domingo, 27 de febreiro de 2005

Odalisca

Non é estraño receber a visita dunha vella amiga, tan só porque recoñece a un no retrato dun home do século XV? Provavelmente, pero non se se trata de Aurora.
Agora estará seguramente cerca do mar, extasiada á vista de calquer cousa, a imiscuir-se docemente na vida de alguén que coñeceu no tren, talvez pensando en utilizá-la como material para un dos seus guións. Ou talvez teña xa chegado á casa, e estea a repartir os regalos a Balto e as nenas.
Esta vez non houbo confusións nen xogos de corazón de nengun tipo.
Terminado onte o xantar, á espera de que o mozo recollese os pratos, ela saca un espelliño mínimo e repasa a maquillaxe.
Cantos anos hai que non nos vemos? Aurora fai memória pasando a vista polas traves do teito e responde dous ou tres; ainda vivia aqui a tua muller; ex muller, corrixo, e ela sorri con algunha malícia, e pronúncia palavras como sultán, concubina e esposa principal. E ti en que categoria te inclues, pregunto. Na das ex odaliscas, responde a rir, e saca un paquete de tabaco light; agora pasei-me a estes. Estragan menos.
Paseamos collidos do brazo, perseguindo o sol polas ruas do casco vello; falamos de vellos coñecidos, de amores vellos e de antigas traicións.
En canto o sol marcha voltamos para a casa, e o primeiro que facemos ao chegar é a sua cama no sofá do estúdio. Asi, despois non nos vai custar tanto, di ela.

Aurora e o frio

Conta miña mai que en Ithaca está a nevar, que a neve cobre os tellados, o adarve, as árvores dos paseos e as estátuas das prazas, e que é complicado andar porque nalgunhas zonas hai que facé-lo sobre xelo. En Atenas non se viu a neve, pero o frio é tremendo: cortante e inaudito, recebe-se na pel como unha bofetada feroz en canto se pisa a rua, atravesando luvas e bufanda.
E na casa tamén se nota, queixaba-se Aurora o Sábado á noite, tras renunciarmos a saír baixo a xeada, na sobremesa dunha cea hipercalórica e baixo non sei cantas capas de xerseis e camisetas das que se liberaba á medida que engulíamos.
Se o primeiro Inverno que vivin en Atenas, en que se desbordaron os rios, foi o máis chuvoso en anos a dicer dos atenienses, este, provavelmente o último, ha de ser o máis frio, observaba eu, e ela tiraba de si outra capa.
Aurora chegou o Sábado pola mañá a Atenas, en tren, porque non conduce; chega toucada cunha boina negra, como unha miliciana, e trae ao lombo unha mochila minúscula, case de xoguete, e baixo o brazo un enorme oso azul de penuxe: Toma, para a tua cativa, di, e lanza a cariñosa fera contra min para poder baixar do vagón, no que ainda queda un maletón desmesurado.
Mentres camiñamos polo andén e o vestíbulo, e a seguir no coche, camiño da miña casa, trata de explicar-se e explicar-me: vén de pasar duas semanas con Pat nun Madrid glacial en que visitou todas as exposicións visitáveis, asistiu a todos os eventos (Arco e incéndio incluídos) e estivo con todo o mundo.
Ao parecer, lembrou-se de min mentres visitaba a exposición de Memling no Thyssen porque un dos retratados é idéntico a min; e para demostrá-lo trae-me como regalo o catálogo da exposición, que me mostra máis tarde, tomando un vermut no Latino.

sábado, 26 de febreiro de 2005

Hixiene

Esperemos que non suceda o mesmo que no Referéndum. Porque agora tamén todos queremos a mesma cousa, pero o modo de conseguila é só un. Polo que máis queiramos, e mesmo por hixiene social e política, hai que botalos.
Pois a ver.

