sábado, 16 de xullo de 2011

Procrastinación

Como na canción de Fuxan os ventos: Procrastinar procrastinarei, apesar de que agora todas as cousas que adiei nas últimas semanas forman unha especie de muro insalvable contra o que me baten a enerxía e a vontade; iso si, sigo sendo un campión creando xustificacións e pretextos para calmar a conciencia, a saber: se non recollín onte os resultados das análises foi porque seguramente non estarían, como indicou a muller extractora.
Se non fun facer as gafas, aínda vendo menos que un moucho a mediodía, foi polo que lle vai gustar á señorita Kaplan axudarme a escoller unhas novas.
Se non me puxen a mirar colchóns para cambiar o que teño é porque terei máis tempo á volta, como se comprar tal cousa requirise meditalo unha eternidade e mais un pouquiño.
Se non me puxen a limpar os cristais das ventás está claro que é porque o tempo non acompañou, ninguén limpa cristais orvallando fóra.
Se non fun devolver os libros na Biblioteca é por se a nena o Luns quere coller algo para ler na viaxe.
E finalmente, se despois de dous anos aínda está sen pintar o teito da cociña será porque aínda queda moito(s) Verán(s) e até moita(s) vida(s) por diante, o que en definitiva me serve para xustificar non ter quedado con Tere Holmes para irmos cear por aí, nin con Calmo para posibles citas ou xantares eufemísticos, nin con Polis para intercambiarmos neuras, nin con aquela metade da miña axenda a quen prometín chamar un destes días para nos vermos e laretar un pouco ou o que fose.
Así van correndo os días, e xa estamos a metade de Xullo.

xoves, 14 de xullo de 2011

Reacciona

Fago un altiño entre tanto cadáver e tanto misterio para cambiar as tornas e ler Reacciona, un libro totalmente diferente, aínda que polas súas páxinas bulen delincuentes e ladróns tan perigosos e faltos de escrúpulos coma os das novelas, se non peores, e tramas aínda máis negras e máis temibles, principalmente porque son completamente reais e nos afectan a todos.
Da proposta do economista Juan Torres López copio o final do seu artigo, coas seguintes propostas de sentido común:

Veñen a por todos nós e non van parar até o teren todo se non lles facemos frente.
As mentiras e a fraude están claras así que o que cómpre facer tamén o está: dar a volta ao que nos veñen dicindo. [...] Habemos de reclamar que se investigue o comportamento e a responsabilidade dos banqueiros que produciron a crise e que enganaron a miles de clientes e o das autoridades, coma o mencionado Caruana, que ocultaron o que se xestaba e permitiron que a economía se viñese abaixo para que os bancos e as grandes empresas seguisen saíndo a flote. Hai que impedir que miles de familias sigan a perder as súas casas e os seus patrimonios pola avaricia e os enganos da banca e hai que poñer fin ás políticas de recortamentos de dereitos porque non é verdade que nos vaian sacar do pozo onde nos meteron os multimillonarios e os grandes capitais, senón que nos van afundir aínda máis. Hai que saír á rúa a reclamarmos xustiza e poñer fin a tanta mentira.
Aínda está vostede a tempo. Non se deixe enganar máis e reaccione dunha vez!

mércores, 13 de xullo de 2011

Postal

Teño recibido postais de tres continentes e desde os lugares máis previsibles, de Nova York a Varsovia e do Cairo a  Ushuaia, pero hai uns días chegoume unha desde un lugar impensable e talvez por iso é máis valiosa: o Cádavo.
Quen a asina é Teddy, e vale como recordatorio da agradabilísima xornada que pasamos un Luns cos manchegos J. e A. por unha Ithaca bimilenaria e ruinosa: o Parque parece que foi bombardeado, na Catedral bulen os obreiros levando bancos e botando lonas, e a unha das torres os andaimes déronlle aspecto de pagoda.
Aínda así, os amigos manchegos marcharon encantados: nin a Muralla nin a gastronomía, o que máis gratamente os sorprendeu foi o cinto verde que rodea a cidade, e do que percorremos varios kilómetros no seu 4x4 até acabarmos estomballados nunha terraza xunto ao río, entre bañistas adolescentes e ameneiros centenarios.

luns, 11 de xullo de 2011

Portomarín (porfín)

O orballo destes días non acabará nin moito menos coa seca pertinaz; como moito, serviu para refrescar algo os campos e apagar algún incendio nos montes.
Esta mesma seca, da que case ninguén fala pero que se fai evidente a pouco que un poña atención, é a que bebeu as augas do Miño en Belesar até deixar ben á vista as ruínas da vella vila de Portomarín, habitualmente mergulladas polo encoro.

