mércores, 2 de agosto de 2006

Agosto

Non, non me fun de vacacións, ainda que o puidese parecer, nen o negócio está fechado por Agosto, ese deserto...
Ocorre que a actividade baixou en picado e a desídia aumentou alarmantemente, de maneira que os dias deron en suceder, todos case iguais, luminosamente opacos, inzados de cousas domésticas sen nengun brillo: ergo-me cando a miña filla toca diana para afrontar a guerra diária do almorzo entre parapetos e trincheiras de torradas e colacao; logo trato de manter-me en forma: practico o ironing con saias e blusas diminutas, a caza da nena que non quere vestir-se, a maratona para darmos saído a unha hora aceitável, o levantamento de pesas cando a levo no colo para a cama.
Xantamos case todos os dias na dos meus pais, e pasamos polas tardes tanto tempo nos parques infantis que empezo a considerar algun deles unha prolongación da nosa própia casa. Ali sentado, á sombra dos pradairos, leo e recibo as visitas: conta-me Vapin como van as cousas familiares, como se disolve unha sociedade de gananciais e como se solicita unha pensión de viuvez; coa miña irmá escollo os azulexos dos baños, a cenefa da cociña, o prato da ducha; mentres vixio os movimentos da miña filla, Ti fai o própio coa imobilidade do seu pai na cadeira de rodas ao tempo que me mantén informado das idas e vindas e as histórias do akelarre.

5 comentarios:

i.a. dixo...

soa aprazível e cansativo a um tempo; anda você ligeiramente malencónico mr. kaplan?

X dixo...

Kaplan volve habitar o mundo da felicidade coa súa cativa... pero o de Paul, vostede tamén?

Laurindinha dixo...

Os parques infantís resultan ou moi alegres ou moi melancólicos, verdade?

Laurindinha dixo...

Te razón en que son un filón de historias... estou desexando ter fillos para poder pasar a tarde nun deles...

zeltia dixo...

va que non parece que pasara tanto tempo?