sábado, 2 de xullo de 2011

Semestre lector

Estamos a primeiros de Xullo e toca balance.
Empezaremos polo das lecturas do semestre, aproveitando que o post estaba a medio cocer no arquivo do blog, e que esta mesma mañá, ao acordar, rematei o último da listaxe, Némesis, unha novela negra de lectura ardua probablemente a partes iguais pola complexidade da obra, a pobre tradución e que a miña cabeza estivo en demasiados sitios á vez estes días de final de curso.
Polo demais, non haberá queixa en canto á variedade: da literatura xuvenil recomendada pola señorita Kaplan á poesía, dos Indignados ás novelas policíacas, entre as que, como contei aquí, abondaron especialmente as nórdicas (suecas, norueguesas, islandesas), e o gran descubrimento: Alicia G. Bartlett e as deliciosas aventuras de Petra Delicado, esa inspectora un pouco lercha que me ten namorado, bendita ela.

1. Poesía última de amor e enfermidade, de Lois Pereiro.
2. Mil cousas poden pasar, de Jacobo Fernández Serrano.
3. A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa.
4. Los clásicos también pecan (La vida íntima de los grandes músicos), de Fernando Argenta.
5. La vuelta al mundo de un forro polar rojo, de Wolfgang Korn.
6. Menú de enganos, de Manuel Núñez Singala.
7. Indignádevos!, de Stéphane Hessel.
8.  Reckless. Carne de pedra, de Cornelia Funke.
9. La senda oscura, de Asa Larsson.
10. Riña de gatos, de Eduardo Mendoza.
11. Serpientes en el Paraíso, de Alicia Giménez Bartlett.
12. Ritos de muerte, de Alicia G. Bartlett.
13. El hombre del balcón, de Maj Sjöwal e Per Wahlöö.
14. El hombre del lago, de Arnaldur Indridason.
15. El silencio de los claustros, de Alicia Giménez Bartlett.
16. Leonora, de Elena Poniatowska.
17. Las marismas, de Arnaldur Indridason.
18. Nido vacío, de Alicia Giménez Bartlett.
19. Némesis, de Jo Nesbo.

luns, 27 de xuño de 2011

Explicación

Como aquel alcalde de Villar del Río, tamén eu vos debo unha explicación pola miña ausencia de todos estes días, tanto neste blog como nos comentarios dos vosos, e esa explicación que vos debo vóuvola pagar: O meu sufrido portátil colapsou ou algo a semana pasada e entrou nun estado de inactividade moi semellante á morte do que non o dan sacado nin ameazas nin súpricas.
Como quen ten unha irmá ten un tesouro, desde esta mañá podo polo menos conectarme á Rede e resolver a papelame que trae aparellada o final do curso (memoria, follas de cálculo, exames de setembro, listaxes de suspensos e aprobados e outras farragosas inutilidades); o que miña irmá me deixou para saír do atranco é un portátil deses pequeniños, como de xoguete, no que hai que teclear con pericia de ourive e moita paciencia, e que terei que devolverlle o antes posible.
Nuns días saberei se o pobre ordenador ten cura ou se, como parece, seguirá no seu coma interminable e, sen ningunha ganiña pola miña parte, me cumprirá substituílo por un novo que probablemente non me durará outros seis anos e medio.  

xoves, 23 de xuño de 2011

Once anos

A señorita Kaplan está de aniversario:
Once son os que cumpre, como sempre  en pleno fragor do final de curso (chamou onte para contarme das súas notas, case inmellorables), nas vésperas do san Xoán (lembramos tamén cando hai dous anos fomos á verbena que nos plantaran ao pé da casa e comemos cadansúa sardiña e bailamos ao son da pachanga), e en pleno debate sobre as vacacións (organizar as axendas para que viaxe a Venecia comigo e a Londres con súa mai o mesmo mes non é tarefa doada),
Cómpre aproveitar o momento: a señorita Kaplan medra aparentemente máis rápido que nunca; segue a ser a nena de sempre, pero os cambios e as mudanzas comezaron e avisan sen dúbida posible de que a adolescencia se achega xa para instalarse.
Un ano máis, meu amor, feliz aniversario.