Como lembrarán os que seguen as miñas peripecias por Ithaca e fóra dela, o terceiro fin de semana de Xuño pasado escapei con Polis a Portomarín; eu por fobia ao feirón romanoide, el por atenuar a resaca logo de trinta e seis horas vestido de castrexo. Despois de deixar o batmóbil á sombra na entrada da nova ponte, baixamos até a vella para atravesar o río ao abeiro dos xigantescos piares e camiñar polo malecón baixo o sol de xustiza, enterrando os pés no pó finísimo do camiño xunto ao cal se erguen muros parcialmente derrubados e sen grandeza, abafados pola grama que nos chega ao peito nalgunhas zonas, e sufrindo máis ou menos pacientemente os ataques de sanguinarios mosquitos kamikazes.

O río segue a ser fermoso, moito máis que cando o encoro se enche e engole os restos da ponte medieval destruída por unha enchente, a decimonónica que vimos de percorrer a pé, os malecóns en ambas beiras e as pesqueiras onde noutrora se capturaban anguías e lampreas.
A excursión acabou con nós, derreados e suorentos, repoñendo forzas nunha terraza dese parque temático xacobeo en que se converteu o Portomarín actual: rodeados de peregrinos de todas as cores, formas e sexos, e á sombra románica da igrexa-castelo de San Nicolás, que trasladaron pedra a pedra desde a ubicación orixinal como testemuñan os blocos puídos e aínda numerados, engulimos empanada e calamares á romana como se faltase unha hora para o fin do mundo.
Nas altas almeas, por riba da ábsida, unha parella de cegoñas reparaba o niño.

sábado, 9 de xullo de 2011

Facundo Cabral. In memoriam

"Cada mañá é unha boa noticia, cada neno que nace é unha boa noticia, cada home xusto é unha boa noticia, cada cantor é unha boa noticia, porque cada cantor é un soldado menos".
Hoxe houvo as peores noticias: un grupo de sicarios asasinou a tiros un home xusto, un cantor, esta mañá en Guatemala.

Portátil

A rei morto, rei posto: desde onte preside a mesa de traballo o novo portátil, e que dicir del que non sexa unha obviedade sobre o seu aspecto, rapidez e prestacións, empezando xa polo sistema operativo (efectivamente, como dixera o da tenda, moi versátil e intuitivo).
Devolto a miña irmá o xoguetiño que me prestara para saír do paso estas últimas semanas, agora só resta darlle pasaporte ao vello, que espera destino no sofá do estudio, taciturno coma un cadáver, e volver á normalidade da caza de películas, a organización das fotos e as actualizacións do blog; tamén para levar adiante dúas ou tres ideas que se me ocorreron.

venres, 8 de xullo de 2011

Codex Calixtinus

A cousa empezou coma unha novela de Petra Delicado: a noticia foi subindo nos informativos da radio até abrilos, e pouco a pouco empezaron as comparacións absurdas do códice desaparecido co Pórtico da Gloria e os cadros de Velázquez, e logo os detalles: cinco cámaras vixiaban a estancia e ningunha gravaba o manuscrito; as chaves estaban postas na porta da cámara de seguridade; o roubo descubriuse o Martes pero a última vez que se viu o códice foi o Xoves ou, talvez, o Venres pasado.
O señor deán conta que o buscaron por toda a Catedral, como se fose normal que un volume medieval de pergamiño avitelado saíse motu proprio a dar un garbeo polas naves da Basílica Metropolitana; ten aínda o susto ou a sorpresa metidos no corpo, e cando tenta xustificar o inxustificable, afirmando que durante oito séculos a igrexa soubo gardar o códice, parece que todo o mundo o escoita en realidade dicir que era o azar quen o gardaba.  

