martes, 15 de agosto de 2006

Segunda fase

Tras a marcha de Vladimir, a noite continuou ainda tres horas encerrada nunha taverna perto da Catedral.
Ronda tras ronda, á volta da mesa engraxada desenvolvemos unha terrível idea de Vapin, o ausente, e, por estraño que pareza, rimos todos unánime, alvorotada, sinceramente dunha mesma cousa.
Non houvo subtemas, conversas paralelas, susurros á marxe, non houvo meandros nen recantos, non houvo histórias subordinadas, coordinadas nen xustapostas á principal.
Houvo, simplemente, risos de todos a corear a idea de Vapin de que dentro de muitos, muitos anos, cando todos sexamos velliños, venderemos as nosas casas respectivas e compraremos unha espécie de hoteliño nas aforas para vivermos todos xuntos. Se a idea base era de Vapin, o resto foi creación nosa: desde o cadeliño-robot de Ti aos mordomos cibernéticos, desde o home-cinema de última xeración no meu cuarto-torreón ao spa ultramoderno de Estridente, desde as excursións alcólicas a aquela mesma taverna (doce ou quince traspasos após) ás visitas dos nenos (a miña filla, o fillo de Lura, o sobriño de Vapin).
Parte da diversión nasceu precisamente de conseguirmos resumir en dous ou tres riscos a personalidade e os hábitos de cada un dos habitantes daquel enterprise xeriátrico: Tere Holmes pedindo ao mordomo humanoide o costumado gintonic de lários, Vapin a agachar aos outros as dentaduras, Constance tratando de nos concienciar dos direitos das minorias vulcanianas e saturnianas, Ti obstinada en que o cadeliño cibernético comese liscos de xamón...
Cando a noite porfin escapou da taverna por un camiño de baldosas amarelas, resultou que nos divertíramos tanto que até pensei que a suposta caréncia de cerebro, valor e corazón era, como no conto, produto exclusivo da miña estupidez.

3 comentarios:

X dixo...

Debeu de ser ben divertida esa segunda fase da noite :)

Morgana dixo...

Y de ud., mr. Kaplan, ¿qué rasgo se destacó?

X dixo...

Ande con tino Sr. Kaplan, o do seu cuarto-torreón pode derivar sen moitos esforzos en algo patolóxico :-)