luns, 27 de novembro de 2006

De cine

O novo temporal cancelou-me a visita aos Haddock; como Deus sempre que fecha unha porta abre logo unha xanela, este finde estivo aqui Nican a facer-me saír para unhas cervexas; conseguiu-no Venres, e fixemos medrar a espuma dos vasos con proxectos e recordos mentres, fóra do local, Ithaca macerava no dilúvio.
Sábado, por contra, presentou-se Polis cunha botella de viño baixo o brazo e certa peliculísima alugada, ou de como unha mala novela pare un enxendro pésimo, por muito que haxa lista de espera para collé-la no videoclube.
Cando a lin hai dous anos, á mala novela recoñecin-lle polo menos que era capaz de entreter-me, pero Sábado, seguramente por mor do tinto e a manduca á base de queixos e patés, literalmente adormecin no sofá mentres Amélie e o pai do neno de Algo para recordar voavan no avión privado de Gandalf, e mentres ao meu lado Polis declarava fervorosamente que películas coma esta fan-o pensar a un.
Cando despertei Polis ainda estava ali, levando pratos á cociña e vaciando cinceiros, e a película acabara.
Non fixo falta preguntar se marchava ou ía quedar a dormir: poucos minutos máis tarde, estendidos un sobre o outro na miña cama, os dous escenificamos unha nova versión do home de Vitrúbio, esa que talvez non se atreve a dicer o nome.

5 comentarios:

X dixo...

Sempre é fermosa a súa forma de contar as cousas.

arin dixo...

Que irreverencia, meu, esa alusión ó home de Vitrubio!!!! ;)

Mrs.Doyle dixo...

Gústame o seu modo de narrar "os anacos de tempo, do seu tempo".

Non vin esa película nin teño intención de vela.

Sobre o libro, que me pareceu moi entretido ata chegar ás últimas 50 páxinas, teño que decir que ten algo que se me escapa...

Cando un libro é tan lido, incluso por xente que nunca le e a pesar da falta de rigor histórico, o libro ten algo...

Recordo ir en metro (hora punta) e a toda a xente lendo ese libro, oín moitísimas conversas sobre el, incluso a unha amiga un tipo parouna na rúa, porque a viu co libro na man e quería unha opinión dunha persoa á que non coñecera de nada,... Esto non pasa con tódolos libros.

La queue bleue dixo...

Encantas-me. :)
Manduca, chico, havia tempo que nom via/ouvia essa palavra!
Vejo-te com boa cara, se se me permite a licença poética.

Plattdorf dixo...

Deus, esa caste de relación vinina eu hai tempo.