mércores, 6 de xullo de 2011

E agora, o cine

Hainas en cor e en branco e negro; infantís, xuvenís e para adultos; boas, regulares, menos boas e até algunha infumable (pero non tanto como para sentir vergoña de poñela aquí despois de sufrila máis ou menos en silencio, como as hemorroides); vistas por primeira vez e requetevistas; documentais e de ficción; históricas e futuristas; visionadas en soedade ou acompañado; na tele, no cine ou ben pirateadas; dobradas ou en V.O. con subtítulos.
A seguir, a tradicional listaxe coas películas vistas o último semestre.

domingo, 3 de xullo de 2011

Biopsia

A miña involuntaria vocación de chófer está a facer de min un asiduo do HULA, o flamante e enorme hospital, que á forza de visitas xa me vai parecendo igual de enorme pero menos flamante. Cando non levo a meus pais a visitar a tía O., record absoluto de ingresos, é que os levo a eles a faceren probas e recoñecementos que nos fan explorar os corredores, salas de espera e módulos polos catro puntos cardinais do labirinto.
A última visita foi Venres, para levar a meu pai a que lle fixesen unha biopsia de próstata; na sala había outros cinco ou seis octoxenarios á espera, o que animou un pouco a meu pai, que non as tiña todas consigo e desde hai días facía de tripas corazón cando non propuña directamente non ir: total, para que despois lle digan que non ten nada, porque el está estupendamente e esas probas son para vellos que van cen veces por día ao váter.
Seguramente ten razón, porque con 83 anos nunca estivo enfermo: nin unha gripe, nin unha caries, nin a tensión alta, nin un condenado virus que o tivese tres días na cama; tan só toma unhas pastillas porque disque hai trinta anos ten un pouco alto o colesterol.   
A enfermeira dixo que sangraría un pouco, e que o levásemos a urxencias se lle subía a febre, cousa que non sucedeu. Para a miña sorpresa, volvendo para a casa descubrín que seguen sen ter termómetro; miña mai, desde o asento de atrás, afirmou toda convencida que sempre soubo cando tíñamos febre, que os de mercurio eran tóxicos e os dixitais non eran de fiar.
Se notas que tes febre, avisas, díxenlle entón a meu pai; pero ao ollar para el decateime: tampouco sabía o que se sente cando un ten febre porque nunca tivo febre, e tivemos que explicarllo.

sábado, 2 de xullo de 2011

Semestre lector

Estamos a primeiros de Xullo e toca balance.
Empezaremos polo das lecturas do semestre, aproveitando que o post estaba a medio cocer no arquivo do blog, e que esta mesma mañá, ao acordar, rematei o último da listaxe, Némesis, unha novela negra de lectura ardua probablemente a partes iguais pola complexidade da obra, a pobre tradución e que a miña cabeza estivo en demasiados sitios á vez estes días de final de curso.
Polo demais, non haberá queixa en canto á variedade: da literatura xuvenil recomendada pola señorita Kaplan á poesía, dos Indignados ás novelas policíacas, entre as que, como contei aquí, abondaron especialmente as nórdicas (suecas, norueguesas, islandesas), e o gran descubrimento: Alicia G. Bartlett e as deliciosas aventuras de Petra Delicado, esa inspectora un pouco lercha que me ten namorado, bendita ela.

1. Poesía última de amor e enfermidade, de Lois Pereiro.
2. Mil cousas poden pasar, de Jacobo Fernández Serrano.
3. A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González Costa.
4. Los clásicos también pecan (La vida íntima de los grandes músicos), de Fernando Argenta.
5. La vuelta al mundo de un forro polar rojo, de Wolfgang Korn.
6. Menú de enganos, de Manuel Núñez Singala.
7. Indignádevos!, de Stéphane Hessel.
8.  Reckless. Carne de pedra, de Cornelia Funke.
9. La senda oscura, de Asa Larsson.
10. Riña de gatos, de Eduardo Mendoza.
11. Serpientes en el Paraíso, de Alicia Giménez Bartlett.
12. Ritos de muerte, de Alicia G. Bartlett.
13. El hombre del balcón, de Maj Sjöwal e Per Wahlöö.
14. El hombre del lago, de Arnaldur Indridason.
15. El silencio de los claustros, de Alicia Giménez Bartlett.
16. Leonora, de Elena Poniatowska.
17. Las marismas, de Arnaldur Indridason.
18. Nido vacío, de Alicia Giménez Bartlett.
19. Némesis, de Jo Nesbo.

