venres, 30 de maio de 2014

Confirmación

En realidade, todo o que fixo o médico foi poñerlle nome a algo que todos, máis que sospeitalo, sabíamos, e que o ritual escenificado na consulta confirmou de xeito implacable: meu pai soubo dicirlle ao médico en que cidade estamos e que esta está en Galiza e que Galiza está en España; tamén acertou (algo meritorio, dada a meteoroloxía que sufrimos) que estamos en Primavera, pero non que era mércores, que o mes era Maio, e que aquela flamante sala non estaba na vella Residencia senón no novo hospital ao que leva acudindo máis de tres anos.
Patinou (coma min, hai que recoñecelo) ao calcular unha resta sucesiva e inversa que parecía dun concurso da tele, soubo escribir o seu nome nun folio que, a petición do doutor, dobrou primorosamente pola metade antes de entregarllo, pero estrelouse definitivamente contra a última proba, a do reloxio: na esfera algo desinchada que el mesmo debuxou con esforzo de párvulo puxo horas imposibles (as 11 na 1, as 10 nas 2, as 9 nas 4), de xeito que o médico tivo máis que suficiente para emitir o seu diagnóstico (ou sentenza),  darlle o pase para un tac simbólico e prescribirlle unha medicación que non remediará nada.
Desde hai unha semana convivimos oficialmente cun hóspede implacable chamado alzhéimer.

venres, 21 de marzo de 2014

Elenita


Un ano máis, todos fieis á cita.

luns, 13 de xaneiro de 2014

WhatsApp

Sorprendentemente, tras o meu nome crispantemente en italiano, anuncia que nas dúas semanas próximas vai andar por aquí de luns a xoves, que se me apetece vérnonos, que por el ok, que xa lle digo entón.
E entón dígolle que non vai ser posible, que teño parella (minto, como para galvanizar e forrar de aceiro o meu propósito), e engado asi ke se acabaron as aventuras. E finalizo a resposta enviándolle unha aperta totalmente simbólica e aquel omnipresente cóidate.
Minutos despois, chega o colofón: Ok. Envíame os dvd á facultade, por favor. Grazas e sé feliz!

mércores, 18 de setembro de 2013

Madrid e saudade

Recibo onte unha mensaxe de Amadrid; á hora en que lla leo el probablemente estea xa en destino mentres eu trago quina organizando fotocopias, procurando un atlas, mapamundi ou algo, e tentando mellorar o horario deste curso. 
Outras cousas non serán posibles sen maxia: os recortes que negan arriba varreron dous profesores do meu instituto e a min póñenme a estudar os planetas, os ríos e cordilleiras de Europa, o relevo de Asia, para non aumentar o desastre de ter que impartir unha asignatura que non é a miña.
E, mentres, segue a saudade polos días pasados en Madrid hai unha semana (dez anos e medio desde a vez anterior, os que median entre a exposición de Vermeer e a de Pisarro), que parecen agora distantes, case doutra vida.
Ás oito da mañá, que é cando onte e hoxe pechaba a porta do tobo para ir ao traballo, hai unha semana acordábanme os martelos neumáticos e toda a maquinaria infernal con que os operarios furaban e batían na obra de diante do meu cuarto; pouco despois, duchado, vestido e ben almorzado, abríanseme as mañás e, apesar do feirón de visitantes a encheren corredores e salas dos tres grandes museos, mellorábame o humor camiñar só entre meninas, retratos rexios, paisaxes impresionistas, cristos lacerados, belezas cubistas e naturezas mortas, da mesma maneira que tras o xantar con Amadrid se me abrirían as tardes e me melloraba o humor seguir o meu amigo por novos e vellos cafés, entre outras cousas felicitándonos por seren outros os que paguen o 2020 e esbardallando co ridículo relaxing cup of café con leche por prazas coloridas con todas as razas, por bares proletarios onde xantarmos o prato do día, polo nomenclátor urbano máis sonoro (calles del Pez, de la Madera, de la Luna) e polo Matadero, en cuxa Cineteca estivemos para ver unha película patrocinada por un sindicato da competencia. 
Unha das mañás, inesperadamente, o diluvio reemprazou os ceos velazqueños, e os obreiros meus viciños tiraron de impermeables verdes e amarelos, pero a min, que son dos que miran o tempo polo calendario, cumpriume correr Alcalá adiante en sandalias e sen paraugas á procura dun dos irmáns pequenos, moito máis solitario e silencioso, e o seu tesouro case descoñecido de goyas e zurbaráns. 
Agora, mentres escribo este post tamén serodio, á miña esquerda e estendidos sobre a mesa seguen o metrobús con dúas viaxes sen gastar, as entradas inútil e cobizosamente gardadas, un feixe de planos de museos, a programación da cineteca, a tarxeta da creperie bretona en que Amadrid e eu ceamos galettes a última noite, un tique da consigna da estación, e a cámara de fotos en cuxo ventre dormen varias ducias de imaxes que aínda non descarguei.

