martes, 21 de novembro de 2006

Cabodano

Cumpre-se estes dias o cabodano da mai de Polis, e acudo ao funeral no dia máis desolado deste Outono: orvalla pesadamente sobre Ithaca cando chego á igrexa, e ao entrar recebe-me unha calor húmeda e visguenta, como un alento animal.
Sento nos bancos do meio porque hai pouca xente: vexo a Polis diante, de negro, completamente só; entre el e eu conto 62 persoas, incluíndo os colegas do despacho, o mendigo de garda e o própio cura. Conto e reconto, e paso lista aos mortos coñecidos, e pinto sen éxito os círculos olímpicos no chao de madeira coa auga que escorre do paraugas mentres o cura reza e encomenda a alma de Merceditas, a quen chama serva del-Señor.
Ao acabar todo espero por Polis baixo o paraugas; cando termina de dar a mao e receber abrazos, e se achega a min, podo ver como unha pinga inoportuna de choiva lle esvara pola meixela: Saca-me pronto daqui.

1 comentario:

Mrs.Doyle dixo...

Afortunadamente vostede estaba alí para rescatar a Polis...


Grazas por engadirme ao seu "paseo da fama particular". Eu tamén espero que sexa o principio dunha amizade.