Termo forxado en 2000 polo nobel de Química, Paul Crutzen, para designar a época da historia en que o ser humano adquiriu a inédita potencia de modificar a Terra, de xeito que a pegada da actividade humana ficará para sempre gravada en todo o planeta coma unha liña perfectamente identificable nos estratos que se ha de ver dentro de miles ou millóns de anos en covas ou cantís, e acabará sendo (mal que nos pese aos que vivimos agora) unha referencia permanente para os científicos do futuro.
sábado, 5 de novembro de 2016
Asturias
| Cudillero baixo a néboa |
A nosa última fuga foi a semana pasada ao Principado, aproveitando a ponte e esta meteoroloxía estraña que nos goberna e algúns empezamos xa a bautizar como vrautono.
Nesta ocasión fomos no coche novo de Venres, que foi o gran protagonista, vermello e desafiante, arrecendendo a novo: había que rodalo pero, sobre todo, entenderse con Marisa, a inflexible moza do navegador, e, unha vez aparcado en zona azul, regresar cada dúas horas para lle dar as tomas sucesivas de un euro con setenta.
Cudillero recibiunos ateigado de visitantes e envolto nunha néboa cerrada; nas fotos que tiramos no porto, os barcos e o espigón aparecen como espectros varados nun mar inmóbil e metálico. Xantamos onde puidemos, porque a demanda era moita e os bares non daban abasto. Daquela, descubrín con asombro que a Venres non só non lle gustan os legumes senón que os detesta; mal vamos, pensei, véndolle rillar o cachopo.
Cando chegamos a Vetusta a néboa da mañá era a lembranza dun mal soño. A voz xuvenil e implacable de Marisa guiounos por prazas e avenidas até onde boamente lle deu a gana, e ao hostal cumpriunos chegar como puidemos; despois de cebar a zona azul e tomarmos posesión do cuarto, humilde pero recén pintado, botamos a andar Uría adiante a cumprir cun dos obxectivos da misión: fotografarnos ao pé da estatua de Mafalda, para o que tivemos que agardar vinte minutos nunha bicha que non paraba de medrar.
Da oficina de turismo Venres veu moi contento cun plano da cidade, unha folla de horarios e un mapa de Asturias, pero a realidade iríase impoñendo pouco a pouco: o luns é o día que os museos pechan, este martes tamén pechaban por ser festivo; Villaviciosa, por moito que sexa a terra da sidra, estaba lonxe; o aparcamento e a néboa complicábannos a visita a Xixón; Luarca e Avilés quedarían para o regreso.
Ao final non saímos de Vetusta: visitamos na Catedral, que Venres ao parecer sempre atopaba pechada, a Cámara Santa, e cando preguntou polo lugar en que na serie puxeran o confesionario do Maxistral, inventeille (que Deus me perdoe) un recanto acolledor con vistas ao altar.
Por suposto, fixemos miles de selfies, de xeito que non quedou recanto na cidade sen inmortalizar coas nosas caras estampadas. E as dúas noites, fuxindo de ridículos zombis e meigas de medio pelo, quedamos cuns amigos de Venres para picar aquí e alí e celebrarmos a vida: influídos sen dúbida polo ambiente, convocamos o fantasma de quen, despois de traballar dez anos comigo, non dera aprendido o meu nome e aínda me chamaba amigo o día antes de matarse nun accidente de tráfico camiño do traballo. É posible que nunha noite así nos estivese a asexar polas sidrarías vestida con aquel abrigo de pel sen mangas, á moda dos Picapedra, que levaba todo o inveno, ou coa mortalla da Dolorosa con que a vin por última vez, sen ninguén que a velase a quen dar o pésame, completamente soa antes do enterro.
