luns, 13 de novembro de 2006

Presente

O presente de Polis non foi unha Bíblia, como pode parecer pola ilustración da esquerda, senón un caderno de notas con follas raiadas e firmemente cosidas a unhas tapas de hule: o meu primeiro Moleskine, da estirpe daqueles fecundos cadernos que serviron a Picasso, a Chatwin ou a Hemingway.
Mentres Polis persegue cos pauíños as talladas de porco no seu prato e me mira aos poucos, abro a goma e descubro que ademais de follas en branco hai mapas e planos despregáveis, porque é un caderno de viaxe do que cai, sobre os papeis do embrullo que teño no colo, un billete de avión para primeiros de Decembro: É para ti enchere-lo coa crónica da viaxe dos dous.
Fico tan desconcertado que cámbio de opinión várias veces e ao final discutimos porque insisto en pagar a miña parte; os líchis quedan na tarrina de alumínio e Polis vai para a cociña cos pratos, e eu sigo-o e sento e meto a Colacao e a Tadsio no asunto, e Polis enfada-se porque non hai auga quente, e eu saio a acender o quentador e cando volto seguimos a dar-lle mecha, e ao pouco os dous ficamos calados, como se o ruído da louza que frega Polis nos interesase muito.
E o siléncio non se rompeu despois, excepto co fechar da porta cando el marchou, e asi estamos hoxe: os líchis esmorecendo na neveira, o billete sobre a mesa da sala e o teléfono inerte nas duas direccións.

2 comentarios:

Mrs.Doyle dixo...

Que marabilloso regalo!

Eu nunca viaxo sen un moleskine onde describir as miñas impresións...

Acepte a invitación. Xa terá ocasión de corresponder a Polis ese xeneroso acto.

Romo é un lugar que merece a pena.

Tongzhi dixo...

Muito bonito e muito útil. É a única maneira de se conseguir manter as notas para depois consultar