venres, 25 de febreiro de 2005

Visita

Dígolle nunha mensaxe a Ambece que non sairei esta tarde, que acatarei a orde de confinamento de Higgins e non sairei, pero iso a ela non a detén: "Vai pondo a cafeteira no lume, que aí vou". E efectivamente, aquí vén; non imediatamente, pero vén; chama ao porteiro automático, e en canto lle abro a porta do piso xa a sinto falar subindo as escaleiras.
Vai polo corredor soltando lastre (o abrigo, o bolso, un paraugas, unha bolsa de plástico) até o salón, onde sentamos, o café a facerse na cociña, e damos en falar dos temas básicos, troncais, da nosa conversa: novas queixas contra o seu ex cónxuxe, e o traslado.
Cada un emite a sua propia mensaxe, en paralelo.
Sentados os dous no sofá, durante varios minutos somos a imaxe perfecta da incomunicación civilizada, cada un coa cunca de café nunha man e a copa transparente na outra, e as palabras a saíren das nosas bocas, formando sobre as cabezas globos cada vez máis grandes de palabras, como nos cómics.
Á falta doutra cousa, o pésimo anfitrión serviu anís, como antano nos cafés das vilas.
Un estraño mono pensativo mira para nós dando as costas á botella.
Non sei por que, Ambece pregunta cando é o meu aniversario; dígollo e pregunto polo dela: dimo e pregunta que como é que non o sei: digo calquera desculpa e pregunta se non lembro xa aqueles pendentes fashion que lle regalei.
Cando estou a rentes de pór a Deus por testemuña de que eu nesta vida nunca regalei a Ambece uns pendentes, ela lembra o reloxio e di que marcha; mentres recolle lastre pola casa improvisa o coñecido argumento da maternidade de hoxe en día e as présas.
Na escaleira bérrolle en broma que non vaia perder un zapato, que fóra vai frío, pero non estou seguro de que me ouvise.
En canto marcha volvo para o salón e, sen recoller os servizos de café porque me vence a preguiza, sento a ler o libro de Chatwin para non pensar en alfaias de ningún tipo; por pouco tempo: soa o teléfono; este fin de semana terei compaña.
Máis que pensativo, agora o mono da botella está de mal humor.

xoves, 24 de febreiro de 2005

Recaídas

Por fortuna, e apesar do acatarramento de hai un par de días, a voz regresa lentamente á miña gorxa mercé ao meu estado de confinamento e incomunicación, e aos bons oficios da logopeda Higgins cos seus Mandamentos.
Desacouga algo (debo confesalo) padecer a mesma doenza, e polas mesmas datas, que o Sumo Pontífice.
Noutras proporcións, é evidente, a miña recaída do Luns vén coincidir coa recaída de onte da Súa Santidade.
Estou a falar de gripe e laringo-traqueíte, non do Parkinson que, polo momento, eu non.

mércores, 23 de febreiro de 2005

Evocación

Por vez primeira en muito tempo, hoxe sentin que a tarde se facia eterna, e agora lamento non ter saído a pasear apesar do frio inclemente e da ameaza de choiva que logo non foi a máis.
Despois de xantar, recollidos os cacharros para a cociña, puxen-me no estúdio a gravar unha casete (xa sei que, a estas alturas, é como facer lume con dous paus) con cancións infantis que me deixou unha compañeira mestra, Manolita; logo completei o que restaba da fita con máis cancións e contos dos vellos vinilos que trouxen da casa de meus pais, baixo palavra de devolución.
Cantos recordos o outro dia, ao buscá-los ali, cando comprovei case cun arreguizo que non estaban raiados, que o son distorsionado era devido ao pó acumulado neles; que sensación emocionante a de poder-lle pór á miña filla os mesmos discos que eu escoitaba cando era un neno: Pinocho, a leiteira, o frautista de Hamelin, a ratiña presumida, Polegariño e, mui especialmente, o galo Quirico.
Xunto a eles viñeron alguns dos meus outros singles favoritos, aqueles que escuitaba insistente, esmagadoramente, aos 14, 15, 16 anos, como prezadas relíquias que eran: Georges Jouvin, Nat King Cole, Jeannette, Billie Holliday, Carosone ou Sonny Bono.
Poño un, á mantenta: These boots are made for walking...
E desde esta fria tarde de Inverno dou en evocar unha tarde tórrida e remota de Domingo. Unha calquer, unha tarde como todas as tardes de todos os domingos de Verao desde que teño memória, igual de lánguida e insulsa.
Tu vuó fa l'americano...
Laura e eu, no piso de seus pais, que van na praia, pasamos as horas a foder, a fumar a maria que nos pasa o noivo de sua irmá, e a ouvir música nun tocadiscos anticuado, mesmo para aquela época: coa sua caixa de madeira vernisada, o prato de goma gastada, o dial indicando Rádio Montecarlo, os mandos e o picu en plástico branco, mui anos 50.
Os anos correron e case nada resta daquelas tardes que hoxe, só un segundo, me pesan.
Por todos os demos, quen se acorda xa de todo aquilo?!!