martes, 10 de setembro de 2013

Post serodio sobre o Porto

Á forza de ilo deixando, este post nace serodio pero nace, e cando se publique eu andarei perdendo os pasos entre cadros impresionistas e bocatas de calamares.
Xa contei que ao Porto fun por facer un curso; direi agora que dos dous tipos de cursos que un pode padecer ao longo da vida (os homologados pola consellería e útiles porque dan puntos e créditos, ese material do que están feitos traslados, sexenios e cátedras, cursos sempre tediosos, insulsos, inacabables; e os outros), o que fun facer ao Porto en Agosto era destes últimos, e a el marchei sen máis pena que o custo da matrícula e con toda a gloria de quen sabe que vai de vacacións. E en Portugal. E aínda máis no Porto, até daquela a cidade dos trasbordos, dos acordares atónitos ao atravesar o tren a ponte de María Pia, das expedicións fugaces a comprar libros, das sandes a pé de bus, a medio camiño indo ou vindo de Lisboa ou de Coimbra para Ithaca.

domingo, 8 de setembro de 2013

Cousas

...que facer ineludiblemente antes de largarme:

  1. Escoller coidadosamente un novo compañeiro de cama: O apocalipse dos trabalhadores, do Valter Hugo Mãe agoniza despois de me entregar moitas horas de excelencia. Como non viaxo nunca sen libros, imponse substitución inmediata.
  2. Cazar un viciño responsable, deses que van sempre a todas reunións e revisan a contabilidade, e conseguir que me colla a autorización para representarme este Mércores sen que crea que tento escaquearme de formar parte da xunta directiva.
  3. Mandar email para xustificar a falta aos ensaios, que por algunha estraña razón tamén comezan este Mércores e á mesma hora en que se reúnen os meus viciños.
  4. Reunir os pedazos e terminar o interminable post con crónica e fotos do Porto que desde hai semanas esmorece por carpetas e pendrives coma un monumento á procrastinación.
  5. Pasar pola de Polis a despedirme e medirlle o humor, agora que ten o brazo libre de xeso, dous flamantes dentes novos, e soltar a pasta para outro batmóbil lle doe máis que as costelas.
  6. Recoller (mañá) os resultados da analítica, que me teñen máis nervioso que os resultados da selectividade cando a fixen. Dáme máis medo a cara da médica se non son bos que os mil castigos sen postre consecuentes.
  7. Regar as plantas, e organizar e limpar algo este tobo: Dióxenes non vive aquí.

sábado, 7 de setembro de 2013

Preparativos

Acabo de descubrir (ben, en realidade funo asimilando non sen dificuldade ao longo desta pasada semana, entre exames e avaliacións, anodinas caras de alumnos que repiten, bicos vigorosos de profesoras maduras, crónicas de vacacións alleas á beira dun café mentres as moscas nos sobrevoan na mesa de todos os anos) que para o comezo do curso, ai, xa só restan nove días escasos.
Pero ao decaemento co que onte me fun para a cama sucedeu, non sei por que prodixiosa transformación onírica, un acordar entusiasta, de xeito que a medio almorzo xa tiña comprendido que o período entre claustros da procelosa semana próxima en realidade é unha preciosa parcela en que edificar a tan demorada viaxe a Madrid onde agardan por min dúas exposicións maravillosas e aquel home serio e grandote que en Xullo coñecín en Mérida e con quen pasei en Agosto interminables e felices horas de conversa despois das aulas no Porto.
Antes da última torrada os billetes estaban comprados, reservado e pago o cuarto antes de que o café con leite arrefriase, e para cando entrei na ducha a mensaxe coa confirmación e as expectativas fora xa enviada ao meu amigo madrileño, que a respondeu un par de horas despois cun manual de supervivencia urbana; confeso que aínda sigo un pouco descolocado coas súas recomendacións sobre os carteiristas do metro e os chaperos en Sol.