luns, 27 de xuño de 2011

Explicación

Como aquel alcalde de Villar del Río, tamén eu vos debo unha explicación pola miña ausencia de todos estes días, tanto neste blog como nos comentarios dos vosos, e esa explicación que vos debo vóuvola pagar: O meu sufrido portátil colapsou ou algo a semana pasada e entrou nun estado de inactividade moi semellante á morte do que non o dan sacado nin ameazas nin súpricas.
Como quen ten unha irmá ten un tesouro, desde esta mañá podo polo menos conectarme á Rede e resolver a papelame que trae aparellada o final do curso (memoria, follas de cálculo, exames de setembro, listaxes de suspensos e aprobados e outras farragosas inutilidades); o que miña irmá me deixou para saír do atranco é un portátil deses pequeniños, como de xoguete, no que hai que teclear con pericia de ourive e moita paciencia, e que terei que devolverlle o antes posible.
Nuns días saberei se o pobre ordenador ten cura ou se, como parece, seguirá no seu coma interminable e, sen ningunha ganiña pola miña parte, me cumprirá substituílo por un novo que probablemente non me durará outros seis anos e medio.  

xoves, 23 de xuño de 2011

Once anos

A señorita Kaplan está de aniversario:
Once son os que cumpre, como sempre  en pleno fragor do final de curso (chamou onte para contarme das súas notas, case inmellorables), nas vésperas do san Xoán (lembramos tamén cando hai dous anos fomos á verbena que nos plantaran ao pé da casa e comemos cadansúa sardiña e bailamos ao son da pachanga), e en pleno debate sobre as vacacións (organizar as axendas para que viaxe a Venecia comigo e a Londres con súa mai o mesmo mes non é tarefa doada),
Cómpre aproveitar o momento: a señorita Kaplan medra aparentemente máis rápido que nunca; segue a ser a nena de sempre, pero os cambios e as mudanzas comezaron e avisan sen dúbida posible de que a adolescencia se achega xa para instalarse.
Un ano máis, meu amor, feliz aniversario.

domingo, 19 de xuño de 2011

Punto de fuga

Despois destes fríos,  hoxe o día está tan soleado que me dá pena seguir encerrado na casa, debruzado sobre o mar de exames que estou a corrixir, mentres desde a xanela vexo romanos e romanas de medio pelo dirixíndose á urbe, plenamente actualizados pero polo menos sen levaren as bolsas do Gadis, como onte.
Desde que o Venres fun á consulta co papeliño en que tiña anotados os valores diarios da miña tensión e me receitou un diurético, vou ao wc máis veces que un xubilado.
A señora doutora, arxentina probablemente, quitoulle ferro ao asunto, pero falou xa de dieta e ordenoume facer unha ecografía abdominal e análises de sangue e urina.
Pero hoxe o día está tan soleado que teño que fuxir da casa sen remedio; en media hora terei á porta a Polis co batmóbil. E é que nos dixeron que en Portomarín estes días o nivel das augas está baixo mínimos e que a vella vila mergullada se deixa ver como nunca.
Mañá mostrareilles aquí os resultados.

xoves, 16 de xuño de 2011

Belicoso

O que máis me gusta de onde vou cortar o pelo é que, como no chiste do funcionario, se me dan hora ás catro e me presento cedo, normalmente ás catro menos dez estou listo e de volta na casa.
O que menos me gusta é que o señor barbeiro teima en falarme de cando fixo a mili en Jaca, manobras e imaxinarias incluídas. Hoxe, para variar, deulle por describirme tesouras en man o ben que lle sentan a couraza, o elmo e os faldróns que vai vestir este finde cando se converta en lexionario, esta vez polas rúas e prazas da Bimilenaria.
Que de que me vou vestir eu, pregúntame mentres lle pago, e eu respóndolle que de romano do futuro; pois que aburrido, replica o belicoso barbeiro lexionario.

sábado, 11 de xuño de 2011

Maldicións

Maldito costume o de poñer nomes neutros e politicamente correctos aos centros de ensino. Revisando as listaxes dos traslados (si, non tiña mellor cousa que facer) descubrín que o antigo Piringalla de F.P. se chama agora Muralla Romana, como se fose un hotel ou un restaurante especializado en bodas.
Non debe ser alleo tampouco á redenominación o espirito prolatino que varre desde hai unha década esta cidade en que vivo, e que ten a súa eclosión petarda e kitch no Arde Lucus que, tempus fugit, novamente tomará as rúas de intramuros nunha semana a contar desde onte.
A cuestión está agora en se me exilio na Comarca como hai un ano ou se, facendo de tripas corazón, invito a Haddock a mergullarse na mai de todas as horteradas.

martes, 7 de xuño de 2011

M.