domingo, 19 de xuño de 2011

Punto de fuga

Despois destes fríos,  hoxe o día está tan soleado que me dá pena seguir encerrado na casa, debruzado sobre o mar de exames que estou a corrixir, mentres desde a xanela vexo romanos e romanas de medio pelo dirixíndose á urbe, plenamente actualizados pero polo menos sen levaren as bolsas do Gadis, como onte.
Desde que o Venres fun á consulta co papeliño en que tiña anotados os valores diarios da miña tensión e me receitou un diurético, vou ao wc máis veces que un xubilado.
A señora doutora, arxentina probablemente, quitoulle ferro ao asunto, pero falou xa de dieta e ordenoume facer unha ecografía abdominal e análises de sangue e urina.
Pero hoxe o día está tan soleado que teño que fuxir da casa sen remedio; en media hora terei á porta a Polis co batmóbil. E é que nos dixeron que en Portomarín estes días o nivel das augas está baixo mínimos e que a vella vila mergullada se deixa ver como nunca.
Mañá mostrareilles aquí os resultados.

xoves, 16 de xuño de 2011

Belicoso

O que máis me gusta de onde vou cortar o pelo é que, como no chiste do funcionario, se me dan hora ás catro e me presento cedo, normalmente ás catro menos dez estou listo e de volta na casa.
O que menos me gusta é que o señor barbeiro teima en falarme de cando fixo a mili en Jaca, manobras e imaxinarias incluídas. Hoxe, para variar, deulle por describirme tesouras en man o ben que lle sentan a couraza, o elmo e os faldróns que vai vestir este finde cando se converta en lexionario, esta vez polas rúas e prazas da Bimilenaria.
Que de que me vou vestir eu, pregúntame mentres lle pago, e eu respóndolle que de romano do futuro; pois que aburrido, replica o belicoso barbeiro lexionario.

sábado, 11 de xuño de 2011

Maldicións

Maldito costume o de poñer nomes neutros e politicamente correctos aos centros de ensino. Revisando as listaxes dos traslados (si, non tiña mellor cousa que facer) descubrín que o antigo Piringalla de F.P. se chama agora Muralla Romana, como se fose un hotel ou un restaurante especializado en bodas.
Non debe ser alleo tampouco á redenominación o espirito prolatino que varre desde hai unha década esta cidade en que vivo, e que ten a súa eclosión petarda e kitch no Arde Lucus que, tempus fugit, novamente tomará as rúas de intramuros nunha semana a contar desde onte.
A cuestión está agora en se me exilio na Comarca como hai un ano ou se, facendo de tripas corazón, invito a Haddock a mergullarse na mai de todas as horteradas.

martes, 7 de xuño de 2011

M.

Teddy está triste: a súa amiga M. morreu porfín, e cando Sábado á mañá chamou para contarmo, aínda sen asimilar a noticia, os dous nos alegramos por ela. Que non ían ben as cousas xa se sabía hai meses, cando os médicos descubriron a metástase e o novo tumor, desta vez na cabeza. 
A doenza non foi clemente, e Teddy, que acudía con frecuencia ao hospital, ultimamente reducía as visitas para non ver aquela devastación. 
Que M. era unha muller excepcional máis alá do que Teddy me levaba descrito comprobeino cando a coñecín en Novembro e conversamos durante horas, como se nos coñecésemos de sempre, baixo a follateira dourada da súa viña e ao pé do lume en que, como contei aquí, ardían os talos de figueira.
Non a enterrarán en Vilanova. Coherente até o fin, laica e rebelde, conta Teddy que o furgón dunha universidade recollerá en poucas horas aquel corpo que foi campo de batalla, para que nada, enfín, resultase inútil.