martes, 22 de febreiro de 2005

Kaplan


ciborg Kaplan.jpg
Coñece-te a ti mesmo.
Ao que se ve, son un androide. Agora comprendo algunhas cousas.

luns, 21 de febreiro de 2005

Procura

De regreso á volta das 11 da noite do Sábado paso á beira de dous mozambicanos.
Digo mozambicanos por costume non perdido: son pretos e falan portugués, aínda que se dirixen a min en castelán; respóndolles na súa lingua, e iso parece tranquilizalos; son moi novos; acaban de chegar, dedúzoo porque veñen subindo a encosta da estación do camiño de ferro.
O único que fala dos dous saúdame moi cortesmente: explícame que son homes, que teñen traballo e papeis, e que están a buscar o que os homes procuran.
Non exaxero se digo que fiquei perplexo, pero cando o meu cerebro organizaba as sinapses suficientes para alumar o misterio da condición humana, o garoto apresura a complicidade: Pois você sabe, pa; a gente procura é uma casa de mulheres para gozar 'ta noit'; o senhor é homem e o senhor compreende, pa.
Indícolles, pouco máis ou menos, o rumo do Bar Asturias, co seu farol vermello na porta.

domingo, 20 de febreiro de 2005

Histórias

En Atenas, de novo tras duas horas de autobus en que me nego por princípio a mirar o relóxio.
Veño remoendo tamén eu, mentres pasan a correr pola beira da estrada os soutos de carvallos e castiñeiros centenários, e concluo que foi un fin de semana fecundo.
Núncio de min mesmo, lavrei filigranas mil que servirán para meses próximos e construín castelos con naipes amigáveis: pacientemente xestionei, argumentei, fun convencendo; unicamente son primeiros fios dunha trama necesária para o volver empezar. E todo cunha enerxia que, certamente, non lembraba.
Se Vapin non saiu Venres foi por unha neura da que o Sábado, tomando algo ao serao na sua casa (é curioso como naquel salón cada un de nós senta sempre no mesmo sítio), aproximadamente se desculpou ou algo parecido, pero sentin-o cercano e cómplice, e até me falou de que H. e J. (dous seareiros do akelarre covil) terán para alugar dentro duns meses un apartamento que me pode servir.
Logo aceitou vir comigo até a Cova, pero coa condición de que marcharia tras a primeira cervexa (algo que tamén lle prometin eu, canso como estaba despois de ter-me deitado ás 4 da madrugada), e reiterou a sua história de excesos desta pasada semana.
Na Cova: Ti, Constanza (máis bipolar que nunca, máis arrebolada que nunca) e Estridente.
Na Cova sempre hai un alvoroto, unha confusión extraordinários: é un lugar estreito no que a xente non deixa de ir dun lado a outro; os que entran buscando sítio ou coñecidos, os que saen, os que paran na barra para pagar ou pedir consumición, os que cámbian un momento de mesa para saudaren os doutra mesa...
Creo que é o bar máis ruidoso e de persoal máis móbil que coñezo.
En meio desta confusión, sentados nos tallos ocupando o lugar de paso, Constanza pede-me que conte outra história como a da noite (en realidade madrugada) anterior; digo-lle que para a semana próxima terei unha, pero que hoxe non é momento; concorda pero di que estivo todo o dia a dar-lle voltas á situación de L.B, alá en Lisboa: ela e o pianista bolseiro, o condón esquecido dentro, a ducha á mañá seguinte...
Non se trataba de nengunha soirée chez Byron, pero ao fio de que Constanza asistia a unhas xornadas sobre sexualidade e pedagoxia, demos en contar cada un unha história sobre infidelidades; esta contei-na eu, cando xa todos caían de sono, e até o dono do bar cesou mesmo de pór en práctica vellos trucos de rapaces para tocarlles as tetas a Constanza e Estridente sen elas protestaren.
A história que eu contei non é nada especial, e xa foi contada mil veces, pero fixo o seu efecto: Constanza abandonou a fase maníaca e pasou á depresiva, como sempre, en milésimas de segundo; Estridente puso ollos como bólas e logo riu, e coa sua risada case explosiva, como sempre, volveu á outra á fase maníaca e arrebolada.
Isto antes de nos irmos para a casa na madrugada do Sábado; o Sábado pola noite Constanza, bipolar, pedia-me unha nova história, e preguntaba-me por que pensaba que era parva.
Como é natural, dei-lle a miña palabra de que non era asi.