Teddy está triste: a súa amiga M. morreu porfín, e cando Sábado á mañá chamou para contarmo, aínda sen asimilar a noticia, os dous nos alegramos por ela. Que non ían ben as cousas xa se sabía hai meses, cando os médicos descubriron a metástase e o novo tumor, desta vez na cabeza. 
A doenza non foi clemente, e Teddy, que acudía con frecuencia ao hospital, ultimamente reducía as visitas para non ver aquela devastación. 
Que M. era unha muller excepcional máis alá do que Teddy me levaba descrito comprobeino cando a coñecín en Novembro e conversamos durante horas, como se nos coñecésemos de sempre, baixo a follateira dourada da súa viña e ao pé do lume en que, como contei aquí, ardían os talos de figueira.
Non a enterrarán en Vilanova. Coherente até o fin, laica e rebelde, conta Teddy que o furgón dunha universidade recollerá en poucas horas aquel corpo que foi campo de batalla, para que nada, enfín, resultase inútil.

xoves, 2 de xuño de 2011

Gripe

Levo cinco días encerrado no tobo.
O diagnóstico é gripe, ou algo parecido escribe con letra de insectos o médico noviño que me atendeu o Domingo; o día antes fora poñéndome malo á medida que pasaban as horas e ían asomando os síntomas, un após outro, coma as pragas de Exipto: tose, rouqueira, esbirros, lumbalxia...
O Domingo tras o almorzo vou a urxencias; o médico, ao mellor por coherencia con elas, empéñase en tomarme a tensión sen que tire a camisa e montamos un pequeno número na padiola mentres me axuda a soltarme daquela manga; saio da consulta cargado de receitas e desconcertado: por un lado, teño a tensión alta e cómpre que a controle; por outro, o médico asegura que nunha semana estarei perfectamente, pero só me dá tres días de baixa, que naturalmente acaban o Martes.
E sucede como coa camisa, que perdemos o tempo en lugar de gañalo: cando volvo pola alta, outro médico (tamén con nome de culebrón  pero cunhas horribles  uñas, todas roídas) prolóngame a baixa cinco días máis, de maneira que son eu quen acaba pedindo desculpas e dando explicacións telefónicas ao falar co xefe para anunciarlle que até a semana non me verán o pelo no instituto; sei que os silencios ao outro lado da liña protestan contra unha baixa sen substituto a estas alturas de curso, pero o xefe di cousas como que o importante é que me poña ben, e eu vólvolle dicir canto o lamento, principalmente polo bacharelato, e el dime outra vez que non me preocupe, e eu lamentaríame de novo pero colgamos e chamo a Cam para que me entregue no instituto o segundo parte de baixa, e vou á farmacia a comprar aínda máis medicamentos con sabor a laranxa, a anís e a menta, e un deses medidores electrónicos, porque a tensión segue alta e o médico das uñas roídas prohibiume as olivas e os embutidos, recomendoume moderar o consumo de sal, e mandoume que a mida dúas veces ao día para comprobar se definitivamente son hipertenso ou se é só un simple episodio.
Hoxe conservo algo de tose e a voz non é aínda o que debería, pero o peor segue a ser o isolamento, que hoxe romperei porfín para ir xantar á de miña mai. Acábanseme as lecturas e os víveres, principalmente os frescos, e mañá porfín virá a señorita Kaplan.

luns, 30 de maio de 2011

Españistán

Seguramente xa o viron. É o vídeo de moda que percorre a Rede de blog en blog, e que aparece na bandexa do correo un día si e outro tamén: Españistán, da Burbulla Inmobiliaria á Crise, de Aleix Saló. Debuxos animados, linguaxe directa, claridade expositiva e algo de colorín para explicar a orixe da crise que nos come a nenos de dez anos.
Ou o que é case o mesmo, aos que éramos hai menos de un lustro.

mércores, 25 de maio de 2011

70 anos e un día

Os que cumpre Bob Dylan, poeta, pintor e músico, alma libre onde as haxa. Andei buscando por aí algo menos obvio, pero acabei escollendo o Blowing in the wind nesta gravación simple e sen artificios, como era habitual na tele da época: aquí non atoparán colorantes, conservantes, edulcorantes ou antioxidantes, e maldita a falta que fan.
Escoitando esta voz, desde logo non hai tristeza que dure.