xoves, 2 de xuño de 2011

Gripe

Levo cinco días encerrado no tobo.
O diagnóstico é gripe, ou algo parecido escribe con letra de insectos o médico noviño que me atendeu o Domingo; o día antes fora poñéndome malo á medida que pasaban as horas e ían asomando os síntomas, un após outro, coma as pragas de Exipto: tose, rouqueira, esbirros, lumbalxia...
O Domingo tras o almorzo vou a urxencias; o médico, ao mellor por coherencia con elas, empéñase en tomarme a tensión sen que tire a camisa e montamos un pequeno número na padiola mentres me axuda a soltarme daquela manga; saio da consulta cargado de receitas e desconcertado: por un lado, teño a tensión alta e cómpre que a controle; por outro, o médico asegura que nunha semana estarei perfectamente, pero só me dá tres días de baixa, que naturalmente acaban o Martes.
E sucede como coa camisa, que perdemos o tempo en lugar de gañalo: cando volvo pola alta, outro médico (tamén con nome de culebrón  pero cunhas horribles  uñas, todas roídas) prolóngame a baixa cinco días máis, de maneira que son eu quen acaba pedindo desculpas e dando explicacións telefónicas ao falar co xefe para anunciarlle que até a semana non me verán o pelo no instituto; sei que os silencios ao outro lado da liña protestan contra unha baixa sen substituto a estas alturas de curso, pero o xefe di cousas como que o importante é que me poña ben, e eu vólvolle dicir canto o lamento, principalmente polo bacharelato, e el dime outra vez que non me preocupe, e eu lamentaríame de novo pero colgamos e chamo a Cam para que me entregue no instituto o segundo parte de baixa, e vou á farmacia a comprar aínda máis medicamentos con sabor a laranxa, a anís e a menta, e un deses medidores electrónicos, porque a tensión segue alta e o médico das uñas roídas prohibiume as olivas e os embutidos, recomendoume moderar o consumo de sal, e mandoume que a mida dúas veces ao día para comprobar se definitivamente son hipertenso ou se é só un simple episodio.
Hoxe conservo algo de tose e a voz non é aínda o que debería, pero o peor segue a ser o isolamento, que hoxe romperei porfín para ir xantar á de miña mai. Acábanseme as lecturas e os víveres, principalmente os frescos, e mañá porfín virá a señorita Kaplan.

luns, 30 de maio de 2011

Españistán

Seguramente xa o viron. É o vídeo de moda que percorre a Rede de blog en blog, e que aparece na bandexa do correo un día si e outro tamén: Españistán, da Burbulla Inmobiliaria á Crise, de Aleix Saló. Debuxos animados, linguaxe directa, claridade expositiva e algo de colorín para explicar a orixe da crise que nos come a nenos de dez anos.
Ou o que é case o mesmo, aos que éramos hai menos de un lustro.

mércores, 25 de maio de 2011

70 anos e un día

Os que cumpre Bob Dylan, poeta, pintor e músico, alma libre onde as haxa. Andei buscando por aí algo menos obvio, pero acabei escollendo o Blowing in the wind nesta gravación simple e sen artificios, como era habitual na tele da época: aquí non atoparán colorantes, conservantes, edulcorantes ou antioxidantes, e maldita a falta que fan.
Escoitando esta voz, desde logo non hai tristeza que dure.


How many roads must a man walk downCantas estradas debe percorrer un home
Before you call him a man?Antes de que o chames home?
How many seas must a white dove sailCantos mares debe sucar unha pomba
Before she sleeps in the sand?Antes de durmir na area?
How many times must the cannonballs flyCantas veces deben voar as balas de cañón
Before they are forever banned?Antes de seren prohibidas para sempre?


The answer, my friend, is blowing in the windA resposta, meu amigo, está a asubiar no vento
The answer is blowing in the windA resposta está a asubiar no vento


How many years can a mountain existCantos anos pode existir una montaña
Before it is washed to the sea?Antes de ser varrida polo mar?
How many years can some people existCantos anos pode un pobo existir
Before they're allowed to be free?Antes de se lle permitir ser libre?
How many times can a man turn his headCantas veces pode un home xirar a cabeza
And pretend that he just doesn't see?E finxir que simplemente non ve?

The answer, my friend, is blowing in the windA resposta, meu amigo, está a asubiar no vento
The answer is blowing in the windA resposta está a asubiar no vento


How many times must a man look upCantas veces debe un home mirar enriba
Before he can see the sky?Antes de poder ver o ceo?
How many ears must one man haveCantas orellas debe ter un home
Before he can hear people cry?Antes de poder oír chorar a xente?
How many deaths will it take till he knowsCantas mortes lle cumprirán para saber
That too many people have died?Que morreu demasiada xente?