Por suposto, fixemos miles de selfies, de xeito que non quedou recanto na cidade sen inmortalizar coas nosas caras estampadas. E as dúas noites, fuxindo de ridículos zombis e meigas de medio pelo, quedamos cuns amigos de Venres para picar aquí e alí e celebrarmos a vida: influídos sen dúbida polo ambiente, convocamos o fantasma de quen, despois de traballar dez anos comigo, non dera aprendido o meu nome e aínda me chamaba amigo o día antes de matarse nun accidente de tráfico camiño do traballo. É posible que nunha noite así nos estivese a asexar polas sidrarías vestida con aquel abrigo de pel sen mangas, á moda dos Picapedra, que levaba todo o inveno, ou coa mortalla da Dolorosa con que a vin por última vez, sen ninguén que a velase a quen dar o pésame, completamente soa antes do enterro.
Regresando, parada en Avilés. Queriamos visitar a pirámide que herdaron dos tempos en que todos eramos ricos e estabamos encantados de selo. O Centro Nienmeyer, que fai tolear de entusiasmo a miña sobriña en canto recibe as primeiras fotos, está case vacío á hora en que chegamos; pedimos uns bocatas e unhas colas para completar o xantar empezado na casa de G. co vermú e as fatías de empanada: a impresión desoladora confírmanola a muller que atende o bar: na torre futurista que chama a atención hai un restaurante, pero está pechado porque ninguén se presentou ao concurso de arrendamento.
Camiñamos un bon pedazo pola enorme esplanada esquivando nenos en bicicleta e tipos que, coma nós, fan fotos; despois de soltar tres euros por barba, entramos nunha exposición de fotos, como perdida dentro dunha inmensa sala tapizada en vermello en que ninguén máis entrou, e acabamos marchando do recinto e de Avilés cunha sensación de dejà vu: esta pirámide e as nosas pirámides son unha e a mesma pirámide.
martes, 1 de novembro de 2016
domingo, 30 de outubro de 2016
Defuntos
![]() |
| Parque (antes cemiterio) de Bonaval |
O certo é que recea que, cando chegue o momento, o cura se poña chulo e se negue a facerlle a meu pai un funeral como é debido, ou que para evitalo nos toque ir á procura dun panteón caritativo en que depositar as cinzas, un pouco o que ocorreu coa nena medio parente que morreu hai seis décadas.
venres, 28 de outubro de 2016
A miña historia con Venres
Pois, señores, despois de meses evitándoo coincidindo fugazmente nos lugares máis inesperados (a última vez, o domingo pasado, ao saírmos a nena e eu de comer o polbo nas casetas e entrar el cunha caterva de letrados), onte non houbo escapatoria posible. É verdade que pola tarde, cando chamou, acordáramos a ver se o sábado ou mellor a semana que vén, pero Polis, que me coñece demasiado, estaba á noite co batmóbil á porta do local de ensaio, decidido a todo se non lle contaba dunha vez a miña historia con Venres.
Achantei: alá deixei as partituras no coche e con elas as esperanzas dunha noite tranquila, e no del fomos cear a un deses sitios solemnes que lle gustan tanto, case vacio por ser mércores. Despois duns tanteos iniciais (a miña glicemia, os seus triglicéridos, as nosas respectivas vesículas) empezou un terceiro grao en toda regra. Prato a prato, e copa a copa (pronto, xa botella a botella), conteille a Polis como coñecín a Venres un serán de domingo en Delfos, onde vive; recoñecinlle que, aínda que sei en que consellaría traballa, ignoro totalmente en que consiste a súa función (é certo que non lle atendo moito cando mo explica); ensinándolle fotos do móbil, cumpriume confesarlle que lle levo oito anos, ao que Polis repuxo que lle parecía riquiño e que non se notaba a diferenza de idade, e que se notaría menos se me rapase esta barba cada vez máis branca; pasando por riba das cousas de cama e bragueta que entusiasman a Polis, concordei con el en que despois de ano e medio véndonos case cada fin de semana, wasapeando cada serán antes de nos irmos para a cama e facendo escapadas en pontes e vacacións, esta é a cousa máis seria que vivín desde que os dinosaurios baixaban a beber ao Miño e eu aínda era un marido. Para confirmar o que fose, o wasap chiaba a cada pouco.
Acabábamos o bacallau e a segunda botella cando lle confirmei que intercambiáramos as chaves da casa; de pouco valeu dicirlle que, os luns que amañezo en Delfos, Venres sae antes ca min para ir ao traballo e son eu quen ten que pechar a porta.