venres, 18 de febreiro de 2005

Ecos

En Ithaca, tras duas horas de autobus.
A miña mai pasa revista aos acontecementos dos ultimos 15 dias, programas de televisión e mortos incluídos, mentres comemos dun prato de filloas brancas que ela fixo. Como é habitual, unha vez comprova que estou ben, que a miña voz mellorou, que non virei máis fraco, esforza-se un pouco por demostrar interese polo que lle conto, pero non é quen de seguir-me.
Niso a miña mai parece-se un pouco á miña filla.


Intercámbio de mensas con Vapin.
Pregunto-lle se irá ao serao á Cova; responde-me case ao momento que o sente, que non volve saír até a semana próxima, que esta semana se pasou muito, e que non contaba con que eu fose vir hoxe.
Estou tan sorprendido que non sei que dicer.

xoves, 17 de febreiro de 2005

Dúvidas e tesouros

Quen ten un amigo ten un tesouro, por certo, ainda que chegue con retraso.
Cando, despois de semanas de dúvidas agónicas e esquizofrénia partidária,teño porfin decidido que votarei no referéndum do Domingo, chega unha mensa de Vapin na sua língua materna, que non traduzo por non alterar a rima:"¡El 20 de Febrero, NO a Zapatero! Pásalo".
Por se non estivese seguro, Vapin resolveu canto en min houber de incerteza; incluso o que se plebiscita. E eu que pensaba que era un proxecto de Constitución para esta vella e bronca Europa...
Detesto cando Vapin se pon joseantoniano, pero hai que valorar tamén en canto vale a pulcritude de non invadir a xornada de reflexión; a xente de orde non anda abouxando nen ladrando o seu rancor polas esquinas, como fixemos outros.
O tempora, o mores!

A mensa aclaratória chegou mentres estaba a ver un pequeno tesouro; como pagamento ao lote de DVDs que lle deixei para piratear, P., o home de Ilu, manda-me cópia da película de películas de Madronita Andreu, que habia tempo eu procuraba.
Confeso que fiquei absorto, encantado diante das imaxes, como quen axexa por unha porta entreaberta ou espia os viciños através dunha xanela indiscreta, con mortos pero sen crimes.
Sen dúvida, sigo a ser un voyeur.

martes, 15 de febreiro de 2005

The rain in Spain...