The answer, my friend, is blowing in the windA resposta, meu amigo, está a asubiar no vento
The answer is blowing in the wind A resposta está a asubiar no vento

sábado, 21 de maio de 2011

Xornada de reflexión


Levo días sen actualizar, pero non foi por terme instalado nas Cortiñas de San Román esquecendo o portátil no tobo, como agudamente insinúa a amiga de Esmelle.
A miña xornada de reflexión (posto que xa teño decidido que votarei mañá) consistiu basicamente en atopar pretextos para non poñerme a corrixir os exames de sintaxe que me fermentan aquí ao lado, sobre a mesa.
Non sei canto me vai durar o entusiasmo pero estou completamente enganchado á novela negra nórdica, e teño o vento a favor: na Biblioteca Pública dei cunha mina de títulos dos que extraio os crimes con que me durmo polas  noites, entre fiordos, ventiscas e auroras boreais.
Despois do iniciático Mankell e despois dos Larsson, Stieg e Asa (apesar do último libro, un pouco coxo, desta última), pola miña cama agora van pasando sucesivamente autores e detectives de nomes impronunciables: o noruegués Jo Nesbo co inspector  Harry Hole, o matrimonio sueco Sjowall/Wahlöö, pioneiros nos 60 e redescubertos agora, co inspector Martin Beck, e, neste día de reflexión, o islandés Arnaldur Indridason co seu inspector Erlendur Sveinsson, túzaro entre os túzaros, e acosado por un pasado turbulento. Con el movinme polo Reikiavik do presente e o Leipzig da guerra fría sen percorrer máis distancia que a que vai da butaca á miña cama.
Vendo o telediario, faime sorrir que os indignados mudasen o nome dun sector da Praza de Cataluña en que están concentrados polo máis simbólico de Praza de Islandia. As imaxes impresionan e conmoven, e un comprende que, máis alá da inxenuidade organizativa dos campamentos, que lembran unha comuna hippy ou un campamento de escolares en colonias, ninguén con dous dedos de frente pode dubidar de estarmos diante dunha cousa completamente nova, inaudita e fermosísima.
Próeme a curiosidade: quero saber como evoluirá o movemento, como seguirán adiante, sen líderes, sen nomes nin siglas, e, sobretodo, sen se contaminaren co que combaten.

mércores, 18 de maio de 2011

Quero ser coma el

Atopo por aí unha entrevista no diario Público a José Luís Sampedro, un dos que nos chaman a revoltarnos até lograrmos unha democracia efectiva. Como non admirar este home lúcido, honesto e rebelde que ergue a voz contra un sistema caduco e enfermo, e que entre outras cousas afirma denuncia:

Que fai Europa nestes momentos? Nada. Non estamos xa en mans dos financeiros senón nas de tres ou catro grandes empresas de valoración da confianza. Que fixeron os gobernos? Suprimiron os paraísos fiscais? Corrixiron a conduta dos bancos? Non! Os bancos que crearon a crise en 2008 hai tempo que se repuxeron tranquilamente e anuncian os seus beneficios mentres os parados seguen parados. Chámense como se chamen, todos os gobernos actúan obedecendo aos intereses do capital.

domingo, 15 de maio de 2011

Democracia real xa!


Se queres máis información, mira aquí; para o  Manifesto, aquí

sábado, 14 de maio de 2011

Post serodio

Vénceme a preguiza e o blog anda como anda: cando teño algo que contar fáltanme as ganas de contalo, e cando me obrigo a sentar para contar algo ou me falla a conexión ou os fontaneiros pechan o choio, desta vez por obras.
Así que, por unhas ou por outras, trece días despois nin puxen as fotos nin contei aínda que o primeiro de maio fun, como estaba previsto, á Comarca: 30 horas na compaña de Haddock repasando as vidas dos dous á procura de puntos de fuga, de remaches soltos, de bisagras e de non sei que cousas que nos permitan reinventarnos para comezar de novo.
Que a vida ía en serio, como dicía o outro, é evidente: tantos anos, parellas, destinos, casas, tantas vidas máis tarde, Haddock e eu corremos ao medio século sen ganas de asumir que en realidade estamos case onde comezamos.
Como hai vinte e tantos anos, cando nos fixemos amigos, seguimos sen parella estable, soñamos con escribir un libro que mereza a pena, queixámonos da limpeza da casa ou buscamos trucos para non pasar o ferro á roupa; a novidade é que agora Haddock campa polas salas de chat e o facebook cun entusiasmo adolescente que me fai torcer o bico.
No serán do Sábado xuntóusenos A., un dos homes máis calados que coñezo e o único maqueiro: da man del viñeron á conversa os iPods, o gaélico, Tolkien, os causantes da crise e, detrás, todas as filias e fobias que nos collían nos vasos. E entre cervexas e licor café, non houbo moza ou muller menor de 30 á que non tomásemos a medida mentres percorríamos freneticamente os antros aínda abertos, como se algún bucle espacio-temporal nos conducise inexplicablemente á compostelanidade.
E todo para descubrir que agora, corentóns e talvez un pouco correosos, nos volvéramos completamente invisibles para elas.
Voltamos para a casa moi moi tarde. Ou moi cedo, se ben se mira, pois aínda non pasaran as leiteiras. Cando amañecese chantarían os maios na Ferraría pero nós só resucitamos algo do coma ben pasado o mediodía, cando xa cantaran as coplas e aquilo estaba para se desfacer. Ao paso tirei as prometidas fotos de testemuño, moi malas, antes de irmos sentar nunha terraza ao soliño.