mércores, 21 de agosto de 2013

Recapitulación

Seis meses tampouco son para tanto. 
Para me xustificar podería como outras veces alegar secuestro, doenza invalidante, fallos no sistema, perda do contrasinal, comportamento hostil por parte do gran irmán, amnesia, que sei eu, ou simplemente dicir que un dia calquera deixei de entrar aquí como aquel que foi comprar tabaco e non voltou até vinte anos despois porque cada vez lle era máis difícil explicar unha ausencia duns poucos días.
Necesitei distanciarme un pouco dos blogues para entender que despois de tantos anos todo isto non era unha carga senón un costume, como comer ou ducharse, e para que cada vez que se me ocorría fuxir cara adiante abrindo novos blogues neste ou noutro lugar, ou creando estériles contas aquí e acolá, a evidencia do absurdo me mordese nos dedos e me remordese a conciencia.
Seis meses é o que necesitou a señorita Kaplan para pasar de xurar que nunca tería un móbil a consideralo o obxecto máis precioso deste mundo; a min cumpríronme menos para comprender que se mal se me daban as matemáticas de neno, agora tampouco se me dan ben as profesoras de matemáticas. Haddock e a muller non o tiveron tan claro, e a unha época maravillosa sucedeu o caos e houbo separación e reconciliación e agora paz e despois vaia Deus saber que máis. Polis está en dique seco, cun brazo ao colo, varias costelas rotas, algún dente menos e a firme convicción de que, aínda con dúas copas máis, cun coche mellor e máis caro non lle tería pasado nada. Varrín da miña vida algúns elementos tóxicos, e a toxicidade afable do tabaco voltou a ela con moita máis frecuencia que nas longas sobremesas con Tere Holmes. Saqueei foto a foto dúas cidades, e entre novelas e pelis, zarzuelas e gregorianos, fun definitivamente a máis enterros que bodas, sen que por iso ver rapar as barbas dos meus viciños me faga pór as miñas a mollo, por moito que me avellenten, din algúns, ao estaren xa case totalmente brancas.
Polo demais, abdicaron reis e coroáronse príncipes, un papa sucedeu a outro papa, e aquí, escándalo a escámdalo, parece que nos vamos acostumando á pestilencia da cloaca mentres uns e outros se rin da nosa intelixencia, tenden cortinas de fume, roen nos nosos dereitos, acaban co patrimonio de todos e até se ofenden cando lles pedimos a demisión.  

martes, 20 de agosto de 2013

Belicosidades

Non se vos pode deixar sós: Voume uns días ao Porto e ao voltar atópovos case en guerra coa Gran Bretaña por un pedrolo sen importancia.

