mércores, 27 de decembro de 2006

Mambru

Hai persoas neste mundo coa asombrosa habilidade de obter de un todo tipo de información, co menor esforzo e nos lugares e momentos máis inesperados; se os governantes tivesen máis sentido comun, contratarian para os seus servizos secretos axentes como Mambru, compañeiro meu de piso no Delfos dos verdes anos, e a quen atopo no supermercado. Os índices de violación dos direitos diminuirian, con certeza, e ás grandes redes do terror restarian-lles uns poucos telediários.
Nos escasos minutos que durou a nosa conversación, pegados aos carros da compra e xunto á sección das verduras, Mambru someteu-me a un terceiro grao, sutil pero insistente, e eu acabei cantando coma un canário os detalles da miña vida recente que el non coñecia: o meu traslado a Ithaca, a venda do tobo de Atenas, a relación coa miña filla, a dieta, e até o menu da cea de Noiteboa.
Cando acabou de escoitar-me, erguendo a fronte e co ollar perdido na dirección dos lácteos, coma un rapsoda inspirado, emitiu o diagnóstico: todo se deve, pois, á falta dunha mulleriña que me organice a vida, que me prepare a roupa que vestirei cada dia, que me reciba chea de comprensión á volta da batalla e me dea calor nas noites frias.
E tras citar-me a Nietzsche e a bíblia, e repetir-me que os homes somos sempre nenos e nunca devemos estar sós, despediu-se lamentando que non nos vexamos máis a miudo. No corredor das pastas esperava xa polo seu Mambru a mulleriña que lle organiza a vida, chea de comprensión e de calor para noites coma estas.
E eu fun en sentido contrário, remoendo e enchendo o meu carro de produtos e preguntas.

5 comentarios:

Arin dixo...

Hahahaha! Siga adiante, meu, siga adiante!

X dixo...

Pois eu creo que Mambrú foi un pésimo espía, a proba é que só soubo o que vostede estaba disposto a contarlle, se fose bo tería conseguido a información que se gardou para vostede, non cre?

Anonymous dixo...

Non soporto a ese tipo de persoas que cando se atopan con alguén sométen@ un terceiro grao...

Mrs.Doyle

Tongzhi dixo...

Uma excelente descrição daquilo a que costumo chamar um Cherlokusca!
he he he

Kaplan dixo...

O problema, x, é que eu non estava disposto a contar-lle nada...