luns, 9 de maio de 2011

Musgo

O proceloso asunto do contrabando de musgo solucionouse metendo no allo a Herg, que xentilmente se ofreceu a traerme algún do que lle medra no muro da parcela; o substituto de Ciencias, que casualmente escoitou o complot criminal, debullou para nós unha interminable listaxe de plantas, réptiles, anfibios, insectos e outras cousas protexidas, máis ou menos repugnantes, sen que polo momento nos teña denunciado.
Así que, desde este fin de semana, o bonsai, que sobreviviu á mudanza e aínda se repón do trauma, luce xa unha vistosa alfombra de estraperlo e saúda timidamente a primavera con broches de folliñas verde claro.

luns, 2 de maio de 2011

Osama

Varios factores, como almorzar sen radio precisamente hoxe, ir no coche ao traballo escoitando un vello disco de tangos, casualmente non pasar pola sala de profesores nin pola biblioteca, onde están os xornais, e que tampouco hoxe  houbese conexión posible no instituto para lelos on line como fago habitualmente, convertéronme no último cidadán de Occidente en coñecer a noticia do día.
Se ben non creo que a morte deste fulano faga do mundo un lugar mellor, tampouco sentín por el peniña ningunha.

venres, 29 de abril de 2011

Royal wedding



Hora de xantar: a comida a medio facer, meu pai coma un león na gaiola dun zoo e a miña mai enganchada á tele nun delirio de tiaras, pamelas, palabras de honor e encaixes chantilly.
Se xa estiven na boda dos pais, como non había de estar hoxe na boda do fillo?, resolve ela, toda pancha, camiño da cociña.

xoves, 28 de abril de 2011

Salce

A idea era pasar os festivos con Haddock na Comarca, despois de marchar a señorita Kaplan.
Ao final non foi posible porque Haddock tiña con el a filla nos festivos e non había cama vacante, así que onte chamei para facer a reserva e asegurarme os Maios en primeira fila.
Falamos de catarreiras, como a que lle asoma polo teléfono, do regreso ás aulas, do absurdo de que nun estado laico teñamos que contar coa Pascua para organizar o curso, da última viaxe dos meus pais.
Supoño que aí, ao falarmos de Italia, foi cando me dixo que non pode facer plans de fugas por se se ten que ocupar da nena a tempo completo, e é que a Salce, a ex de Haddock, lle descubriron hai poucos días un nódulo, moi pequeno, esta vez no fígado, e empezou (ou vai empezar) coa quimioterapia.

domingo, 24 de abril de 2011

Bonsai


Listo, aí o ven: Despois da desfoliación de onte e o transplante desta mañá, do que saíu cun aspecto de pito mollado pouco prometedor, o bonsai está convalecente e aparentemente mantén as constantes vitais na nova maceta que en tempos un pradairo deixou libre. Mañá, se non chove, irei buscar algo de musgo aos chantos que lindan Mouse Park ou polas lousas da Muralla para lle cubrir a terra arxilosa.
E logo a esperar: en poucos días saberemos se a carmona microphylla sobrevive ou se definitivamente acaba convertida, Deus non o queira, nunha árbore de enforcado.

venres, 22 de abril de 2011

Temos que falar


Se xa dou en tremer cada vez que alguén me di temos que falar, agora que mo dixeron tres persoas en menos dunha semana non é de estrañar que ande buscando un bunker.

Primeira: o intercambio de mensaxes de móbil con L. a respecto do fular e o manual de sintaxe que, entre outras ruínas, deixou na miña casa após a súa marcha precipitada hai máis dun mes culmina cunha chamada dela: moito ruído de fondo e demasiados silencios, non só por falta de cobertura, acaban na frase de marras sen concretarmos nin onde nin cando falaremos.