domingo, 17 de febreiro de 2013

Sobrado

O día da nosa primeira escapada xuntos non puido ser mellor escollido: cálido e luminoso despois de tantos e tantos adversos, coa memoria inverosímil da nave de hai menos dunha semana aínda na conversación, e a certeza de que axiña voltarán as choivas porque ao inverno aínda lle resta moito para se ir despedindo.
Como para conxuralas, pola mañá fun lavar o coche, que voltou lustroso sen aquela costra de barro, pero por pouco tempo: C. estaba segura de que debíamos pillar a autovía e logo a estrada até Teixeiro; a min por contra a teoría dicíame que o mellor camiño a Sobrado tiña que ser atravesando as terras de Friol, entre carballeiras e bucólicas paraxes con casiñas e vacas a pacer ao lonxe; a realidade teimou en levarnos por unha estrada secundaria estreita e por fortuna sen tránsito; logo a sinalización desapareceu, pasamos unha ou dúas rotondas, perdémonos, un vello coma un sátiro sentado ao sol xunto a un peto de ánimas (Carallo, non, que van do rovés!) orientounos, despois outro que levaba un neno da man díxonos que fósemos con coidado, que as obras de ampliación empezaban desde a casa dun tal Valeriano, e  para cando porfín empezamos a ver desmontes e enormes máquinas paradas aos lados da vía aínda restaba case media hora de camiño na que non me quedou máis remedio que darlle a razón a C., asegurándolle que voltaríamos pola autovía, nin bucolismo nin hostias. 
No mosteiro, e polo módico prezo de un euro por cabeza, agardábannos dous claustros silenciosos que
se espreguizaban ao sol da tarde baixo as torres inzadas de vexetación e liques, a sala capitular reconstruída após a refundación, a vella cociña sen lume desde hai séculos.
O último que visitamos foi a igrexa, inmensa, xélida, sen retábulos e con moitos dos seus muros verdes pola humidade e algunha poza no chan das choivas destes días que esquivamos para entrarmos nas capelas baleiras e resoantes, nas que instintivamente baixábamos a voz ao falarmos, mentres unha nube de bafo nos saía da boca, como nos cómics. Apertámonos e bicámonos na semipenumbra da sancristía tamén vacía, baixo a preciosa cúpula e no centro daquel círculo pétreo adornado con cunchas e caras anxélicas; catro homes severísimos e santos (segundo a guía que o frade nos dera na entrada S. Gregorio, S. Ambrosio, S. Xerome e S. Agostiño) miraban para nós censurándonos, probablemente atónitos, pero nin a calor do noso beixo foi quen de reanimalos.

venres, 11 de xaneiro de 2013

O cine do ano pasado

Velaquí os teñen, desde profesores de música a hobbits, desde fantasmas a samurais, horas e horas compartindo aventuras e desventuras, lágrimas e sobresaltos co mellor de cada casa: presidentes americanos, alieníxenas, actores de cine mudo, pescadores, detectives, debuxos animados, buscavidas, cantantes de cabaret, magos, pálidas damas decimonónicas, avogados, pioneiros do salvaxe Oeste, maduras de bon ver, ananos, deficientes mentais, policías, escritores atormentados, xordomudas, soldados, psicópatas, mulleres fatais, orfos, ladróns, magos, asasinos a soldo, estrañas criaturas do submundo, nazis, adolescentes, gangsters, psiquiatras, reis destronados, amantes hiperglucémicos, espías, exploradores, pais e fillos, esposas e maridos, amores imposibles.

Escollan, que hai ben onde.

martes, 8 de xaneiro de 2013

Os Reis

A señorita Kaplan marca o calendario: como o pasado era ano par foi un vello pirado (se era o Apalpador ou Santa Claus aínda está por ver) o que nos trouxo os presentes o día de Nadal; e como este é impar e a nena está con súa mai, na mañá de Reis non hai baixo a árbore nin celofán nin papeis de cores, nin máis sorpresa que algunha penuxe facendo compaña á planta carnívora con que me agasallou a miña sobriña, non sei se con algunha intención oculta.Fixen tempo dando voltas pola casa; preparei o almorzo, seguro de que o teléfono había de soar a medio da torrada ou pillándome coas mans na mandarina; decidinme a chamar eu e, cando finalmente o teléfono deixou de comunicar, resultou que a nena saíra á procura dos agasallos na casa da súa avoa.
Dubidando se meterme na ducha (basta facelo para que chame, pensei), acabei voltando para a cama a ler aquela pequena maravilla, e nin por esas: o teléfono permaneceu mudo e impasible. De xeito que a mañá de Reis decorreu sen máis Reis que os do viciño a colgar da súa ventá, xeados baixo a néboa; horas despois na de miña irmá, no tradicional xantar que despide as festas, asomou O Outro unha vez máis pola tele, que xa perdemos a conta: miña mai di que o atopa desmellorado e fofo, o que acorda clamores antimonárquicos e pouco elegantes solicitudes de abdicación mentres roemos no leitonciño asado e bebemos do godello.
Á tarde, cando xa empezaba a pensar que vería a súa foto nos sucesos, a señorita Kaplan chamou porfín para enumerar como de pasada os libros recibidos e rapidamente describir con minuciosidade de inventario os xerseis, as blusas, a saia vintage (xuro que tal dixo) e a preciosa maleta que desde a semana próxima nos vai acompañar in itinere.
Dous días despois creo que hai unha relación directa entre a idade da nena e o tempo que tardou en coller o teléfono para contarme os seus Reis; a esta teoría, confésoo, non é alleo o repunante de Polis, que está convencido de que dentro de dous anos, o próximo que for impar, a señorita Kaplan non vai chamar até o día seguinte.