Logo todo se complicou; fomos aquí e alí, manobrando entre a néboa, e ás tres da madrugada baixaba eu do batmóbil diante do meu portal cun índice en sangue de godello, licor café e cervexa capaz de facerme esquecer que deixara o coche aparcado no outro extremo de Ithaca, xusto ao pé do local de ensaio. Cando o lembrei, Polis xa marchara.
domingo, 23 de outubro de 2016
Kilómetros
8.00: O deber inescusable de carácter privado que teño marcado para as 12 permíteme durmir unha horiña máis. A casa está fría, principalmente despois da ducha. Tras o almorzo fumo dous cigarros; o último nin o termino: é a estúpida obsesión de non dar chegado. Antes das nove pillo o coche e poño rumbo a un xulgado nun punto equidistante entre Delfos e Manderley.
10.00: Asumindo que vou demasiado cedo, paro de camiño a tomar outro café e a comprar tabaco nunha tenda-estanco; o exceso de café e unha muller que tende roupa no aparcamento fanme a entrar de novo para comprobar que aínda sobreviven as espeluznantes placas turcas en retretes de posguerra; tal é así que volvo ao coche co estómago revolto.
12.00: A procuradora explícanos na porta do xulgado que a avogada non vai vir por culpa dunha endodoncia, e que a súa señoría tampouco estará presente porque en realidade non estamos citados; ao parecer, aténdennos de favor. O escaneado do convenio que mandamos é tan tenue que case non se le e hai que presentalo en papel para que a xuíza non o rexeite. Recoñecemos o documento e asinamos os poderes; o trámite non leva nin dez minutos.
12.15: Saímos do xulgado e camiñamos devagar ao sol, sen rumbo, entre persoas que se moven en todas direccións, algunhas cargando bolsas porque veñen do mercado. A carpeta de plástico vacía onde ía o convenio pasa das miñas mans ás dela, e sucesivamente viaxará entre as nosas mans durante case unha hora, coma un símbolo. Xa sentados nun banco, os vagos reproches, as réplicas e as contrarréplicas, esa inútil contabilidade dos miles de horas que ela pasou en consultas de pediatras e dentistas, en ensaios, en adestramentos e partidos, en cumpreanos, os miles de kilómetros que viaxei eu todos estes anos para recoller a nena en fins de semana alternos e insignificantes, esmorecen lentamente e, cos ollos húmidos, acabamos por nos centrarmos no que verdadeiramente importa, esa nena espléndida da que nos sentimos orgullosos.
14.45: Espero por Venres fumando na entrada do centro comercial, despois de comprar algunha roupa de inverno e perderme varias veces. Mentres xantamos (bastante escasamente) nunha estraña pulpería ultramoderna, tan típica e enxebremente galega que até se esqueceron da lingua, cóntolle a aventura do xulgado e, moi por riba, o demais. El cóntame do cumpre que lle toca esta semana e organizamos algo para o serán do domingo.
17.00: Con bastante retraso sobre o previsto, saio para Manderley a recoller a señorita Kaplan, que espera xa coa maleta feita, a mochila cargada de libros e deberes cos que compartiremos o fin de semana e moitas ganas de me poñer ao día. En canto arrinca o coche, a señorita Kaplan empeza a súa disertación, que xa non parará practicamente até vermos asomar o sky line de Ithaca.
19.45: Instalada a nena, rodeada de todo o que a fai feliz (o móbil, a wifi, a tele, un libro, as zapatillas) saio a toda présa para o ensaio: co Tamborileiro abrimos a temporada de Nadal.
sábado, 15 de outubro de 2016
Fin de festa
Rematou o Sampailán deste ano, e rematou con cambio de tempo: fixo aparición a choiva e, claro indicativo de que aquilo do san Miguel rematou, teño as mans frías.
Polo demais, cumpriuse con (case) todo o ritual indíxena, como manda a tradición: houbo paparota familiar con polbo e rudo viño da casa, nun sitio enxebremente decorado a base de nasas, chantos e gaitas; meu pai, apertando e collendo do brazo a meu cuñado para que o levase até a mesa, recreou en technicolor a escena bíblica: pódese dicir que por unhas racións de polbo, que ademais paguei eu, cedín a miña primoxenitura.
