luns, 9 de maio de 2005

Pasolini

Trinta anos despois da sua morte na praia de Ostia, o chapeiro Pelosi rectifica e declara por televisión o que todos sabian. Aquela morte non foi un atraco nen unha vinganza persoal: poucas persoas deron concitado arredor de si máis ódios, máis repulsión, máis temores. Tampouco houbo muitas que, coma el, procurasen unha arte de denúncia, mesmo a custo da beleza, gañando co seu lavor a inimizade do sistema.
O seu cine envelleceu mal, certamente; hoxe eu gardo algunhas das suas películas, con devoción de quen garda unha relíquia, e o recordo dunha tarde na cinemateca de Lisboa: asisto con Mercedes á proxección de Salò, e a chúvia mal nos deixa chegar, a correr sen paraugas desde o metro, á billeteira. Mentres esperamos que apaguen as luces, na sala case baleira, conto aquela história infame da sua morte.
No 25º aniversário do crime, tan só a TVG, e a horas proibitivas, proxectou as tres películas da Triloxia da vida.
Para o resto, Pasolini, simplemente nunca existiu.

2 comentarios:

N dixo...

E como te quedou o estómago despois de ver Saló? eu perdín a líbido para un mes...

;-)

Kaplan dixo...

foi repugnante, certo que si; pero merceditas e eu logramos chegar a un ponto de equilíbrio; claro está, ela saiu a meia película. conseguin a peli en DVD; non sei se debo ofercer-lla. vde dirá.