xoves, 3 de xaneiro de 2013

Libros do semestre

Os blogs andan estes días ás voltas con inventarios de toda clase, e este meu non ía romper a tradicións, así que aí lles poño a lista dos libros que me acompañaron os últimos seis meses. Dixen xa algunha vez que hai moitos peixes no mar e que agora xa só leo o que me gusta e porque me gusta, de modo que se acabaron as flaxelacións e as penitencias, polo menos na lectura.
Un destes días, talvez, escribirei un post cos monstros que me acabaron coa paciencia, pero é pouco probable. 

1. La noche desnuda, de Juan Carlos Arce.
2. El perro de terracota, de Andrea Camilleri.
3. La falsa pista, de Henning Mankell.
4. Muerte en Estambul, de Petros Márkaris.
5. El ladrón de meriendas, de Andrea Camilleri.
6. Defensa cerrada, de Petros Márkaris.
7. Os fillos do mar, de Pedro Feijoo.
8. Historia de Roma, de Indro Montanelli.
9. Uñas y dientes, de Ian Rankin.
10. Ceniza, de Yrsa Sigurðardóttir.
11. Yoga para los que pasan del yoga, de Geoff Dyer.
12. Con el agua al cuello, de Petros Márkaris.
13. Crepúsculo en Oslo, de Anne Holt.
14. El guardián de los niños, de Johan Theorin.
15. Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras.
16. Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo.
17. Corpus delicti, de Andreu Martín.
18. O misterio das badaladas, de Xabier P. Docampo.
19. El hombre de la navaja, de Andreu Martín.
20. Psicosis, de Robert Bloch.
21. Invierno ártico, de Arnaldur Indridason.
22. Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón.
23. El miedo de Montalbano, de Andrea Camilleri.
24. La berlina de Prim, de Ian Gibson.

luns, 31 de decembro de 2012

2013

Podo dicilo alto e claro, que non me vou equivocar: por moitas voltas que lle dea, este que termina foi un ano gris que deixou atrás un saldo raquítico e non só no banco, que tamén. Por primeira vez en moitos anos tiven que facer equilibrios repensando algunha compra, reducir a hipoteca sen contar co colchón da extra de Nadal, e pactar entre a familia os agasallos para que, máis que nunca, fose principalmente a intención o que contaba.
Tras a morte da tía O., da familia de meu pai resta un remol de intrigas e cobizas á galega digno dun serial televisivo, mentres a tía G., moi avellentada, avanza polos corredores da residencia co seu andador novo, e a meu pai algunha vez aínda hai que asegurarlle que a tía O. morreu hai oito meses.
Contra o que parecía, e apesar da teima con que reincido no de sempre, na miña vida non entrou ninguén novo que non habite en páxinas ou fotogramas, cunha soa excepción: a nova señora Haddock, que rescatou o meu amigo daquela serodia e crispante adultescencia e fai del hoxe un home traquilo e feliz. Ila coñecer hai un mes na Comarca, e descubrir que os tópicos nesta ocasión fallaban, foi o mellor dos augurios.
Cando reparo na señorita Kaplan, que aos doce anos e medio renega das mudanzas de primas e amigas como dunha enfermidade vergoñenta sen comprender que ela xa anda nas mesmas, ás veces miro ao ceo e aguanto as ganas de preguntarlle que fixo coa miña filla, onde a ten agachada. Pero outras, as máis delas, sigo recoñecendo a meniña aquela que se me viña meter na cama os domingos dicindo que era unha toupiña.
A semana pasada, cando estiveron aquí os Haddock coa filla de 15 anos e as dúas nenas tardaron en encaixar aínda que despois o conseguiron, e eu dixen que sería desexable que fosen amigas por se algún día se podían axudar unha á outra, Haddock retrucou en broma: Si, ao acabaren a carreira poden compartir apartamento cando traballen de caixeiras nalgún supermercado de Düsseldorf.
Polo si ou polo non, e á vista do que din os xornais, empezarei por desexar a todos un feliz 2013 (iso si, en alemán, e aínda que as badaladas e os fogos de artificio soen aquí como descargas de artillaría prusiana).