A señorita Kaplan recaudou o seu bon diñeiro e, con bastante présa por gastalo, descubriu esas máquinas comecartos con plataformas que avanzan e retroceden cheas de moedas que van caendo; o botín non compensou o investimento: un reloxio dixital que non funciona, un chaveiro cun coello de penuxe e un chifro para patos.
Para o fin de festa, en lugar dos Haddock esta vez viñeron Venres e tres dos seus amigos de Delfos: Pirata, Bertamiráns e o Reverendo, que, sorpresas da vida, foi alumno meu en Ithaca no Cretácico Superior, cando os dinosaurios campaban polas Cortiñas de San Román e a el, que non tiña nin sombra de barba, xa lle empezaban os rapaces a alvorotar o galiñeiro; así o conta mentres rillamos como podemos o correoso entrecosto da cea, que se desangra repulsivamente nos pratos deles.
Logo dun infame licor café moi pasado de octanos botámonos á rúa: propuxen ir a aquel local anteriormente coñecido como o Emo, onde (regandixas da lei) aínda se pode fumar, e entre isto e atoparmos nel algúns coñecidos aos que non volvera ver en décadas, sería como pillar un bucle temporal e regresarmos a 1995, salvo porque agora xa non valen as pesetas, o local está inzado de hipsters, e o móbil de Pirata, que xurou que de Ithaca non marchaba sen botar un ferrete, non lle daba abasto cos asubíos.
sábado, 8 de outubro de 2016
A caixa de Pandora
Posiblemente foi algo máis que deixadez o de irmos deixando o asunto tantos anos, mesmo cando chegou a nova lei que simplificaba as cousas (aínda que non para nós, que somos do plan antigo), o caso é que empezar cos trámites do divorcio e abrir a caixa de Pandora foi todo un.
En primeiro lugar, a miña ex non entende por que nos temos que divorciar precisamente agora, así que bota os seus cálculos, e o resultado da súa lóxica resúmese entre risas na frase de onte cando xa case saíamos para aquí: Nena, hai que comprarche un vestido, que papá vai casar.
Felizmente, a miña ex acepta que nos divorciemos e pagará a súa parte dos gastos, pero sublévaa que a avogada sexa tan incompetente como para nos dar a asinar unha mala copia-e-pega do convenio regulador doutra parella, casada pola igrexa e cun fillo chamado Diego.
Que tivese que ser eu quen traducise o texto que acabamos de asinar sobre a mesa do comedor lévaa a dicir non sen certa razón que a avogada nos podía facer algún desconto, pero cando pregunta por que non lle pedín a Polis que nos levase o caso teño que esforzarme por non lle lembrar a berros que nunca foron capaces de estaren na mesma habitación sen temermos os demais unha traxedia.
En lugar diso, e como a estas alturas non vale xa a pena discutir, respondo que Polis non é avogado de familia, e ela marcha escaleiras arriba a cismar, como nos vellos tempos, mentres a señorita Kaplan vai cargando no coche a maleta coa roupa e a mochila cos libros, e a gata Matilde ao pé do limoeiro lambe a coniña ao sol na tarde outoniza..
xoves, 6 de outubro de 2016
Secret hole
Como Tony Leung na película, vou ir á procura dun muro nun lugar remoto polo que non pase xente, buscar un furado na pedra e besbellar nel, coa boca ben pegadiña para que ninguén me escoite, que por moito que nos doia foron outros os que gañaron a primeira vez apesar dos escándalos de corrupción e da súa política falaz e mesquiña, que volveron gañar seis meses despois aumentando a vantaxe, que volverán gañar e quizais por maioría absoluta se hai novas eleccións, e que daquela estaremos moito peor que un ano atrás, un ano totalmente perdido e gratuitamente entregado, cunha esquerda máis preocupada por destruírse con entelequias e postureos que por facer oposición e suavizar as políticas nefastas que nos afogan.
