martes, 3 de maio de 2005

Cereixas

Ía camiño da casa cando, tras determe diante do cristal dunha tenda do centro, me abordaron dous pallasos: un augusto e o outro, como tirado dos debuxos pero máis trapalleiro, que é o que me ofreceu un folleto de festas e aniversarios infantís; antes de que o rexeite como sempre fago (porque é contaminante, porque é antisolidario, porque é absurdo, porque é), o pallaso Simpson di Anda profe, cólleme un...
Sorpresa: cando aparta o nariz colorado descubro a unha aluna miña de hai anos que me conta a súa actual vida circense mentres me enche os petos de octavillas.
Olalla, xuraría que se chama. Ou talvez Tania. Ou...
Dúas horas antes, na sala de profesores, alguén contou que un alumno noso doutrora, de cuyo nombre no quiero acordarme, está a cumprir condena por violación e roubo.
Unha hora despois, na froitaría de costume, Verónica, outra vella aluna traballadora en precario, metíame na bolsa, cando fun pagar, dous fermosos nésperos e unha presada de cereixas. Para que as probes, profe...
Remoendo, subín as escaleiras da casa sentíndome un pouco máis vello que cando as baixei pola mañá: así, pois, este é o mundo real, e eu ás voltas con sinestesias, oxímorons e pleonasmos.

5 comentarios:

Anonymous dixo...

Non se enfade e dígame: As cereixas do título, son tamén unha metáfora?

Kaplan dixo...

vostede que cre?

Peke dixo...

Pois xa verás cando coincidas un bo día no claustro inicial cunha profesora nova que foi alumna túa. De súpeto cáenche enriba todos os anos do mundo.

Kaplan dixo...

ufffff; será terrível :-/

Moraima dixo...

E pensarás que es coma un dinosauro desecado curso tras curso mentres o mundo, aí fóra, segue a xirar.