domingo, 30 de decembro de 2012

Axenda 2013

Anotar (xa) nos primeiros días de Decembro:

  1. Non coller máis lotaría que un décimo no traballo.
  2. Non mandar postais felicitando as pascuas.
  3. Comprar luces para a árbore (pero nunca máis nos chinos).
  4. Non bater dúas veces coa mesma pedra (aínda que, ben mirado, isto tamén o podo debo escribir no primeiro día de cada mes).

venres, 24 de agosto de 2012

Seimeiras do Queixoiro

Tampouco periplos lexendarios.
Teddy non tiña o forno sentimental para bolos e a señorita Kaplan, nunha desas ás que nos empeza a ter acostumados, afirmou que prefería descansar e coller forzas para o instituto, con tal énfase que máis parecía que a fósemos enviar á Lexión Estranxeira.
Así que, se descontamos a escapada de Xullo a Atenas para xantar con Ilu e as visitas virtuais a Cicely, Alaska, man a man coa nena cada día despois de cearmos,o único que quedou no fondo do cesto son as dúas visitas a Teddy na súa montaña: a primeira, con merenda campestre incluída a base de empanada de zamburiñas e tortilla de patacas, á Cortevella, onde nas beiras do recén nacido Eo e á sombra dos castiñeiros cumprimentamos aqueles amigos manchegos de Teddy; da segunda visita, ás soas con Teddy esta vez pola vila e logo polas beiras do Queixoiro até as seimeiras, que é como aquí chaman ás fervenzas, voltei marabillado e trouxen comigo un pequeno cargamento léxico da flora e a fauna, algunhas novidades intercambiadas co meu anfitriónque non veñen agora ao caso, uns poucos planos de futuro aínda moi difusos, e unha colección de corredoiras, e carpazas ou queirugas en flor, de uces montesías e vellos troncos afogados polo musgo, de humildísimas chantaxes, de felgos espectaculares, de trobos e de acivros que, se queren, podemos compartir.

domingo, 19 de agosto de 2012

Herdanza

De rapaz era partidario de que fosen abolidas por lei.
Na miña inxenuidade, defendía que fose o Estado o único herdeiro de todas as fortunas, grandes ou pequenas, para que á morte dos titulares as revertese en beneficio de todos.
Claro que daquela o mundo era tan sinxelo que ninguén morrera na familia, e a señorita Kaplan non chegara aínda nin a ser soñada.
Desde que a tía O. morreu en Marzo sen testamento, a súa herencia ten a familia crispada     nun mar de conspiracións e intrigas telefónicas, onde as alianzas entre as cuñadas se tecen, destecen e cambian con rapidez bizantina, mentres se tramita a papelada e o prazo que dá Facenda se achega ao fin.
Calquera diría que está en xogo unha mina de diamantes, un palacete decimonónico, algún latifundio estremeño ou unha conta bancaria con dez cifras, a xulgar pola teima con que a tía C.,  a quen nunca lle cumpriu vivir nunha casiña de chocolate nin vestir abrigos de pel de dálmata para dar medo, estivo argallando medias verdades e débedas imposibles desde o Lado Escuro da Forza.
Todos seguimos atónitos.

venres, 3 de agosto de 2012

Agosto

Este blog está en barbeito e eu deixo correr os días entre procrastinacións, preguizas e abandonos, moi deste tempo; érgome cedo para almorzar pero paso as mañás na cama: cando non persigo criminais en serie polas rúas de Londres avanzo coas lexións de Roma, emperador tras emperador, ou navego as procelosas augas de Extramunde.
Antes de xantar dou unha volta polo centro, apostando contra min mesmo a que non atoparei un só coñecido neste deserto, e aplícome a facer recortes coma o elo na cadea de transmisión que somos todos: da libraría despedinme até Nadal comprando onte o último de Camilleri; renegociando os seguros do coche e a casa aforrarei á volta de trescentos eurazos, o que non compensa a extra suprimida pero alegra o ánimo.
Polas tardes, o desafío estes días é rematar a limpeza dos cristais que restan, pero martes houbo non sei que conxunción astral, e o visionario que hai en min alviscou que, movendo a mesa do estudio contra a parede, podía haber espazo para unha nova estante en que colocar canto libro hai arrumado por toda a casa. Agora o estudio está patas arriba, como se houbese mudanza ou entrasen os ladróns, e xa non sei se deixalo todo como estaba, ou abrir a man e gastar os cartos aforrados dos seguros nunhas cortinas e na libraría nova.
Por fortuna, a señorita Kaplan, que chama cada serán para comentar os (pobres) resultados de España nas Olimpiadas e contar como lle vai no curso de vela e na súa cada vez máis complexa vida social, pasa a quincena con súa mai.