How many roads must a man walk downCantas estradas debe percorrer un home
Before you call him a man?Antes de que o chames home?
How many seas must a white dove sailCantos mares debe sucar unha pomba
Before she sleeps in the sand?Antes de durmir na area?
How many times must the cannonballs flyCantas veces deben voar as balas de cañón
Before they are forever banned?Antes de seren prohibidas para sempre?


The answer, my friend, is blowing in the windA resposta, meu amigo, está a asubiar no vento
The answer is blowing in the windA resposta está a asubiar no vento


How many years can a mountain existCantos anos pode existir una montaña
Before it is washed to the sea?Antes de ser varrida polo mar?
How many years can some people existCantos anos pode un pobo existir
Before they're allowed to be free?Antes de se lle permitir ser libre?
How many times can a man turn his headCantas veces pode un home xirar a cabeza
And pretend that he just doesn't see?E finxir que simplemente non ve?

The answer, my friend, is blowing in the windA resposta, meu amigo, está a asubiar no vento
The answer is blowing in the windA resposta está a asubiar no vento


How many times must a man look upCantas veces debe un home mirar enriba
Before he can see the sky?Antes de poder ver o ceo?
How many ears must one man haveCantas orellas debe ter un home
Before he can hear people cry?Antes de poder oír chorar a xente?
How many deaths will it take till he knowsCantas mortes lle cumprirán para saber
That too many people have died?Que morreu demasiada xente?


The answer, my friend, is blowing in the windA resposta, meu amigo, está a asubiar no vento
The answer is blowing in the wind A resposta está a asubiar no vento

sábado, 21 de maio de 2011

Xornada de reflexión


Levo días sen actualizar, pero non foi por terme instalado nas Cortiñas de San Román esquecendo o portátil no tobo, como agudamente insinúa a amiga de Esmelle.
A miña xornada de reflexión (posto que xa teño decidido que votarei mañá) consistiu basicamente en atopar pretextos para non poñerme a corrixir os exames de sintaxe que me fermentan aquí ao lado, sobre a mesa.
Non sei canto me vai durar o entusiasmo pero estou completamente enganchado á novela negra nórdica, e teño o vento a favor: na Biblioteca Pública dei cunha mina de títulos dos que extraio os crimes con que me durmo polas  noites, entre fiordos, ventiscas e auroras boreais.
Despois do iniciático Mankell e despois dos Larsson, Stieg e Asa (apesar do último libro, un pouco coxo, desta última), pola miña cama agora van pasando sucesivamente autores e detectives de nomes impronunciables: o noruegués Jo Nesbo co inspector  Harry Hole, o matrimonio sueco Sjowall/Wahlöö, pioneiros nos 60 e redescubertos agora, co inspector Martin Beck, e, neste día de reflexión, o islandés Arnaldur Indridason co seu inspector Erlendur Sveinsson, túzaro entre os túzaros, e acosado por un pasado turbulento. Con el movinme polo Reikiavik do presente e o Leipzig da guerra fría sen percorrer máis distancia que a que vai da butaca á miña cama.
Vendo o telediario, faime sorrir que os indignados mudasen o nome dun sector da Praza de Cataluña en que están concentrados polo máis simbólico de Praza de Islandia. As imaxes impresionan e conmoven, e un comprende que, máis alá da inxenuidade organizativa dos campamentos, que lembran unha comuna hippy ou un campamento de escolares en colonias, ninguén con dous dedos de frente pode dubidar de estarmos diante dunha cousa completamente nova, inaudita e fermosísima.
Próeme a curiosidade: quero saber como evoluirá o movemento, como seguirán adiante, sen líderes, sen nomes nin siglas, e, sobretodo, sen se contaminaren co que combaten.

mércores, 18 de maio de 2011

Quero ser coma el

Atopo por aí unha entrevista no diario Público a José Luís Sampedro, un dos que nos chaman a revoltarnos até lograrmos unha democracia efectiva. Como non admirar este home lúcido, honesto e rebelde que ergue a voz contra un sistema caduco e enfermo, e que entre outras cousas afirma denuncia:

Que fai Europa nestes momentos? Nada. Non estamos xa en mans dos financeiros senón nas de tres ou catro grandes empresas de valoración da confianza. Que fixeron os gobernos? Suprimiron os paraísos fiscais? Corrixiron a conduta dos bancos? Non! Os bancos que crearon a crise en 2008 hai tempo que se repuxeron tranquilamente e anuncian os seus beneficios mentres os parados seguen parados. Chámense como se chamen, todos os gobernos actúan obedecendo aos intereses do capital.

domingo, 15 de maio de 2011

Democracia real xa!


Se queres máis información, mira aquí; para o  Manifesto, aquí

sábado, 14 de maio de 2011

Post serodio

Vénceme a preguiza e o blog anda como anda: cando teño algo que contar fáltanme as ganas de contalo, e cando me obrigo a sentar para contar algo ou me falla a conexión ou os fontaneiros pechan o choio, desta vez por obras.
Así que, por unhas ou por outras, trece días despois nin puxen as fotos nin contei aínda que o primeiro de maio fun, como estaba previsto, á Comarca: 30 horas na compaña de Haddock repasando as vidas dos dous á procura de puntos de fuga, de remaches soltos, de bisagras e de non sei que cousas que nos permitan reinventarnos para comezar de novo.
Que a vida ía en serio, como dicía o outro, é evidente: tantos anos, parellas, destinos, casas, tantas vidas máis tarde, Haddock e eu corremos ao medio século sen ganas de asumir que en realidade estamos case onde comezamos.
Como hai vinte e tantos anos, cando nos fixemos amigos, seguimos sen parella estable, soñamos con escribir un libro que mereza a pena, queixámonos da limpeza da casa ou buscamos trucos para non pasar o ferro á roupa; a novidade é que agora Haddock campa polas salas de chat e o facebook cun entusiasmo adolescente que me fai torcer o bico.
No serán do Sábado xuntóusenos A., un dos homes máis calados que coñezo e o único maqueiro: da man del viñeron á conversa os iPods, o gaélico, Tolkien, os causantes da crise e, detrás, todas as filias e fobias que nos collían nos vasos. E entre cervexas e licor café, non houbo moza ou muller menor de 30 á que non tomásemos a medida mentres percorríamos freneticamente os antros aínda abertos, como se algún bucle espacio-temporal nos conducise inexplicablemente á compostelanidade.
E todo para descubrir que agora, corentóns e talvez un pouco correosos, nos volvéramos completamente invisibles para elas.
Voltamos para a casa moi moi tarde. Ou moi cedo, se ben se mira, pois aínda non pasaran as leiteiras. Cando amañecese chantarían os maios na Ferraría pero nós só resucitamos algo do coma ben pasado o mediodía, cando xa cantaran as coplas e aquilo estaba para se desfacer. Ao paso tirei as prometidas fotos de testemuño, moi malas, antes de irmos sentar nunha terraza ao soliño.

luns, 9 de maio de 2011

Musgo

O proceloso asunto do contrabando de musgo solucionouse metendo no allo a Herg, que xentilmente se ofreceu a traerme algún do que lle medra no muro da parcela; o substituto de Ciencias, que casualmente escoitou o complot criminal, debullou para nós unha interminable listaxe de plantas, réptiles, anfibios, insectos e outras cousas protexidas, máis ou menos repugnantes, sen que polo momento nos teña denunciado.
Así que, desde este fin de semana, o bonsai, que sobreviviu á mudanza e aínda se repón do trauma, luce xa unha vistosa alfombra de estraperlo e saúda timidamente a primavera con broches de folliñas verde claro.

luns, 2 de maio de 2011

Osama

Varios factores, como almorzar sen radio precisamente hoxe, ir no coche ao traballo escoitando un vello disco de tangos, casualmente non pasar pola sala de profesores nin pola biblioteca, onde están os xornais, e que tampouco hoxe  houbese conexión posible no instituto para lelos on line como fago habitualmente, convertéronme no último cidadán de Occidente en coñecer a noticia do día.
Se ben non creo que a morte deste fulano faga do mundo un lugar mellor, tampouco sentín por el peniña ningunha.