa mil cousas) e pasa-lle un blister con comprimidos: toma, xa non me fan falta, eu terminei onte con ela. Lura parece que se ofende porque ovulan á par desde que volveron de vacacións, e Estridente, antes de erguer-se para colocar-lle a Lura as tiras do top (por outra parte, todo un traballo de precisión), parece que se desculpa por ter-se adiantado.
Mentres busco algun tema de conversación menos xinecolóxico, Ti proclama que hai dous anos que pasou a menopáusia, e agora é completamente feliz desde que descubiu certa crema lubricante: a sequedade era o pior, notava como un cartón, era terrível... Daquela asoma a envexa nas palavras de Constance, non ter que preocupar-se polos retrasos, ela que vén de sobreviver ao susto de duas faltas.
Até aí vou pasando sen pena nen glória: náufrago entre óvulos, menstruacións e outros fluídos, collido ao meu cigarro como a un leño e tomando a miña caña, miro para outras mesas en que os temas parecen non ser tan militantes.
Daquela Lura repara en min, o estraño: Espero que te agóbies coa conversación. Respondo-lle que non se preocupe, que estiven casado e que nada me é alleo. Mira que teis sorte, cabrós, e nosoutras a pringar cada 28 dias...!

3 comentarios:

Arín dixo...

Pero meu, que facía do outro lado do ceu con esas lurp... señoras?

X dixo...

Non se abandone de si mesmo.

Laurindinha dixo...

Vaia conversa con temas xinecolóxicos encadeados... XD
A min tamén me ocorre o mesmo cos horarios do sono no verán...