venres, 20 de xullo de 2012

Manifestación

Durante todos estes anos eu non vivín por riba das miñas
posibilidades: teño unha hipoteca que pago devotamente cada mes e amortizo sempre que podo (este ano será menos porque, como é sabido, non me pagarán a extra de Nadal); non teño ningunha outra débeda porque nin compro a prazos nin uso tarxeta de crédito; non son moroso e nunca pedín un adianto nin recibín diñeiro inxusta ou ilicitamente; non maquino para eludir impostos e aboo puntualmente a pensión establecida para a crianza da señorita Kaplan; colaboro regularmente con dúas ONG e até separo o lixo para a súa reciclaxe.
Aínda así, son consciente de que pola avaricia de moitos e a incompetencia (cando non complicidade e aquiescencia) doutros, o noso país está a vivir algo máis que a resaca de tanta festa e tanto dispendio.
Hai dez días Ilu e eu comentábamolo durante o xantar en Atenas, naquel restaurante favorito noso da avenida da Habana: o fantasma dos anos 30 aparécese cada día nas noticias que nos chegan. Sendo certo que a Historia é cíclica, isto que estamos a vivir será para nós o que a guerra civil e a posguerra supuxo para os nosos avós; claro está que sen sangue nin bombardeamentos nin a horrible represión, agora asistimos atónitos ao final dunha época, e empezamos a sentir pánico do que está por vir, sabendo como sabemos, ademais, que será para peor.
Se onte saín á rúa xunto a tantos miles, non foi pola paga extra, aínda que tamén, nin siquera por considerar deslexitimado un goberno que incumpre sistematicamente todo o seu programa electoral.
Reclamo que se persiga o despilfarro e os despilfarradores, presentes e pasados, que se persiga a fraude fiscal con rigor e sen amnistías, que as grandes fortunas aumenten significativamente a súa contribución á caixa común, que se reorganice cabalmente a administración do Estado e se eviten os cotos privilexiados de poder e influencia dos partidos, e que se preserven ante todo a sanidade e a educación como bases irrenunciables de progreso e futuro.
É pedir demasiado? Polo visto, si.

mércores, 18 de xullo de 2012

Nada

Marchou a señorita Kaplan, despois dunha semana aquí, pero voltará o Sábado; no intervalo aproveito para lavar cortinas e liberar cristais e xanelas da cotra anual que, por dicilo finamente, os vela e recobre coma unha pátina; o branco gato persa dos viciños, estomballado baixo a calor, revira de cando en vez a cabeza como se vixiase o meu traballo; ao pouco, aborrece, despreguízase e marcha.
Abafado e sen público, aborrezo, despreguízome e marcho tamén eu, seguro de que a prima de risco ha de seguir polas nuves por moitos cristais que limpe, por moitas cortinas que lave.

sábado, 7 de xullo de 2012

Error 0036

A min, que queren que lles diga, esta curta que chegou hai días á miña caixa de correo electrónico paréceme a versión actualizada, aséptica e dixital  daquela película de Mercero, La cabina, tan analóxica, que sigue instalada na memoria colectiva de todo o país.
Pode que a angustia sexa aquí maior porque o inimigo está dentro do tobo, e porque todos xa temos batallado máis dunha vez teléfono por medio.
Poden velo aquí.

