s.f. Melancolia causada pela lembrança de um bem de que se está agora falto; mágoa que se sente pela ausência ou desaparecimento de pessoas, coisas, estados ou acções.
(Dicionário da PORTO Editora)
sábado, 5 de novembro de 2016
Asturias
| Cudillero baixo a néboa |
A nosa última fuga foi a semana pasada ao Principado, aproveitando a ponte e esta meteoroloxía estraña que nos goberna e algúns empezamos xa a bautizar como vrautono.
Nesta ocasión fomos no coche novo de Venres, que foi o gran protagonista, vermello e desafiante, arrecendendo a novo: había que rodalo pero, sobre todo, entenderse con Marisa, a inflexible moza do navegador, e, unha vez aparcado en zona azul, regresar cada dúas horas para lle dar as tomas sucesivas de un euro con setenta.
Cudillero recibiunos ateigado de visitantes e envolto nunha néboa cerrada; nas fotos que tiramos no porto, os barcos e o espigón aparecen como espectros varados nun mar inmóbil e metálico. Xantamos onde puidemos, porque a demanda era moita e os bares non daban abasto. Daquela, descubrín con asombro que a Venres non só non lle gustan os legumes senón que os detesta; mal vamos, pensei, véndolle rillar o cachopo.
Cando chegamos a Vetusta a néboa da mañá era a lembranza dun mal soño. A voz xuvenil e implacable de Marisa guiounos por prazas e avenidas até onde boamente lle deu a gana, e ao hostal cumpriunos chegar como puidemos; despois de cebar a zona azul e tomarmos posesión do cuarto, humilde pero recén pintado, botamos a andar Uría adiante a cumprir cun dos obxectivos da misión: fotografarnos ao pé da estatua de Mafalda, para o que tivemos que agardar vinte minutos nunha bicha que non paraba de medrar.
Da oficina de turismo Venres veu moi contento cun plano da cidade, unha folla de horarios e un mapa de Asturias, pero a realidade iríase impoñendo pouco a pouco: o luns é o día que os museos pechan, este martes tamén pechaban por ser festivo; Villaviciosa, por moito que sexa a terra da sidra, estaba lonxe; o aparcamento e a néboa complicábannos a visita a Xixón; Luarca e Avilés quedarían para o regreso.
Ao final non saímos de Vetusta: visitamos na Catedral, que Venres ao parecer sempre atopaba pechada, a Cámara Santa, e cando preguntou polo lugar en que na serie puxeran o confesionario do Maxistral, inventeille (que Deus me perdoe) un recanto acolledor con vistas ao altar.
Por suposto, fixemos miles de selfies, de xeito que non quedou recanto na cidade sen inmortalizar coas nosas caras estampadas. E as dúas noites, fuxindo de ridículos zombis e meigas de medio pelo, quedamos cuns amigos de Venres para picar aquí e alí e celebrarmos a vida: influídos sen dúbida polo ambiente, convocamos o fantasma de quen, despois de traballar dez anos comigo, non dera aprendido o meu nome e aínda me chamaba amigo o día antes de matarse nun accidente de tráfico camiño do traballo. É posible que nunha noite así nos estivese a asexar polas sidrarías vestida con aquel abrigo de pel sen mangas, á moda dos Picapedra, que levaba todo o inveno, ou coa mortalla da Dolorosa con que a vin por última vez, sen ninguén que a velase a quen dar o pésame, completamente soa antes do enterro.
Por suposto, fixemos miles de selfies, de xeito que non quedou recanto na cidade sen inmortalizar coas nosas caras estampadas. E as dúas noites, fuxindo de ridículos zombis e meigas de medio pelo, quedamos cuns amigos de Venres para picar aquí e alí e celebrarmos a vida: influídos sen dúbida polo ambiente, convocamos o fantasma de quen, despois de traballar dez anos comigo, non dera aprendido o meu nome e aínda me chamaba amigo o día antes de matarse nun accidente de tráfico camiño do traballo. É posible que nunha noite así nos estivese a asexar polas sidrarías vestida con aquel abrigo de pel sen mangas, á moda dos Picapedra, que levaba todo o inveno, ou coa mortalla da Dolorosa con que a vin por última vez, sen ninguén que a velase a quen dar o pésame, completamente soa antes do enterro.