A sesión de logopedia de hoxe debeu nunha tertulia de café, pero sen café.
Primeiro improvisamos unha versión ao revés de My fair lady, en que obviamente eu facía de Eliza Doolittle: a logopeda Higgins, tras obrigarme a xemer, miar, carpir, alasar e entoar maa, mee, mii, caaasa, caaama, etc. diante dunha vela acesa, e cando xa eu esperaba que me enchese a boca de pedriñas, pediume que enumerase unha por unha as vilas da provincia que máis me gustaban.
Como lembraba poucas, confesei que aínda que estiven destinado en varias vilas preferia vivir na cidade, e que ese foi un dos motivos do meu divorcio.
Aí ela dixo que se notaba muito que eu era un urbanícola, riu un pouco tontamente, e foi o pretexto para falarmos de nós mesmos, dos nosos estados civís, dos nosos divorcios, das nosas biografías máis recentes.
Saín do despacho lembrando o tempo das pasantías, cando conseguía perder a clase sacando unha conversación afortunada, e, ao ver a mañá espléndida, dei por suposto que apesar do que dixeron os homes do tempo, estes días en España só vai chover na meseta.

luns, 14 de febreiro de 2005

Estrañeza

Marchou o fin de semana, e con el a miña filla. Pouco más de 24 horas, que empezaron co pouso triste da miña estrañeza que ainda dura, como un temor.
Receo ás veces que o regreso a Ithaca non sexa unha solución e só complique máis as cousas. Temo o temor infantil da nena sobre a casa e as cousas, sinto pena do tempo que pasa, o tempo perdido, e é como se as paredes, perplexas, me interrogasen polas carreiras dos pequenos pés dun cuarto a outro. Digo-me que esta será talvez a última que veña a nena aqui, a esta casa nunha Atenas que non lembra xa, ou da que inventa lembranzas como un antídoto para a pena de seu pai.
Marchou e o seu cuarto volveu quedar vacio, silencioso, cos bonecos desmaiados sobre a cama e un puzzle sen terminar sobre a pequena mesa.
A casa, incrédula, esmorece sen respostas.
Entra a luz desaproveitada polos balcóns, e os xacintos que onte mirábamos, case floridos, esparexen o seu recendo agudo nos cuartos.

venres, 11 de febreiro de 2005

Indecisión

Seguro que como muitos, pero desde hai semanas debato-me nunha indecisión estomagante, inaudita, sobre que hei de votar no referéndum do dia 20.
Tampouco estou mui convencido perante os acontecementos de mañá: que veña a miña filla é magnífico; que a traia a sua mai, razoável; que vaiamos pasar boa parte da tarde os tres xuntos, cada vez máis mala idea.
Un runrun roe-me interiormente desde onte, que non acougan nen o desexo de estar coa nena nen os lavores domésticos.
(Robinson acondiciona a sua illa).
Non é unha premonición de desastre, tan só a evidéncia dun deserto terrivelmente ermo entre os dous que pretendemos ao parecer ignorar.
Talvez as feridas non cerraron abondo, e esta estupidez de mañá de levarmos xuntos a nena a unha exposición me suporá un mal dia.
Quizá non sexa outra cousa que a tristeza do lume extinto, das borrallas nun lar agora vacio, e máis nada.
Iso que en diante se pode chamar normalidade.

xoves, 10 de febreiro de 2005

Reaxustes

Mudanza de planos para este fin de semana.
A miña ex trabucou, sen dúvida involuntariamente, todo canto lle dixen en matéria de calendário, e este meiodia mensaxea-me unha confirmación inesperada: virán a Atenas este Sábado, non o seguinte, de maneira que a segunda etapa do Camiño até Triacastela fica en suspenso.
Chamo a Nican para presentar a demisión, e a meia tarde chega unha mensa de Vapin a suxerir-me trasladarmos a camiñada para o Sábado 19; chamo-o imediatemente: conta-me que fixeron concílio de peregrinos, e que a peregrinaxe fora suspendida sine die. Que como ían facer a etapa sen ir eu con eles. Que xa recuperaremos o retraso na Semana Santa.
Enternecido e cheo de gratitude, digo-lle que xa lle-lo compensarei.

mércores, 9 de febreiro de 2005

Madelman

Desde hai dias alguén máis vive aqui.
É certo que muita compaña non fai, sempre ao pé do televisor, silencioso e en garda, nun mutismo perfeito.
Algunha vez paso-lle a man polo traxe branco, sentindo a textura, as cordaxes, os lastros; axusto a escafandra e, se miro polo ollo de boi, descubro os ollos brillantes e alerta tras o cristal.