Segunda: paseando coa señorita Kaplan polas Cortiñas de San Román atopamos de frente a Vapin, sen escapatoria posible. Sorpréndese do alta que está a nena e pregúntolle polo fillo del; con 22 meses corre coma un demo e eles están agotados de seguilo para que non colla cousas que o manquen; cóntolle aquela vez que a señorita Kaplan saíu correndo do estudio cun cutter na man, e sinto aínda polo lombo o mesmo arreguizo de terror ao contalo. Fórmanse escuras nubes de tormenta sobre nós cando nos despedimos e, praza abaixo, resóame a frase nos ouvidos mentres a señorita Kaplan me fala dos seus amigos da escola ou pode que do libro que quere coller na Biblioteca.

Terceira: Calmo opina que estaría ben que me achegase a Delfos o Domingo de Ramos para xantarmos xuntos, ese eufemismo; a súa mensaxe chégame mentres na Raíña a nena fosgalla con nenos e maiores por pillar un ramiño do monte de loureiro abandonado que non deron vendido os xitanos despois da procesión. Poucos minutos despois da miña resposta (que antes de Xoves vai ser imposible porque teño a nena comigo) chega a del incluíndo a famosa frase, pero incrementada e elevada ao cadrado: Calmo e eu, ao parecer, temos moito moito que falar.

xoves, 14 de abril de 2011

14 de Abril


Estou tan canso estes días que, se por algunha desas curiosas medidas de aforro con que nos sorprenden ultimamente, decidisen suprimir as vacacións que comezamos mañá, creo que me suicidaría bebendo por exemplo a tinta deses rotuladores made in Japan con que tentan substituír o xiz no noso instituto.
Mentres, en horas libres e tempos de café, cada cal vai revelando o seu destino: no meu departamento hai quen irá a Venecia, quen irá a ese inconcreto e proceloso lugar chamado aldea, quen irá a Londres e quen, por último, se deixará talvez caer pola Comarca para visitar a Haddock. Naturalmente, sempre que os calendarios de un e outro, e as axendas dunha e outra filla, o permitiren.
Coa señorita Kaplan falei onte para concretar: que me dixese que ten moitas ganas de vir animoume tanto que empecei a pensar se non será mellor ila buscar mañá en vez do Sábado, e que veña cargada cos deberes e os cadernos, e con esa novela ambientada nun mosteiro que me di que está a escribir e que quere que lea para lle dar a miña opinión. Non lle pregunto que plans ten para estes días; sei que me vai respostar que ir con súa avoa ás procesións e estomballar comigo no sofá vendo películas.
Ou vencerme xogando á wii: o fin de semana pasado estivo aquí Polis contándome a súa vida até que o descubrimento da consola o transformou nun adolescente con gravata, se iso é posible; confesou que con Encantador xogaban a diario, e que había moito que non practicaba; afortunadamente, penso eu, porque a malleira que me deu en todos os deportes, salvo os bolos, foi olímpica: catro días depois aínda me duran as maniotas, que son totalmente reais e sobre as que nada se di no folleto da consola.
Acabamos alasando e suando como animais de sabana, pero temos a cautela de sentarmos en butacas diferentes por se o pasado se nos bota enriba e nos enlea o sentido común; grazas a el, descubro que hai tres cousas que fago mellor usando a esquerda: xogar coa wii, pasar o ferro e unha terceira que non me está ben contar aquí.

sábado, 9 de abril de 2011

Foraxidas

Onte tocou visitar as tías, que fuxían da calor moi ben sentadas á sombra no xardín da residencia. Despois dos bicos e os saúdos, despois dos informes de saúde e enfermidade, as tías pasan a sorprendernos coa súa última aventura: horrorizadas polo que din na tele sobre a crise e convencidas polo que se comenta no comedor de que a NCG está en bancarrota, a semana pasada foron retirar todo o diñeiro para levalo a un banco, onde cren que estará a salvo.
Non sexades parvos, recomenda a tía O. ao ver a nosa cara de parvos, facédeo vosoutros tamén.
A pensión non a cambiaron: de momento, remacha a tía G., que nos conta como pillaron un taxi para iren á caixa de aforros, como pediron ao taxista que esperase por elas para levalas ao banco, como ameazaron con chamar a policía porque o empregado lles puña pretextos, e como lle deron unha boa propina ao taxista, que foi tan riquiño que até lles aparcou nunha zona prohibida en Santo Domingo para non teren elas que cruzar entre os coches até o banco.
Pero agora xa durmimos tranquilas; inda tiñades que vernos saír da caixa co bolso cheo de billetes de dous centos e de quiñentos, conclúe a tía O. escachando co riso: parecíamos dúas foraxidas.