Regresando, parada en Avilés. Queriamos visitar a pirámide que herdaron dos tempos en que todos eramos ricos e estabamos encantados de selo. O Centro Nienmeyer, que fai tolear de entusiasmo a miña sobriña en canto recibe as primeiras fotos, está case vacío á hora en que chegamos; pedimos uns bocatas e unhas colas para completar o xantar empezado na casa de G. co vermú e as fatías de empanada: a impresión desoladora confírmanola a muller que atende o bar: na torre futurista que chama a atención hai un restaurante, pero está pechado porque ninguén se presentou ao concurso de arrendamento.
Camiñamos un bon pedazo pola enorme esplanada esquivando nenos en bicicleta e tipos que, coma nós, fan fotos; despois de soltar tres euros por barba, entramos nunha exposición de fotos, como perdida dentro dunha inmensa sala tapizada en vermello en que ninguén máis entrou, e acabamos marchando do recinto e de Avilés cunha sensación de dejà vu: esta pirámide e as nosas pirámides son unha e a mesma pirámide.
martes, 1 de novembro de 2016
domingo, 30 de outubro de 2016
Defuntos
![]() |
| Parque (antes cemiterio) de Bonaval |
O certo é que recea que, cando chegue o momento, o cura se poña chulo e se negue a facerlle a meu pai un funeral como é debido, ou que para evitalo nos toque ir á procura dun panteón caritativo en que depositar as cinzas, un pouco o que ocorreu coa nena medio parente que morreu hai seis décadas.
venres, 28 de outubro de 2016
A miña historia con Venres
Pois, señores, despois de meses evitándoo coincidindo fugazmente nos lugares máis inesperados (a última vez, o domingo pasado, ao saírmos a nena e eu de comer o polbo nas casetas e entrar el cunha caterva de letrados), onte non houbo escapatoria posible. É verdade que pola tarde, cando chamou, acordáramos a ver se o sábado ou mellor a semana que vén, pero Polis, que me coñece demasiado, estaba á noite co batmóbil á porta do local de ensaio, decidido a todo se non lle contaba dunha vez a miña historia con Venres.
Achantei: alá deixei as partituras no coche e con elas as esperanzas dunha noite tranquila, e no del fomos cear a un deses sitios solemnes que lle gustan tanto, case vacio por ser mércores. Despois duns tanteos iniciais (a miña glicemia, os seus triglicéridos, as nosas respectivas vesículas) empezou un terceiro grao en toda regra. Prato a prato, e copa a copa (pronto, xa botella a botella), conteille a Polis como coñecín a Venres un serán de domingo en Delfos, onde vive; recoñecinlle que, aínda que sei en que consellaría traballa, ignoro totalmente en que consiste a súa función (é certo que non lle atendo moito cando mo explica); ensinándolle fotos do móbil, cumpriume confesarlle que lle levo oito anos, ao que Polis repuxo que lle parecía riquiño e que non se notaba a diferenza de idade, e que se notaría menos se me rapase esta barba cada vez máis branca; pasando por riba das cousas de cama e bragueta que entusiasman a Polis, concordei con el en que despois de ano e medio véndonos case cada fin de semana, wasapeando cada serán antes de nos irmos para a cama e facendo escapadas en pontes e vacacións, esta é a cousa máis seria que vivín desde que os dinosaurios baixaban a beber ao Miño e eu aínda era un marido. Para confirmar o que fose, o wasap chiaba a cada pouco.
Acabábamos o bacallau e a segunda botella cando lle confirmei que intercambiáramos as chaves da casa; de pouco valeu dicirlle que, os luns que amañezo en Delfos, Venres sae antes ca min para ir ao traballo e son eu quen ten que pechar a porta.
Logo todo se complicou; fomos aquí e alí, manobrando entre a néboa, e ás tres da madrugada baixaba eu do batmóbil diante do meu portal cun índice en sangue de godello, licor café e cervexa capaz de facerme esquecer que deixara o coche aparcado no outro extremo de Ithaca, xusto ao pé do local de ensaio. Cando o lembrei, Polis xa marchara.
domingo, 23 de outubro de 2016
Kilómetros
8.00: O deber inescusable de carácter privado que teño marcado para as 12 permíteme durmir unha horiña máis. A casa está fría, principalmente despois da ducha. Tras o almorzo fumo dous cigarros; o último nin o termino: é a estúpida obsesión de non dar chegado. Antes das nove pillo o coche e poño rumbo a un xulgado nun punto equidistante entre Delfos e Manderley.
10.00: Asumindo que vou demasiado cedo, paro de camiño a tomar outro café e a comprar tabaco nunha tenda-estanco; o exceso de café e unha muller que tende roupa no aparcamento fanme a entrar de novo para comprobar que aínda sobreviven as espeluznantes placas turcas en retretes de posguerra; tal é así que volvo ao coche co estómago revolto.