Unha vez, hai tantos anos que me asusta, un rapaz quixo pedir aos Reis Magos un madelman, pero cando o contou na casa, seus pais dixeron-lle que era una cousa de maricas: ao mellor tamén queres unha Nancy, como tua irmá, concluíron.
O tempo, que sempre pon a cada un no seu sítio, acabou poñendo sobre a mesa, xunto ao ordenador, o meu madelman buzo.
Con el vixiante, nen o kraken, nen os outros perigos das profundidades poderán nunca comigo.

luns, 7 de febreiro de 2005

Camiño

Por fin.
Sábado comezamos o Camiño de Santiago. Xa sei que non é nengunha fazaña un tramo de pouco máis de dez kilómetros, por muita neve que atopásemos, pero tamén é certo que a nosa non era a Comunidade do AnelO Cebreiro, Liñares, o alto de San Roque, Hospital da Condesa (que haberá dentro da cápsula de memória dunha cámara dixital que atopou Vapin no campanário?), Padornelo e, por último, o alto do Poio, ao que demos chegados con algunha penalidade, a meio da nevarada que se nos botou encima.
Despois de relear kilómetros, na Cova, a véspera, acordamos facer a metade do previsto .
Por iso saímos tarde de Ithaca (10'30 é tarde, certamente); no coche de Nican seguimos pola autovia á sua irmá, e meia hora despois da partida comezamos a ver manchas brancas nas montañas. Manchas cada vez máis estensas, até que ao pór o pé na terra do Cebreiro sentimos o renxer do xeo baixo as botas .
Hai feira: mentres as irmás deixar un dos coches no final da etapa, Vapin, Mer e eu vagamos entre os postos de roupa e de froita, de pan e de ferramentas.
Desistimos de entrar onde o gado.
Entramos nun bar: almorzamos café e roscón, e lemos El Progreso. Mer conta cousas de hipotecas e mudanzas, e anúncia que pronto deixará o apartamento; igual me interesa, digo eu, e dou en contar a bonita história do meu regreso a Ithaca, o traslado, unha casa para a miña filla, etc. Mer alegra-se, pero Vapin, que o sabe desde o serao anterior, non parece desde logo entusiasmado.
Recoñezo que estudo as reaccións dos meus amigos; meus pais ainda non sospeitan nada destes cálculos e previsións, talvez mui prematuros, e asi espero evitar presións; pero cos meus amigos é diferente: comprendo que haxa intereses creados, e sigo a ser mui curioso.
Sen ser capcioso, recoñezo que ás veces nace en min o entomólogo que levo dentro.
Tamén que non por esperadas deixan de sorprender-me algunhas cousas: Duas veces preguntado Vapin que lle parece que me instale en Ithaca o próximo outono, e as duas apañou-se para non responder.
Nican, cando Fesore e Xa llo comentan, ri-se con desgana e pon cara de xa-está-este-a-facer-das-suas, como se eu gardase os livros na neveira ou tivese unha boa constrictor na bañeira.

O xantar foi provavelmente o mellor do fin de semana, tanto pola comida como pola conversación. No Cebreiro, na hospederia: viño con gasosa para acompañar os ovos con chourizo e xamón, e patacas fritas; logo cafetiño de pucheiro e tarta de queixo con castañas.

Neva pola tarde, camiño de Ithaca, e a invernia acaba de decidir-me: non sairei nen hoxe nen mañá, ficarei na casa dos pais co Padre Brown, a ler o xornal, a facer crucigramas atrasados, a ver algunha cousa na tele.