luns, 4 de abril de 2011

Cine de Sábado

Fin de semana tranquilo, coa nena aquí, e a sensación de que boa falta nos tería feito unha mañá ou unha tarde a maiores; principalmente porque a señorita Kaplan traía deberes consigo e pasou horas dándolle voltas ao inglés e ás contas mentres eu facía as camas.
Aproveitamos a mañá do Sábado para sentar nunha terraza do centro despois de irmos comprar unhas camisas para min e un cepillo de dentes para a nena; segundo ela, cada vez hai menos cores na miña roupa e iso faime parecer un señor, cousa que me asusta menos que escoitarllo dicir á miña filla de dez anos.
Xantamos na dos meus pais e logo imos ao cine: Gnomeo e Xulieta é irrenunciable para a nena, pero polo menos ten un argumento relativamente sólido, sen números musicais para reencher a metraxe, e, cos óculos 3D e a montaña de pipocas á frente, non sufrín risco de monear como noutras películas de debuxos ás que a señorita Kaplan me ten arrastrado.
Mentres esperábamos a entrar achegáronsenos Polis e o Funerario, que non ían precisamente aos debuxos animados senón ás súas probables antípodas; que o acompañante de Polis é colega dos Fisher vénme sempre á mente ao estender para min a man inmensa ou cando lle pide un bico á nena, que ela lle dá civilizadamente e eu, civilizadamente, non podo evitar; por contra, Polis fai bromas tan campante sobre a urxencia de 94 anos que o día antes non lles deixou iren á función das oito.
Antes de despedírmonos, o Funerario saca de carteira e, sen que vallan protestas, dálle á nena un billete de dez, disque para caramelos, e iso sorpréndeme: non sei de que bucle espacio-temporal virá este tipo, pero hai séculos que non vexo facer algo así, salvo ás tías, aínda que a señorita Kaplan rápido se afai ás circunstancias e o billete desaparece no bolso, maxicamente, como eles dous desaparecen tras o pesado portón da sala 1.
Á noite estamos tan cheos de millo que só ceamos colacao, galletas e uns morangos colorados e brillantes, e ela xa nin propón xogarmos á wii: estomballados no sofá, vemos correr o xendarme coa mesma enerxía e a mesma luz dourada de cando eu era un cativo e íamos ao Kursal nas matinés e nas tardes das vacacións, sen Dolby nin 3D; antes de empezar a peli, a señorita Kaplan aínda me pide que lle volva contar os anuncios que poñían daquela, o do cabalo branco de Terry e o das pecas (ou tetas) Bella Aurora.

venres, 1 de abril de 2011

Restaurando

Non se me sorprendan se ven que, nas listas de actualizacións, este Reincidente vai do presente ao pasado; non ensaio técnicas narrativas nin aplico o flash back ao blogueo, tan só tento restaurar o que lle falta: algúns post recupereinos das sementes, outros do propio buscador, e outros están perdidos para sempre.
Coas imaxes é aínda peor: faltan a maioría das que ilustraban os post desde 2006, e aínda que quixese non volvelas subir quedaría o oco que ocuparon na entrada, como cando se quita un cadro dunha parede e o cerco á volta del denuncia a ausencia.
Sigo indignado, pero menos.
O outro día, nun programa da tele adicado ás novas tecnoloxías, dixeron que o mundo dos blogues agoniza tras a aparición do facebook e o twitter, que hai que reinventarse para sobrevivir, e que o 95% dos blogues que se abriron están mortos ou non se actualizaron desde hai séculos.
Daquela sentín que a indignación me subía varios graos: tamén é mala sorte que, habendo tantos millóns de blogues insepultos e á deriva blogosfera adiante, tivese que ser  precisamente o meu o que foi desactivado.
Con tanta fortuna non entendo por que nunca me dá tocado a primitiva.