mércores, 23 de febreiro de 2005

Evocación

Por vez primeira en muito tempo, hoxe sentin que a tarde se facia eterna, e agora lamento non ter saído a pasear apesar do frio inclemente e da ameaza de choiva que logo non foi a máis.
Despois de xantar, recollidos os cacharros para a cociña, puxen-me no estúdio a gravar unha casete (xa sei que, a estas alturas, é como facer lume con dous paus) con cancións infantis que me deixou unha compañeira mestra, Manolita; logo completei o que restaba da fita con máis cancións e contos dos vellos vinilos que trouxen da casa de meus pais, baixo palavra de devolución.
Cantos recordos o outro dia, ao buscá-los ali, cando comprovei case cun arreguizo que non estaban raiados, que o son distorsionado era devido ao pó acumulado neles; que sensación emocionante a de poder-lle pór á miña filla os mesmos discos que eu escoitaba cando era un neno: Pinocho, a leiteira, o frautista de Hamelin, a ratiña presumida, Polegariño e, mui especialmente, o galo Quirico.
Xunto a eles viñeron alguns dos meus outros singles favoritos, aqueles que escuitaba insistente, esmagadoramente, aos 14, 15, 16 anos, como prezadas relíquias que eran: Georges Jouvin, Nat King Cole, Jeannette, Billie Holliday, Carosone ou Sonny Bono.
Poño un, á mantenta: These boots are made for walking...
E desde esta fria tarde de Inverno dou en evocar unha tarde tórrida e remota de Domingo. Unha calquer, unha tarde como todas as tardes de todos os domingos de Verao desde que teño memória, igual de lánguida e insulsa.
Tu vuó fa l'americano...
Laura e eu, no piso de seus pais, que van na praia, pasamos as horas a foder, a fumar a maria que nos pasa o noivo de sua irmá, e a ouvir música nun tocadiscos anticuado, mesmo para aquela época: coa sua caixa de madeira vernisada, o prato de goma gastada, o dial indicando Rádio Montecarlo, os mandos e o picu en plástico branco, mui anos 50.
Os anos correron e case nada resta daquelas tardes que hoxe, só un segundo, me pesan.
Por todos os demos, quen se acorda xa de todo aquilo?!!

1 comentario:

zeltia dixo...

Tremenda esta evocación, calcadiña, (salvo polo de foder con laura) a algunhas miñas.

As tardes de domingo teñen ese pouso melancólico. Lembrome agora daquela canción Gloomy sunday, ou algo así... un blues para domingo á tarde... e chovendo a ser posible.