venres, 6 de xullo de 2012

Chuvasco

Onte, o primeiro paseo en meses por Mouse Park acabou en diluvio e eu, á mesma considerable distancia do coche que da casa, sen paraugas nin botas pola precipitación da camiñada, acabei pillando unha molleira máis que razoable.
A cuestión é que facía eu co coche por alí: pois viña de deixar os pais na casa deles despois dunha visita á tía G. na residencia, a máis breve da historia, apenas dez minutos, porque cando a demos localizado despois das voltas habituais por ascensores, corredores e salas de televisión ateigadas de vellos hipnotizados coa vida dos Thyssen e outros culebróns, a miña tía estaba na bicha do practicante (así lle chamou ela) para que lle axustasen o novo audífono, co que toda comunicación era imposible.
De volta para Ithaca, a miña mai volveu expresar a súa admiración pola tía G., a quen describe xa como unha robinsona da terceira idade: a catro meses da morte da tía O., nun novo cuarto e cunha compañeira de habitación inseparable que a leva a pasear polo xardín cando o día o permite, a miña tía refixo a súa vida e reparte o tempo entre visitas á perrucaría, o podólogo, o médico, a bicha dos medicamentos, as novelas da tarde, a bicha da tensión, a sesta da sobremesa e as misas dominicais, impecablemente vestida e calzada, e sen repetir modelo, recalca miña mai por último.
En canto os deixo soa o móbil: Tere Holmes, con quen tiña previsto xantar un día destes, pregúntame se estou de acordo en quedarmos venres por non sei que imprevisto; a min venme ben porque xa me estaba tentando ir a Mouse Park e comprobar se as últimas choivas se deixaran sentir e o río fluía e corría a auga pola seimeira.
Esquecín, sen embargo, que o tempo está voluble e que en plena ruta de volta ao coche me había de sorprender un chuvasco mecanógrafo contra o que de pouco valeron os zapatos e a roupa que levaba, por moito que tentei gorecerme ao abeiro dunha ponte.

luns, 2 de xullo de 2012

Os libros do semestre

Non teño aínda moi claro se este vai ser un novo retorno ou unha simple saída á miña teima polas listaxes e os inventarios. Haberá que ir vendo que pode máis, se a ampla chaira de dous meses por diante tentando fuxir do tedio, ou a preguiza de poñer ao día esta haxiografía no medio hostil en que se ten transformado o escritorio do blog.

  1. Las alas de la esfinge, de Andrea Camilleri.
  2. 2. Donde nadie te encuentre, de Alicia Giménez Bartlett.
  3. 3. Más allá del espejo, de John Connolly.
  4. 4. Elling, de Ingvar Ambjørnsen.
  5. 5. El campo del alfarero, de Andrea Camilleri.
  6. 6. Skugga-Baldur, de Sjón.
  7. 7. El olor de la noche, de Andrea Camilleri.
  8. 8. La historia de Edgar Sawtelle, de David Wroblewski.
  9. 9. El policía que ríe, de Maj Sjöwall e Per Wahlöö.
  10. 10. Lamentaciones de un prepucio, de Shalom Auslander.
  11. 11. La luna de papel, de Andrea Camilleri.
  12. 12. Asuntos internos, de Ian Rankin.
  13. 13. La voz del violín, de Andrea Camilleri.
  14. 14. Espectros en Breslau, de Marek Krajewski.
  15. 15. Cuando pase tu ira, de Åsa Larsson.
  16. 16. Sunset Park, de Paul Auster.
  17. 17. Oliver Twist, de Charles Dickens.
  18. 18. El primer caso de Montalbano, de Andrea Camilleri.
  19. 19. Cinco contos sobre Velázquez.
  20. 20. La excursión a Tindari, de Andrea Camilleri.

martes, 22 de maio de 2012

Folga (suma e segue)

Por todo isto (e por enésima vez este curso) fun hoxe á folga. Din os xornais que é a primeira convocatoria de folga global no ensino, de pre-escolar á Universidade, e eu sumeime a ela aínda que o sindicato ao que estou afiliado desde hai moitos anos non a apoiaba.
En causas coma esta, cando todos tanto nos xogamos, o purismo sobra; o que importa é a unidade.

venres, 6 de abril de 2012

Simplemente

É unha das poucas cousas boas e sensatas que escoito en meses e non quero deixala correr, porque creo que as cousas máis grandes e belas sempre surxen de xestos pequenos e aparentemente insignificantes.