Despois taparei o meu furado con barro, darei media volta e seguirei como ata agora, farto de escoitar o que escoito e de ver o que vexo e de sentir o que sinto cando poño a tele, mentres fumamos o cigarro no recreo, durante o xantar coa miña mai, cada vez que abro un wasap de Polis ou de Antoine, lendo a prensa cada mañá, facendo sobremesa con Venres ou antes de nos erguermos, cando o día parece que promete outra cousa.
martes, 27 de setembro de 2016
Starter
Venres cambia de coche e está a poñer a proba a miña paciencia facéndome acompañalo aquí, alá e acolá por aquilo de que catro ollos ven máis que dous, e de que el sempre foi moi dubitativo. Non entende que eu son o tipo máis rápido a este lado do Miño, e que o vendedor aínda me lembra como quen lle comprou un kilómetro 0 en menos de media hora, e ao contado, cousa que por certo é hoxe unha rareza.
De pouco valeu contarlle que esa vez preguntei se o coche viña co cassette incluído e o vendedor me corrixiu, para vergoña da señorita Kaplan, dicindo que agora todos levaban portacedés; tampouco serviu que a semana pasada, ao ver un botonciño xunto ao volante, eu preguntase se aquilo era o starter cando en realidade era un ambiendor para o habitáculo.
Venres segue, invariablemente, verténdome cada noite polo auricular datos sobre financiamentos e descontos e ampliacións de garantía e coberturas aos que, tamén invariablemente, respondo ao chou mentres mentalmente trato de entender que c... significa a frase Deseño reafirmado que demostra un frontal enérxico e a súa calandra superior, que agora integra os chevróns e unha nova asinatura de faros diurnos LED dianteiros que vén no catálogo.
Venres segue, invariablemente, verténdome cada noite polo auricular datos sobre financiamentos e descontos e ampliacións de garantía e coberturas aos que, tamén invariablemente, respondo ao chou mentres mentalmente trato de entender que c... significa a frase Deseño reafirmado que demostra un frontal enérxico e a súa calandra superior, que agora integra os chevróns e unha nova asinatura de faros diurnos LED dianteiros que vén no catálogo.
mércores, 14 de setembro de 2016
Tres días
Sábado: A tan adiada expedición a Brigantia porfín sucedeu hoxe. Pola mañá, visita ao cemiterio de San Amaro baixo un ceo entoldado e ameazante; sen perder de vista o mar de chumbo que batía ao lonxe contra Seixo Branco, orvallou por nós sen clemencia e lentamente fomos descubrindo algunhas lápidas que nos interesaban. O enterrador, voluntarioso pero limitado, levounos a trote á de Curros e desculpouse cen veces por non saber das outras.
Pola tarde, no Ikea convertido en manicomio familiar, xantamos e compramos o armario de cociña para Venres, as copas para Venres, os caixóns de reciclaxe para Venres, a pota para Venres e os coitelos para Venres; para min, tan só un ridículo cepillo con ventosa para o lavalouza.
Domingo: Monumental resaca. Cura de sono e convalecencia a base de ibuprofeno tras deitármonos cando xa amañecía; coma dous vampiros, cumpriunos saír de novo ao escurecer á procura de algo que cear.
Luns: Vou a Atenas a levar a documentación do divorcio. A avogada, a mesma que nos tramitou a separación, tarda en recibirme; a cliente que me precede sae do despacho cos ollos chorosos. Cando entro empeza a comedia: a avogada dáme dous bicos como se fósemos intimísimos, di que se acorda perfectamente de min e que me atopa máis delgado; revisa os papeis que lle vou pasando e, ao ver o certificado de nacemento da nena, comenta que aquela caquita é agora toda unha señorita.
A avogada lévame tres anos (podo velo no título que ten colgado na parede) pero as súas mans, con veas e manchas na pel moi solta, son as dunha vella; a avogada ten un tic na cara que a fai parecer un rato mentres fedella nos papeis e musga os ollos cara á pantalla do ordenador e vai falando de exhortos e demais cousas do procedemento.
