sábado, 5 de agosto de 2006

Delfos

De regreso de levar a nena de volta a Manderley, fago escala en Delfos para xantar con Aurora; deixo o coche no aparcadoiro de costume e vou polas ruas de peregrinos e turistas maldicendo da calor que me ensopa a camisa.
Aurora espera por min na terraza de arriba, xunto á Parra, e leva posto un vestido branco de algodón e ese entusiasmo que contáxia; tan delgada e co pelo recollido atrás parece a mesma que hai anos esperava por min naquela mesma praza, no poial baixo a placa do Batallón Literário. Non o digo porque é ela quen o di, irónica, cando se ergue ao ver-me entrar: Non te equivoques, que nosotros los de entonces ya no somos los mismos.
Indo para a Rua de San Pedro mantemos a ficción amável, pero é evidente que a felicidade xa non está para nós nesta cidade-decorado: nas cañas do Suso e o Sixto, nos bocatas do Coruña, no viño do Juventud ou no licorca do vello Fucolois, naquelas noitadas de tumbadioses pola zona nova e sesións de espiritismo na casa de Tere Holmes.
Ao pasarmos pola Porta do Camiño, Aurora sinala a que foi a sua xanela; desde a rua pode ouvir-se regatón onde antes voavan cien gaviotas. E antes ainda deus sabe que, querida Aurora, digo-lle, xa sentados, mentres esperamos pola comida. Lonxe da vista o escenário onde moceamos, a conversación deixa a saudade e vai para temas reais: falamos dos fillos e pais respectivos, da sua boda (dá-me nun sobre várias fotos da cerimónia, en duas delas saímos Alícia, Mortadelo e eu mui elegantes), de hipotecas e pisos recén comprados, do traballo. Pasamos revista aos coñecidos mentres unha prata de pementos de Padrón sobe a temperatura daquela mesa, botando por terra o dito: case todos pican, furiosamente ademais, e temos que pedir outra cesta de pan para apagarmos o incéndio.
Nestas estamos cando me tocan no ombro: Tadsio ten o detalle de vir-me saudar e dicer-me que me atopa máis delgado e que está cuns colegas en tránsito para Catoira, cuxa festa vikinga pon polas nuves.
Nen unha palavra sobre Polis. O corazón ten motivos que a razón non entende, di Aurora cando llo conto.
Pero en realidade onde están os tais motivos, no corazón ou na pirola?
Anda, vamos a pola tortilla...

3 comentarios:

Arin dixo...

Cando eu vou a Santiago: o primeiro día penso que non estou en ningún lugar como en Santiago; o segundo día xa me parece que hai moitos outros sitios tan estupendos coma Santiago; o terceiro día xa me pregunto que estou facendo en Santiago; e o cuarto día xa os demos me levan se é que aínda estou... en fin, que o entendo, Kaplan, claro que si.

X dixo...

Síntoo estimado Kaplan, pero eu aínda ando de vacacións polo medio do fume que non deixa respirar e nubla a vista e a alma. Aínda así gustaríame que non se sentise só ;-)

X dixo...

Gustoume o post, os links están moi traballadiños :D