domingo, 27 de febreiro de 2005

Aurora e o frio

Conta miña mai que en Ithaca está a nevar, que a neve cobre os tellados, o adarve, as árvores dos paseos e as estátuas das prazas, e que é complicado andar porque nalgunhas zonas hai que facé-lo sobre xelo. En Atenas non se viu a neve, pero o frio é tremendo: cortante e inaudito, recebe-se na pel como unha bofetada feroz en canto se pisa a rua, atravesando luvas e bufanda.
E na casa tamén se nota, queixaba-se Aurora o Sábado á noite, tras renunciarmos a saír baixo a xeada, na sobremesa dunha cea hipercalórica e baixo non sei cantas capas de xerseis e camisetas das que se liberaba á medida que engulíamos.
Se o primeiro Inverno que vivin en Atenas, en que se desbordaron os rios, foi o máis chuvoso en anos a dicer dos atenienses, este, provavelmente o último, ha de ser o máis frio, observaba eu, e ela tiraba de si outra capa.
Aurora chegou o Sábado pola mañá a Atenas, en tren, porque non conduce; chega toucada cunha boina negra, como unha miliciana, e trae ao lombo unha mochila minúscula, case de xoguete, e baixo o brazo un enorme oso azul de penuxe: Toma, para a tua cativa, di, e lanza a cariñosa fera contra min para poder baixar do vagón, no que ainda queda un maletón desmesurado.
Mentres camiñamos polo andén e o vestíbulo, e a seguir no coche, camiño da miña casa, trata de explicar-se e explicar-me: vén de pasar duas semanas con Pat nun Madrid glacial en que visitou todas as exposicións visitáveis, asistiu a todos os eventos (Arco e incéndio incluídos) e estivo con todo o mundo.
Ao parecer, lembrou-se de min mentres visitaba a exposición de Memling no Thyssen porque un dos retratados é idéntico a min; e para demostrá-lo trae-me como regalo o catálogo da exposición, que me mostra máis tarde, tomando un vermut no Latino.

1 comentario:

Cesare dixo...

Vaia... irei á expo esa a ver se o saco polo retrato...