Penso en Polis, en se actuará así cos clientes no despacho, e daquela ocórreseme que terei que inventar algo para xustificar que non nos leve el o caso. Principalmente cando a avogada conclúe que nos vai saír baratiña a festa. Uns 600 ou 700, di; cada un, engade.
martes, 13 de setembro de 2016
Tatuaxe
"A tatuaxe da mamá pagámola a escote entre todos os irmáns".
(Escoitado un día destes na rúa)
(Escoitado un día destes na rúa)
xoves, 8 de setembro de 2016
Segovia
Calquera que visita por unhas horas unha cidade (poñamos por caso Segovia), en canto chega (café mediante ou non) probablemente dirixirá os pasos ao centro histórico, á cerna, onde os grupos de turistas se expanden polas estreitas rúas e bloquean a entrada aos monumentos; así fixen eu a primeira vez que fun a Segovia, un frío Xoves Santo de hai dezanove anos, ansioso por fotografar o Acueduto e as torres de conto do Alcázar.
Sen embargo, escrito estaba que non volvería ocorrer.
Antoine, atormentado sempre na cidade polos horarios dos buses e as combinacións do metro, resultou ser por contra un andarín a proba de infartos. Indicios xa mos foi dando polo camiño, ao poñer nome desde o ómnibus aos montes que se vían na distancia (Cuelgamuros, Alto del León, La Maliciosa, Siete Picos, La Peineta, Montón de Trigo, La Bola del Mundo), testemuñas das súas antigas camiñadas pola serra.
Así que a visita a Segovia foi de fóra a dentro: desde a necrópole xudía de El Pinarillo, ao outro lado do Clamores, coas tumbas antropomorfas escavadas na rocha viva e cubertas de frouma, fomos abeirando a cidade desde abaixo a través dun verxel inesperado. Tras detérmonos para fotografar o Alcázar e recuperar folgos no campo de San Marcos, case onde o Clamores se une ao Eresma, visitei nos Carmelitas a tumba de San Xoán da Cruz. O opulento sepulcro de mármore e bronce en que xacen os restos do humilde entre os humildes nada ten que ver coa pobre sepultura orixinal que se pode ver nun recanto da capela; só as palabras Vuélvete paloma no pano do altar e os feos gravados coas caras de San Juan e Santa Teresa evocan algo de verdade; escapo de alí cando un grupo de cristiáns con guitarras se poñen a ensaiar para dar testemuño da súa fe.
A marcha campo a través rodeando a cidade, esta vez abeirando o Eresma, prosegue tras a visita á Vera Cruz, a igrexa octogonal dos templarios chantada no medio do secarral amarelo e ardente; sen pararmos máis que para fumar e beber nalgunha fonte, subimos á cidade e entramos nela pola Porta de Santiago, desfalecidos, suados e guiados por unha fame canina.
O prato do día no comedor subterráneo dun bar, e un excelente tinto, fíxonos outra vez humanos e devolveunos a curiosidade suficiente para visitar a Catedral; antes de entrar, comprei unha menina, turistiqueira pero bonita, para a colección de Venres.
Por suposto, seguimos sen discusión o consello da que vendía os billetes (a dixestión, a calor da sobremesa, a altura, os centos de chanzos pola escaleira estreita) e non subimos á torre; limitámonos a camiñar polas naves luminosas e case vacías, e o claustro gótico.
Despois, no lento periplo de regreso ao autobús, pasamos xunto a fermosas igrexas románicas con adro porticado, camiñamos polas estreitas ruelas da xudaría, chegamos ao Alcázar sen entrarmos nel, fotografamos preciosas casas de pallabarro con portas de arco, admiramos o Acueduto e, como despedida, tomamos unhas cañas nun bar aberto na propia muralla medieval.
Cansos e satisfeitos por canto atesourábamos na retina e na memoria da cámara, retornamos para Madrid cando o sol se poñía. Pero antes Segovia aínda nos reservaba unha sorpresa, inexplicable e surrealista: a beirarrúa estaba estrada de selos de Franco; bastaba seguilos, como no conto, para chegar á paraxe do autobús.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)







