venres, 25 de febreiro de 2005

Visita

Dígolle nunha mensaxe a Ambece que non sairei esta tarde, que acatarei a orde de confinamento de Higgins e non sairei, pero iso a ela non a detén: "Vai pondo a cafeteira no lume, que aí vou". E efectivamente, aquí vén; non imediatamente, pero vén; chama ao porteiro automático, e en canto lle abro a porta do piso xa a sinto falar subindo as escaleiras.
Vai polo corredor soltando lastre (o abrigo, o bolso, un paraugas, unha bolsa de plástico) até o salón, onde sentamos, o café a facerse na cociña, e damos en falar dos temas básicos, troncais, da nosa conversa: novas queixas contra o seu ex cónxuxe, e o traslado.
Cada un emite a sua propia mensaxe, en paralelo.
Sentados os dous no sofá, durante varios minutos somos a imaxe perfecta da incomunicación civilizada, cada un coa cunca de café nunha man e a copa transparente na outra, e as palabras a saíren das nosas bocas, formando sobre as cabezas globos cada vez máis grandes de palabras, como nos cómics.
Á falta doutra cousa, o pésimo anfitrión serviu anís, como antano nos cafés das vilas.
Un estraño mono pensativo mira para nós dando as costas á botella.
Non sei por que, Ambece pregunta cando é o meu aniversario; dígollo e pregunto polo dela: dimo e pregunta que como é que non o sei: digo calquera desculpa e pregunta se non lembro xa aqueles pendentes fashion que lle regalei.
Cando estou a rentes de pór a Deus por testemuña de que eu nesta vida nunca regalei a Ambece uns pendentes, ela lembra o reloxio e di que marcha; mentres recolle lastre pola casa improvisa o coñecido argumento da maternidade de hoxe en día e as présas.
Na escaleira bérrolle en broma que non vaia perder un zapato, que fóra vai frío, pero non estou seguro de que me ouvise.
En canto marcha volvo para o salón e, sen recoller os servizos de café porque me vence a preguiza, sento a ler o libro de Chatwin para non pensar en alfaias de ningún tipo; por pouco tempo: soa o teléfono; este fin de semana terei compaña.
Máis que pensativo, agora o mono da botella está de mal humor.

6 comentarios:

homedegris dixo...

anís?

Kaplan dixo...

Meu deus, que vergoña! É que non tiña outra cousa que ofrecer...

homedegris dixo...

porto & marihuana. e cando mires ó mono seguro que está tocando cos 100 pippers montado nun cutty shark.

Cesare dixo...

Mire unha pregunta... Ambece e os demais saben da súa existencia?

Kaplan dixo...

Da existéncia desta blo non saben, está claro; da miña como persoa humana, ás veces tamén eu o duvido.

Moraima dixo...

Canto tardarán en saber?
Non temes a súa reacción cando te/se atopen aquí?