Autobus


De Atenas a Ithaca: primeiro en táxi, logo en autobus, case como quen se asoma á eternidade; asi estou desacostumado a mover-me sen o meu coche, que hoxe e no sucesivo hiberna no profundo do garaxe.

xoves, 3 de febreiro de 2005

Diglósia

Empecei xa as miñas sesións de logopédia, e con elas a miña decepción: detesto ir.
Máis que polo que se trata nelas (de momento case todo está vedado e para sempre) pola própia señora logopeda.
A sesión de onte consistiu nunha feroz versión dos dez mandamentos que a logopeda me foi escrevendo á medida que deseñaba unha gris visión do meu futuro, a saber:
Empregarás un ton moderado ao falar.
Non fumarás nen estarás exposto a fumes.
Non falarás en sítios ruidosos.
Non competirás coa conversación.
Non berrarás.
Non cantarás.
Tratarás de evitar a tose e a carraspeira.
Evitarás levantar pesos cando falares.
Non atenuarás a voz falando baixo.
Non consumirás bebidas frias nen demasiado quentes.
Utilizarás as cavidades de resonáncia.
Beberás líquidos abundantes.
Tomarás infusións de tomentelo e rosmariño.
Evitarás no ambiente a presenza de xiz, pó, lixívia, amoniaco, verniz, sulfato...
Evitarás as contracturas musculares.
E, finalmente, respirarás correctamente con predomínio da inspiración nasal e diafragmática.

Todos estes mandamentos encerran-se en dous, que son: deixarás de facer algunhas das cousas que sempre che gustou facer, e agora vai resultar que a miña mai tiña razón cando me berraba por tomar café con xelo.

Pero o que máis me fixo deprimir foi o tema da diglósia. Despois de desculpar-se várias veces, esta muller que fala un galego impecável en todos os aspectos, escreve exclusivamente en castelán por non cometer faltas de ortografia!!!

martes, 1 de febreiro de 2005

Mariconadas

Acabo de regresar do otorrino: di que está preocupado polas miñas cordas vocais, renóvame a baixa e envíame sen vagar a un logopeda ("Vostede ten que aprender como falar sen forzar a voz, e deixarse de mariconadas").
Na casa, desde o Parlamento e através da radio, a voz do lehendakari; fóra, os operarios de R esfórzanse en converter a miña nunha rúa de Bagdad, pero sen mortos nin explosións, aínda que pouco falta para iso.

Ambece non está na casa. Pouco a pouco voume convertendo no seu chófer; onte, levándoa novamente á Citroen, cóntame que o seu ex lles presentou a súa nova noiva aos nenos este Domingo, e que se enfadou porque eles non lle quixeron dar un bico.
Que opino? Pois que algúns de nós algunhas veces só pensan coa punta do c..., digo para que se calme.
Aínda así, Ambece chamoulle de todo mentres duraba o traxecto.

Se un milagre non o remedia, pronto ela vai ter que ser a miña choferesa: o carteiro (que sempre chama máis de dúas veces) tróuxome esta mañá unha nova carta de tráfico. Aquí ten outra multa, dime cando lle abro a porta recén levantado e cos pelos alvorotados, e penso se tanta familiaridade será adecuada.
Unha vez aberta a carta resulta ser, non unha nova multa, senón a secuela da única, a de Setembro, notificándome a retirada do permiso de circulación por un mes.
Como farei para cumprir coas visitas quincenais á miña filla? Como a recollerei en Manderley para levala a Ithaca, e á inversa, e logo regresar eu para Atenas?
Sinceramente, non o sei.
Sen embargo, non me sinto en absoluto vencido.
Se eu fose cristián, entendería que Deus me está probando, e supoño que sería un consolo para min.
Como non o son, e non creo que haxa ningunha conspiración contra min, debo supoñer que sairei adiante.
Como di o meu otorrino, debo tirar para adiante e deixarme de mariconadas.