12.00: A procuradora explícanos na porta do xulgado que a avogada non vai vir por culpa dunha endodoncia, e que a súa señoría tampouco estará presente porque en realidade non estamos citados; ao parecer, aténdennos de favor. O escaneado do convenio que mandamos é tan tenue que case non se le e hai que presentalo en papel para que a xuíza non o rexeite. Recoñecemos o documento e asinamos os poderes; o trámite non leva nin dez minutos.
12.15: Saímos do xulgado e camiñamos devagar ao sol, sen rumbo, entre persoas que se moven en todas direccións, algunhas cargando bolsas porque veñen do mercado. A carpeta de plástico vacía onde ía o convenio pasa das miñas mans ás dela, e sucesivamente viaxará entre as nosas mans durante case unha hora, coma un símbolo. Xa sentados nun banco, os vagos reproches, as réplicas e as contrarréplicas, esa inútil contabilidade dos miles de horas que ela pasou en consultas de pediatras e dentistas, en ensaios, en adestramentos e partidos, en cumpreanos, os miles de kilómetros que viaxei eu todos estes anos para recoller a nena en fins de semana alternos e insignificantes, esmorecen lentamente e, cos ollos húmidos, acabamos por nos centrarmos no que verdadeiramente importa, esa nena espléndida da que nos sentimos orgullosos.
14.45: Espero por Venres fumando na entrada do centro comercial, despois de comprar algunha roupa de inverno e perderme varias veces. Mentres xantamos (bastante escasamente) nunha estraña pulpería ultramoderna, tan típica e enxebremente galega que até se esqueceron da lingua, cóntolle a aventura do xulgado e, moi por riba, o demais. El cóntame do cumpre que lle toca esta semana e organizamos algo para o serán do domingo.
17.00: Con bastante retraso sobre o previsto, saio para Manderley a recoller a señorita Kaplan, que espera xa coa maleta feita, a mochila cargada de libros e deberes cos que compartiremos o fin de semana e moitas ganas de me poñer ao día. En canto arrinca o coche, a señorita Kaplan empeza a súa disertación, que xa non parará practicamente até vermos asomar o sky line de Ithaca.
19.45: Instalada a nena, rodeada de todo o que a fai feliz (o móbil, a wifi, a tele, un libro, as zapatillas) saio a toda présa para o ensaio: co Tamborileiro abrimos a temporada de Nadal.
sábado, 15 de outubro de 2016
Fin de festa
Rematou o Sampailán deste ano, e rematou con cambio de tempo: fixo aparición a choiva e, claro indicativo de que aquilo do san Miguel rematou, teño as mans frías.
Polo demais, cumpriuse con (case) todo o ritual indíxena, como manda a tradición: houbo paparota familiar con polbo e rudo viño da casa, nun sitio enxebremente decorado a base de nasas, chantos e gaitas; meu pai, apertando e collendo do brazo a meu cuñado para que o levase até a mesa, recreou en technicolor a escena bíblica: pódese dicir que por unhas racións de polbo, que ademais paguei eu, cedín a miña primoxenitura.
A señorita Kaplan recaudou o seu bon diñeiro e, con bastante présa por gastalo, descubriu esas máquinas comecartos con plataformas que avanzan e retroceden cheas de moedas que van caendo; o botín non compensou o investimento: un reloxio dixital que non funciona, un chaveiro cun coello de penuxe e un chifro para patos.
Para o fin de festa, en lugar dos Haddock esta vez viñeron Venres e tres dos seus amigos de Delfos: Pirata, Bertamiráns e o Reverendo, que, sorpresas da vida, foi alumno meu en Ithaca no Cretácico Superior, cando os dinosaurios campaban polas Cortiñas de San Román e a el, que non tiña nin sombra de barba, xa lle empezaban os rapaces a alvorotar o galiñeiro; así o conta mentres rillamos como podemos o correoso entrecosto da cea, que se desangra repulsivamente nos pratos deles.
Logo dun infame licor café moi pasado de octanos botámonos á rúa: propuxen ir a aquel local anteriormente coñecido como o Emo, onde (regandixas da lei) aínda se pode fumar, e entre isto e atoparmos nel algúns coñecidos aos que non volvera ver en décadas, sería como pillar un bucle temporal e regresarmos a 1995, salvo porque agora xa non valen as pesetas, o local está inzado de hipsters, e o móbil de Pirata, que xurou que de Ithaca non marchaba sen botar un ferrete, non lle daba abasto cos asubíos.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)






