Os pais son os ósos en que os fillos afían os dentes.
A frase, terrible, non se me vai da cabeza desde que falei con Ambece, case unha hora a describirme un SAP de libro: que os fillos non voltaron á casa en Agosto despois das vacacións co pai, que catro meses despois seguen negándose a voltar, que só se poñen ao teléfono para que lles mande roupa e xoguetes que deixaron alá, que están tan programados que até aseguran que ela lles pegaba cun pau e lles turraba dos pelos se non comían.
Non sei que dicir mentres me atravesa o tsunami de palabras: tuso ou digo algunha cousa para que Ambece saiba que sigo deste lado; teño medo de que chore cando conta que a avogada lle recomendou non loitar por recuperar a custodia porque sería como meter dous monstros na casa, ou que os veu ver na ponte, que fixo dous mil quilómetros para que non quixesen xantar con ela, e que se baixaron a vela ao portal foi por intercesión do pai.
Aínda así ela é tan dura que non chora; di que leva chorado tanto que xa non ten lágrimas, pero que non me preocupe, que se a outras mulleres lles morreron os fillos, e sobreviviron a guerras e desastres en que o perderon todo, como non vai ela superar isto.
Desde aquela, cada vez que penso na señorita Kaplan sinto que unha agulla me traspasa de lado a lado. Eu sei que non teño o valor de Ambece.
6 comentarios:
Moito se me da que vostede vai ter mais sorte. Dunha banda porque a súa ex comparte con vostede o amor pola nena.( Se non é parva, que non o será,terá ollos na cara e verá o que vemos ainda os alleos).De outra, polas cousas que leva contado da señorita Kaplan, moito me parece que haya quen a convenza de algo en contra de vostede... O señor Ustinov, trabucóuse no seu caso.
E eu, alédome moito.
Hai inxustizas que claman ao ceo.
Esta vida é amarga muitas veces.
Da mucho miedo.
Só se me ocorre tusir, como vostede.
A vida é tremenda...
Dói tanto!
Um abraço grande.
A forza de Ambece nace da adversidade, do contrasentido. Como di o refrán "que nunca me manden todo aquilo que son capaz de aturar". Quédanos tanto de nós mesmos por descubrir!!
Publicar un comentario